No Diario Oficial de Galicia do 19 de novembro de 1999 publicouse un anuncio da Fundación Galicia-Europa convocando axudas para realizar estadías na oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas por parte do persoal ó servicio das entidades membros desta institución.
A finalidade que se persegue con estas estadías é que, contando coa asistencia do persoal da fundación destinado en Bruxelas e dos contactos que a través deste se poidan establecer nas institucións comunitarias, as persoas seleccionadas realicen traballos de investigación en relación con temas comunitarios que sexan de interese para as entidades das que dependan.
Con motivo da incorporación á Fundación Galicia-Europa de novos membros (Consorcio da Zona Franca de Vigo e Banco Portugués de Investimento), e trala experiencia adquirida no desenvolvemento deste programa nos últimos meses, considerouse de interese introducir unha nova modalidade de estadía, que non vén a substituír senón a complementa-la existente. Xa que logo, a convocatoria do 5 de novembro de 1999 continúa vixente, e pódense solicitar estadías nos termos nela establecidos.
Non obstante, a teor do exposto, e coa finalidade de fomentar e impulsa-la realización de prácticas e estudios por parte do persoal ó servicio das entidades membros do seu padroado, a Fundación Galicia-Europa anuncia a convocatoria de oito prazas para realizar estadías na Oficina da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas, segundo os termos e requisitos que a continuación se indican.
1. Características da convocatoria.
-As estadías realizaranse ó longo do ano 2000, período durante o que estará aberta a convocatoria. Non obstante, en función das solicitudes recibidas, a Fundación Galicia-Europa poderá establecer un calendario das estadías, de forma que non concorran máis de dous interesados durante o mesmo período.
-A duración das estadías realizadas segundo este réxime non poderá ser superior a sete días.
-A Fundación Galicia-Europa financiará os gastos de viaxe, aloxamento e manutención, ata un límite de 200.000 pesetas polo global dos conceptos, para cada unha das estadías.
2. Requisitos dos beneficiarios.
-Formar parte do cadro de persoal dalgunha das entidades membros do Padroado da Fundación Galicia Europa.
-Acreditar ter completados estudios universitarios de segundo ciclo.
-Ter un coñecemento profundo de inglés ou de francés.
-Daráselles preferencia a aqueles candidatos que se ocupen de funcións que demanden unha ampliación de coñecementos en relación con temas comunitarios, e que acrediten estudios ou traballos realizados neste sentido.
As persoas interesadas deberán dirixi-la súa solicitude, xunto co currículum, ó director da Fundación Galicia-Europa, e presenta-la no rexistro ou remitila por correo á sede da Fundación Galicia-Europa, rúa dos Feáns nº 5-baixo, 15706, Santiago de Compostela. Nela farán consta-las razóns polas que lles interesa a estadía e o obxecto do traballo que realizarán, así como as datas que lle resultarían máis convenientes.
A solicitude deberá ir xunto coa autorización asinada polo xefe de persoal ou superior competente da entidade membro de que dependa o candidato, así como dos restantes documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos da convocatoria e dunha fotografía tamaño carné.
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2000.
Jaime Pita Varela
Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa

