Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 12 de xuño de 2000 Páx. 9.026

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 25 de maio de 2000 polo que se convocan axudas para a realización de cursos de idiomas en países da Unión Europea, dirixidas ó persoal ó servicio das entidades membros do padroado da fundación.

A Fundación Galicia-Europa ten entre os seus fins a promoción de todas aquelas accións que faciliten o achegamento da sociedade galega a Europa e, polo tanto, do persoal ó servicio das súas entidades membros.

Nunha Unión Europea sen fronteiras físicas é preciso traballar no obxectivo de supera-las barreiras que orixinan outros factores e, en especial, a diversidade lingüística, que lonxe de erixirse como elemento distorsionador do proceso de integración europea debe ser considerado como unha fonte de riqueza.

Desde a Fundación Galicia-Europa considérase unha acción de máximo interese poñer á disposición do persoal ó servicio das súas entidades membros e asociadas a posibilidade de acceder ó estudio ou perfeccionamento das linguas europeas, como vehículo de achegamento ós Estados da Unión e mecanismo de superación de fronteiras entre a cidadanía europea.

Por todo isto, anúnciase a convocatoria de seis bolsas para a realización de cursos de idiomas duran

te este ano 2000, destinadas ó persoal ó servicio das entidades membros da Fundación Galicia-Europa.

1. Beneficiarios.

Poderá solicitar estas axudas o persoal ó servicio de calquera das entidades membros da Fundación Galicia-Europa.

2. Características da convocatoria.

-Poderán ser obxecto da axuda os cursos de aprendizaxe de calquera dos idiomas oficiais da Unión Europea realizados en centros recoñecidos.

-O curso deberá realizarse nun Estado da Unión Europea onde sexa oficial a lingua que se vai estudiar.

-A duración do curso escollido non será superior a un mes.

-Os trámites de admisión no centro escollido serán por conta do beneficiario.

3. Importe.

A Fundación Galicia-Europa financiará, trala xustificación, os gastos de viaxe, matrícula, aloxamento e manutención ata un importe máximo de 250.000 pesetas por curso.

4. Solicitudes.

As solicitudes, debidamente cubertas, deberán dirixirse ó director da Fundación Galicia-Europa e presentalas no rexistro ou remitilas por correo á sede desta entidade en Santiago de Compostela sita en rúa dos Feáns, nº 5-baixo, código postal 15706.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

-Datos persoais do solicitante, incluíndo nome, enderezo, teléfono, fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné.

-Datos relativos á entidade membro na que presta os seus servicios.

-Información detallada referida ó curso que se pretende realizar, incluíndo duración do curso e custos da matrícula.

-Xustificación da necesidade de coñecemento do idioma interesado, para o desenvolvemento das súas funcións.

5. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o día seguinte ó da publicación deste anuncio no

Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2000.

6. Resolución.

A resolución das solicitudes será competencia do director da Fundación Galicia-Europa.

7. Obrigas dos beneficiarios.

-Emprega-la axuda recibida en sufraga-los gastos inherentes á realización do curso de idiomas no país elixido.

-Xustifica-los gastos incorridos na matrícula, desprazamento, mantenza e estadía no país onde se realice o curso de idiomas.

-Xustifica-la realización e o aproveitamento do curso a través de certificación do centro de idiomas no que se atope matriculado.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2000.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa