Analizado o expediente promovido pola Fundación Colonias Escolares Antonio Couce para a aprobación dos seus estatutos,
Resultando que esta fundación foi clasificada como benéfico-docente, por orde ministerial do 27 de febreiro de 1964, encontrándose inscrita no rexistro de fundacións desta consellería co número 70,
Resultando que a Fundación Colonias Escolares Antonio Couce solicitou perante esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a aprobación dos seus estatutos,
Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 1/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado por Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación,
Considerando que as fundacións de interese galego poden aprobar e modifica-los seus estatutos coas condicións previstas nos artigos 5 e 6 da devandita Lei 7/1983 e no artigo 38 do citado regulamento,
Considerando que estes estatutos cumpren coas esixencias dos artigos 5, 6, e 7 da Lei 7/1983, e que son conformes coa vontade fundacional,
Esta consellería, de conformidade co artigo 32.3º do Decreto 248/1992,
RESOLVE:
Primeiro.-Aproba-los estatutos da Fundación Colonias Escolares Antonio Couce segundo constan na escritura pública do 3 de maio de 2000, do notario de Ferrol, Juan-Manuel Míguez Sanesteban (protocolo nº 1.167).
Segundo.-Practica-la correspondente inscrición estatutaria no rexistro de fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrarán en vigor os estatutos desta fundación.
Terceiro.-A presente disposición pon fin á vía administrativa, consonte co establecido no artigo 109.c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2000.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación
Universitaria

