Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 17 de xullo de 2000 Páx. 10.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 189/2000, do 29 de xuño, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Por Lei 2/1999, do 24 de febreiro, constituíuse o Colexio Profesinal de Xornalistas de Galicia.

O devandito colexio, reunido en asemblea constituínte, celebrada os días 8 e 9 de abril de 2000, procedeu á aprobación dos seus estatutos, e solicitou da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal emitiu informe favorable a súa adecuación á legalidade.

Na súa virtude, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, e no Decreto 161/1997, do 5 de xuño, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Disposición adicional

Dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia dos indicados estatutos, que figuran como anexo ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

ANEXO

Capítulo I

Definición e funcións

Artigo 1º.-Definición.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha corporación de dereito público, con perso

nalidade xurídica propia, creada pola Lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, do 24 de febreiro.

Artigo 2º.-Funcións.

As funcións do colexio son:

a) Afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballos.

b) A defensa profesional dos seus membros.

c) Garanti-la independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

d) Defender, de acordo co artigo 20.1º da Constitución española, o dereito á liberdade de información e de expresión garantidas a tódolos cidadadáns.

e) Salvagarda-la sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos.

f) Poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución.

g) Todos aqueles puntos que o colexio crea conveniente para o exercicio da súa función, así como tódalas outras funcións previstas na lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 3º.-Ámbito.

O ámbito de actuación colexial será Galicia.

Artigo 4º.-Domicilio.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia estará domiciliado na rúa Montero Ríos, 33, 2º C, 15706 Santiago de Compostela.

Artigo 5º.-Lingua oficial.

A lingua propia do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia é o galego, tendo en conta a cooficialidade fixada na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia.

Capítulo II

Colexiación

Artigo 6º.-Ingreso.

Poderá ser membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quen estea en posesión do título de licenciado en xornalismo, para o que habilitan as titulacións correspondentes das facultades de Ciencias da Información, Ciencias da Comunicación ou Ciencias Sociais. Tamén poderán ser membros os licenciados en imaxe ou comunicación audiovisual, sempre que acrediten que están a desenvolver labores informativos.

Quen teña superado o primeiro ciclo de xornalismo poderá inscribirse no colexio, pero non adquirirá plenos dereitos de colexiado ata que non termine os seus estudios.

Tamén poderán ser membros os que cumpran os requisitos fixados na Lei 2/1999, de creación do colexio.

Artigo 7º.-Admisións.

A incorporación de membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia será estudiada, caso por caso, pola Xunta de Goberno, que resolverá e lle comunicará por escrito ó peticionario a súa decisión. Na solicitude de ingreso o peticionario deberá facer consta-la demarcación da que quere formar parte.

Artigo 8º.-Denegacións

A incorporación ó colexio será denegada cando o peticionario non responda a calquera dos puntos do artigo 6º necesarios para poder ingresar.

Artigo 9º.-Recursos.

O peticionario que vexa rexeitada a súa proposta de incorporación poderá presentar recurso de reposición ante o Pleno Territorial para que siga considerando o seu caso.

Artigo 10º.-Dereitos.

Os membros do colexio profesional terán os seguintes dereitos:

a) Defensa dos seus dereitos profesionais diante das autoridades, entidades, empresas e particulares.

b) Atención por parte da Xunta de Goberno diante dunha situación de conflicto que ameace, por calquera razón, a continuidade do exercicio da profesión.

c) Ser elector ou ser elixido para ocupar cargos nos órganos directivos, de acordo coas condicións que regulan o procedemento electoral.

d) Utilizar tódolos servicios que establece o colexio, de acordo coas condicións que fixe o regulamento.

e) Utilizar, nos casos que estableza o colexio, os servicios de asesoramento xurídico para os problemas derivados do exercicio da profesión.

f) Ter coñecemento da marcha do colexio por medio das súas publicacións (follas informativas, boletíns, anuarios, circulares e outros sistemas) así como ó acceso ós rexistros e libros oficiais do Colexio.

g) Participar nas reunións do colexio, tanto por iniciativa propia como por convocatoria dos órganos de goberno.

h) Presentar nos órganos de goberno escritos de suxestións, petición ou queixa.

i)Ter voz e voto nas asembleas convocadas polo colexio.

Artigo 11º.-Deberes.

Os membros do colexio teñen os seguintes deberes:

a) Exerce-la profesión conforme a ética xornalística e mante-lo segredo profesional.

b) Cumprir todo o que dispoñen os estatutos e as súas normas regulamentarias, así como acata-las resolucións das asembleas, sen prexuízo de poder exerce-los seus recursos pertinentes, en caso de que considere que estas decisións vulneran os estatutos.

c) Comparecer diante da Xunta de Goberno ou as súas comisións de goberno, sempre que sexan convocados.

d) Comunicar calquera cambio de enderezo ou de condición profesional.

e) Aboar, dentro dos termos regulamentarios, as cotas que procedan.

Artigo 12º.-Perda da condición de colexiado.

A condición de colexiado perderase polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Baixa voluntaria, comunicada por escrito.

c) Non estar ó corrente do pagamento das cotas colexiais despois de que lle foran requiridas de forma reiterada. Estar ó corrente dos pagamentos significa ter aboadas a totalidade das cotas de alomenos ata o final do ano anterior.

d) Casos de reincidencia previstos no artigo 13.b, punto 3.

Artigo 13º.-Réxime disciplinario.

O Pleno Territorial poderá impoñer sancións ós colexiados, logo da instrucción dun expediente disciplinario, cando considere que a súa conducta é constitutiva dunha das faltas sinaladas neste artigo:

a) Faltas

Serán faltas leves:

As accións ou as omisións que revelen neglixencia no cumprimento dos deberes colexiais establecidos neste estatuto, das normas do regulamento e dos acordos tomados pola asemblea, o Pleno Territorial ou pola Xunta de Goberno.

Serán faltas graves:

As accións ou as omisións que comportan o incumprimento manifesto dos deberes colexiais.

As accións ou omisións das que se deriven prexuízos para outros compañeiros, para a economía ou o prestixio do colexio ou para a dignidade da profesión xornalística.

A reincidencia nun feito sancionado como falta leve.

Serán faltas moi graves:

O exercicio do xornalismo cando encubrise deliberadamente unha actividade publicitaria.

A reincidencia nun feito sancionado como falta grave.

O incumprimento das normas deontolóxicas do colexio.

b) Sancións.

As faltas leves poderán ser sancionadas cunha amonestación privada feita persoalmente polo decano ou cunha advertencia escrita da que quedará constancia no expediente do colexiado.

As faltas graves poderán ser sancionadas cunha amoestación pública ou coa suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por un período de tempo non superior a un ano.

As faltas moi graves poderán ser sancionadas coa suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por un período de tempo superior a un ano e non superior a cinco anos e, en caso de reincidencia, poderá chegarse ó remate da súa condición de colexiado e á expulsión do colexio.

c) Prescrición.

As faltas leves prescribirán ó cabo dun mes de seren cometidas, as graves ó cabo de tres meses e as moi graves ó cabo dun ano.

d) Garantías.

Non se poderán impoñe-los tipos de sanción indicados sen audiencia previa do interesado.

O procedemento disciplinario poderá iniciarse de oficio ou como consecuencia dunha denuncia ou dunha comunicación non anónima. O decano, de acordo co Pleno Territorial, designará un instructor ou unha comisión instructora do expediente. O órgano instructor poderá acorda-la práctica de dilixencias previas para abri-lo expediente propiamente dito.

Na tramitación do expediente respectaranse en todo momento os principios de dereito administrativo, especialmente no que se refire á audiencia dos implicados.

A resolución final do expediente deberá ser escrita e motivada e seralle comunicada ó interesado.

Se o presunto infractor fose membro do Pleno Territorial, non tomará parte nas deliberacións nin votacións do Pleno sobre o seu caso.

e) Recursos.

Toda sanción será susceptible de recurso de reposición diante do propio Pleno Territorial; deberá interpoñerse no prazo dun mes desde a notificación ó interesado, e deberá quedar resolto no prazo dun mes.

Unha vez esgotada a vía corporativa, contra a resolución do Pleno Territorial poderase recorrer pola vía contencioso-administrativa.

Capítulo III

Órganos

Artigo 14º.-Organigrama.

Os órganos de goberno do colexio son: o decano, a Xunta de Goberno, o Pleno Territorial e a Asemblea. Son órganos consultivos territoriais as Asembleas de Demarcación.

Artigo 15º.-Demarcacións.

O Colexio terá as seguintes demarcacións: A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Artigo 16º.-A Xunta de Goberno e o Pleno Territorial

A Xunta de Goberno está constituída polo decano, un vicedecano, un secretario, un tesoureiro e un número de vocais mínimo de catro e máximo de oito. A Xunta de Goberno só poderá tomar decisións en presencia da metade dos seus membros.

O Pleno Territorial está composto pola Xunta de Goberno e un representante de cada unha das sete demarcacións. Cada demarcación contará cun representante máis por cada 100 colexiados que teña adscritos.

Artigo 17º.-Funcións dos membros da Xunta de Goberno.

a) É función da Xunta de Goberno a dirección, a administración e o goberno do colexio; cumprir e facer cumpri-los acordos do Pleno Territorial e da Asemblea Xeral; convoca-la Asemblea Xeral; dar apoio ós colexiados nas súas xustas aspiracións profesionais e delega-la realización das actividades que estime oportunas. O Pleno Territorial entenderá dos recursos que se presenten contra as súas decisións.

b) Tódolos acordos deben ser tomados por maioría. En caso de producirse empate, o voto do decano será dirimente.

c) Correspóndelle ó decano a representación legal do Colexio; convocar e presidi-las sesións da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno e do Pleno Territorial e presidi-las asembleas de demarcación ás que asista, velar polo cumprimento dos acordos da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno e do Pleno Territorial, fixa-la orde do día; autoriza-los pagamentos e visa-las actas das sesións.

d) Correspóndelle ó vicedecano substituí-lo decano en caso de demisión, enfermidade ou incapacidade para asumi-las súas obrigas. Tamén substitúe o decano por delegación, cando este o estime conveniente.

e) Correspóndelle ó secretario redacta-las actas e autorizalas coa súa sinatura, recollendo o visado do decano; cumpri-los acordos da Xunta de Goberno

e do Pleno Territorial; custodia-los documentos do colexio; preparar, de acordo co decano, a orde do día das reunións, levar ó día o libro de rexistro da correspondencia e controla-lo rexistro dos colexiados.

f) Correspóndelle ó tesoureiro custodia-lo patrimonio do colexio; elabora-los anteproxectos de orzamentos; dirixi-la contabilidade; estender e asina-los recibos dos ingresos que teña a entidade, cobra-las cotas dos colexiados así como efectua-los pagamentos acordados.

g) Os vocais, pola orde na que foron elixidos, substitúen cando proceda o secretario e o tesoureiro. Contribúen coa súa voz e o seu voto ó traballo e decisións da Xunta de Goberno e cumpren as funcións que aquela lles encomende.

Artigo 18º.-Funcións do Pleno Territorial.

É función do Pleno Territorial controla-la xestión da Xunta de Goberno, aproba-los orzamentos que se someterán á Asemblea Xeral, propoñer actividades e traslada-las suxestións das asembleas de demarcación.

Artigo 19. Periodicidade das reunións

a) A Xunta de Goberno reunirase unha vez ó mes en sesión ordinaria, como mínimo, e tantas veces como se considere necesario por disposición do decano ou a petición da metade dos seus membros. Os integrantes da Xunta de Goberno serán convocados a sesión ordinaria polo secretario, por disposición do decano, como mínimo 72 horas antes, e con orde do día. Chegada a hora e o día a Xunta de Goberno, comezará a sesión se se encontran presentes a metade dos directivos. En caso de urxencia, poderase facer unha convocatoria da Xunta de Goberno Extraordinaria, con só 24 horas de antelación.

b) O Pleno Territorial reunirase, polo menos, cada tres meses, cando o considere o decano ou por petición da terceira parte dos seus membros. Cando un directivo non asistise ás reunións cinco veces consecutivas ou dez intermitentes sen xustificación suficiente poderá ser destituído do cargo.

c) Se pola causa anterior ou por calquera outra se producise unha vacante de vicedecano, na secretaría, ou tesourería, a Xunta de Goberno designará un vocal para ocupa-lo cargo provisionalmente, ata a asemblea seguinte. O tesoureiro saínte deberalle presentar balance á Xunta de Goberno. Se causase baixa a metade da Xunta de Goberno, convocarase unha asemblea extraordinaria para as eleccións parciais dos cargos vacantes. Se as baixas son representantes de demarcación, deberán convocarse as asembleas de demarcación correspondentes.

d) Os integrantes do Pleno Territorial serán convocados a sesión ordinaria polo secretario, por disposición do decano, como mínimo 72 horas antes,

e con orde do día. Chegada a hora e o día o Pleno Territorial comezará a sesión se se encontran presentes a metade máis un dos directivos. En caso contrario, o Pleno Territorial reunirase media hora máis tarde e tomará acordos validamente en presencia dun tercio dos seus membros. En caso de urxencia, poderase facer unha convocatoria de xunta extraordinaria con 24 horas de antelación na comunicación da convocatoria.

e) A Xunta de Goberno é solidariamente responsable de tódolos actos de xestión. Esta responsabilidade remata ós tres meses de abandona-las súas funcións. No caso do tesoureiro, a súa responsabilidade cesa despois de pasa-los seus documentos e datos en debida forma ó tesoureiro entrante, así como a contabilidade pechada e debe render contas na primeira Asemblea Xeral seguinte á liquidación das contas do seu período.

Artigo 20º.-Asemblea Xeral Ordinaria

A Asemblea Xeral Ordinaria celebrarase unha vez ó ano dentro do segundo semestre. A Xunta de Goberno dará conta da súa xestión e do movemento económico, así como dos orzamentos do colexio para ese ano. A Asemblea Xeral quedará constituída e poderá tomar acordos coa asistencia da metade máis un dos colexiados na primeira convocatoria, e coa asistencia do 5 por cento dos colexiados en segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde do mesmo día. En caso de non conseguirse quórum, a xunta convocará unha segunda asemblea no termo máximo de 30 días. Se nesta nova convocatoria non se acada tampouco a asistencia da metade máis un dos colexiados, celebrarase a asemblea coa asistencia dos presentes, e a asemblea tomará os acordos pertinentes, que serán adoptados por maioría. A votación será directa e terá que ser secreta por solicitude de calquera dos participantes.

A Xunta de Goberno convocará os colexiados a Asemblea Xeral Ordinaria por escrito e con, polo menos, 20 días de antelación á celebración da mesma.

Artigo 21º.-Asemblea Xeral Extraordinaria.

A Asemblea Xeral Extraordinaria poderase celebrar cando a Xunta de Goberno o estime conveniente ou cando o pida un 20 por cento dos colexiados, por escrito, ó decano, explicando o motivo da petición. A Asemblea Xeral Extraordinaria deberá celebrarse nun prazo máximo de dous meses.

En tódolos casos o quórum de asistencia será como mínimo do 20 por cento dos membros. En caso de non conseguirse quórum, a Xunta de Goberno convocará unha nova asemblea no prazo máximo de 30 días que se celebrará cos asistentes e tomará os acordos pertinentes, que serán adoptados por maioría. O voto será directo.

A Xunta de Goberno convocará os colexiados a Asemblea Xeral Extraordinaria por escrito e con, polo menos, 15 días de antelación á celebración da mesma.

Capítulo IV

Órganos territoriais

Artigo 22º.-Asembleas de demarcación.

As asembleas de demarcación estarán compostas polos colexiados inscritos en cada demarcación e polo decano do colexio. Reuniranse por decisión da Xunta de Goberno, a petición dos seus representantes no Pleno Territorial, ou por solicitude formulada por escrito, e dirixida á Xunta de Goberno, do 20 por cento dos colexiados inscritos na demarcación.

Corresponde ás asembleas de cemarcación:

a) Elixi-los seus representantes no Pleno Territorial.

b) Debate-los problemas, peticións e propostas dos colexiados da demarcación. Os seus representantes trasladarán os acordos que se adopten na asemblea de demarcación ó Pleno Territorial.

Capítulo V

Recursos económicos

Artigo 23º.-Recursos ordinarios.

Son recursos ordinarios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia:

a) Os rendementos económicos que produzan os bens e dereitos que integren o patrimonio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

b) Os dereitos de colexiación.

c) Os dereitos de expedición de certificados e carnés.

d) Os dereitos pola elaboración remunerada de informes, dictames, estudios e outros servicios realizados ou prestados polos órganos centrais.

e) A cota fixa dos colexiados e as cotas extraordinarias que poidan establecerse.

f) Os complementos específicos de cota que se establezan en contraprestación de servicios determinados ós colexiados.

g) Calquera outro concepto legalmente establecido.

Artigo 24º.-Recursos extraordinarios.

Son recursos extraordinarios que corresponderán ós órganos centrais:

a) As subvencións, os donativos, as herdanzas e os legados dos que o colexio puidese beneficiarse.

b) O producto do alleamento dos bens do patrimonio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

c) Os ingresos derivados do endebedamento do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

d) As cantidades que corresponda percibir ó Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia cando administre, en función dun encargo temporal ou perpetuo, bens ou rendas determinadas.

e) Calquera outro que legalmente se estableza.

A contía das cotas fixas percibidas periodicamente será fixada pola Xunta de Goberno e ratificada pola Asemblea Xeral. As cotas extraordinarias tamén teñen que ser aprobadas pola Asemblea Xeral.

Artigo 25º.-Persoal do colexio.

O Pleno Territorial contrata o persoal, administrativo ou xeral, e asígnalle as súas funcións.

Artigo 26º.-Destino dos bens en caso de disolución.

En caso de disolución do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, será nomeada unha comisión liquidadora quen, supoñendo que queden bens ou valores sobrantes despois de satiface-las débedas, adxudicarállelos ó organismo que o substitúa, ás entidades benéficas e sociais dos xornalistas dentro do seu ámbito territorial, e procederá a vende-lo patrimonio resultante para distribuílo en partes alícuotas entre os colexiados.

Capítulo VI

Eleccións

Artigo 27º.-Procedemento e réxime xeral.

Convocarase unha Asemblea Xeral Electoral cada catro anos para elixi-la totalidade dos cargos da Xunta de Goberno.

A Asemblea Xeral Electoral será convocada polo Pleno Territorial con dous meses de antelación ó día sinalado para a súa celebración.

A duración de tódolos cargos será de catro anos. Tódolos cargos serán reelixibles coa excepción do de decano, que non poderá supera-los dous mandatos consecutivos.

Todo aquilo que non estea expresamente establecido no presente capítulo VI, rexerase polo regulamento específico da Asemblea Xeral Electoral.

Artigo 28º.-Elixibilidade e condición de elector.

Terán condición de electores e elixibles tódolos colexiados de pleno dereito cunha antigüidade mínima de tres meses no momento de seren convocadas as eleccións e que estean ó día das súas obrigas colexiais, mesmo das económicas.

Os cargos elixidos non percibirán retribucións, pero non suporán custos ás persoas que os exerzan.

Artigo 29º.-Convocatoria da Asemblea Xeral Electoral.

A convocatoria da Asemblea Xeral Electoral será realizada polo Pleno Territorial con dous meses de antelación ó día sinalado para a súa celebración.

No termo dos cincos días seguintes á data da convocatoria, o secretario deberá expoñer de forma pública na sede do colexio a convocatoria electoral, na que se fará constar:

a) Os cargos que son obxecto de elección.

b) O calendario do proceso electoral.

c) O censo de colexiados que cumpren as condicións previstas no artigo 28, así como o procedemento e prazos de reclamación.

Artigo 30º.-Presentación e proclamación de candidaturas.

As candidaturas presentaranse ante a Xunta de Goberno coa sinatura e autorización expresa de tódolos seus integrantes.

O prazo de presentación de candidaturas ante a Xunta de Goberno rematará polo menos 20 días antes da data fixada para a celebración da Asemblea Xeral Electoral.

A Xunta de Goberno revisará as candidaturas para establecer se cumpren as condicións esixidas. Despois dun prazo de cinco días para realizar reclamacións, proclamaraas de xeito provisional.

As candidaturas provisionais poden ser modificadas ata a súa proclamación definitiva pola mesa de idade na Asemblea Electoral.

Calquera modificación das candidaturas provisionais deberá contar coa aquiescencia por escrito de tódolos seus integrantes.

Artigo 31º.-Desenvolvemento da Asemblea Xeral Electoral.

Ó comezo da sesión, a Xunta de Goberno saínte deberá deixar constituída a mesa de idade da asemblea. A mesa de idade estará presidida polo colexiado presente de maior idade, asistido polos dous colexiados presentes de menor idade que estean en posesión de tódolos seus dereitos de colexiación.

A mesa de idade dirixirase á asemblea preguntando se existe algunha modificación das candidaturas provisionais e de seguido proclamará as candidaturas definitivas e fixará a hora de comezo e remate da votación, que durará cando menos catro horas.

Unha vez constituída a mesa de idade da asemblea, o decano da Xunta de Goberno saínte deberá facer unha exposición das actividades máis importantes desenvolvidas ou conseguidas no período de mandato que se extingue.

A continuación as candidaturas levarán a cabo a exposición dos proxectos cos que cóncorren ó proceso electoral. A mesa de idade fixará a orde de intervención e a súa duración, que non poderá ser superior a media hora por candidatura.

A mesa de idade fixará o número de mesas de votación e designará por sorteo ós seus membros.

As candidaturas poderán designar interventores nas mesas.

A votación levarase a cabo mediante sufraxio directo e secreto. Cada colexiado deberá acredita-la súa identificación antes de deposita-lo voto.

Unha vez rematado o prazo de votación, a mesa de idade organizará o escrutinio, que deberá ser público. Inmediatamente, a mesa de idade anunciará os primeiros valores do escrutinio: porcentaxe de participación e abstención.

O escrutinio deberá facerse en directo e a viva voz, extraendo as papeletas e dando lectura a cada un dos votos depositados.

Aquela candidatura que consiga a maioría simple dos votos emitidos será proclamada nova Xunta de Goberno do Colexio e pasará a ocupa-la mesa da asemblea. O decano elixido dirixirase ós colexiados e clausurará a Asemblea Xeral Electoral.