Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 11 de agosto de 2000 Páx. 11.885

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 18 de xullo de 2000 pola que se crea a Comisión Asesora para a Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias no ámbito do Servicio Galego de Saúde.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, na súa misión de mellora-lo estado de saúde da poboación da Comunidade Autónoma de Galicia, fai explícita co Decreto 128/1999, do 23 de abril (DOG nº 89, do 11 de maio), a necesidade de incorpora-la avaliación baseada en criterios científicos, sobre a aplicación das tecnoloxías nos diferentes niveis da asistencia sanitaria e da práctica clínica; e así o desenvolve coa descrición das funcións da Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia.

Así mesmo, o Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo encargado da xestión da asistencia sanitaria, baixo os principios de universalidade, equidade e eficiencia e, na procura da mellora continua e garantía de calidade para eleva-lo nivel de saúde da poboación na Comunidade Autónoma de Galicia, precisa da incorporación do coñecemento científico na toma de decisións, así como dun proceso de contextualización coa participación consensuada, de modo que garanta a eficiencia da organización nas recomendacións sobre a asignación de recursos.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde precisan deste modo contar coa representación dos profesionais dos diferentes ámbitos do sistema sanitario para lograr, coa participación do esforzo conxunto, a mellora na aplicación das tecnoloxías sanitarias; englobando baixo tecnoloxías sanitarias os medicamentos, aparellos, procedementos médicos e cirúrxicos utilizados para a atención médica, así como os sistemas de organización cos que se presta a asistencia sanitaria.

Preténdese, para o proceso de toma de decisións en relación coa avaliación de tecnoloxías, integra-los coñecementos obtidos a partir da evidencia científica dispoñible, e os resultados derivados da súa aplicación na nosa comunidade, determinando o seu impacto organizativo, económico, social, ético ou legal, tendo en conta o valor e contribución de cada un deles na mellora da saúde individual e colectiva.

As funcións establecidas para a Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias de Galicia, como unidade administrativa da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, precisan da colaboración con institucións, equipos e profesionais do medio sanitario, facilitando o desenvolvemento da investigación e participando na obtención de coñecementos, para elabora-las recomendacións que permitan a mellora dos servicios sanitarios, así como eleva-lo nivel da saúde da poboación da nosa Comunidade Autónoma.

Por conseguinte, faise necesario regula-las funcións, organización e funcionamento desta comisión asesora para a avaliación de tecnoloxías sanitarias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubre e conforme ó artigo 5.2º do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase a Comisión Asesora de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias.

Artigo 2º.-Composición.

A Comisión Asesora de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias terá a seguinte composición:

a) Presidente: o secretario xeral do Sergas.

b) Secretaria: a subdirectora xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

c) Vocais:

-Subdirector xeral de Coordinación e Avaliación Asistencial, da División de Asistencia Sanitaria.

-Subdirectora xeral da División de Farmacia e Productos Sanitarios.

-Subdirector xeral de Información Sanitaria, da Secretaría Xeral do Sergas.

-Subdirector xeral de Orzamentos, da División de Recursos Económicos.

-Subdirector xeral de Custos de Persoal e Retribucións Económicas, da División de Recursos Humanos.

-Subdirector xeral de Información e Xestión de Saúde Pública, da Dirección Xeral de Saúde Pública.

-Subdirector xeral de Acción Social da Dirección Xeral de Servicios Sociais.

d) Vocal asesor: xefe do Servicio de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de Tecnoloxías, da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

Artigo 3º.-Funcións.

Corresponderanlle á Comisión de Avaliación de Tecnoloxías as seguintes funcións:

1. Promove-la aplicación das tecnoloxías máis efectivas, seguras e eficientes.

2. Fomenta-la adecuación da aplicación de tecnoloxías na nosa Comunidade Autónoma en base a criterios científicos.

3. Impulsa-lo desenvolvemento da avaliación das tecnoloxías sanitarias.

4. Participar na toma de decisións para a incorporación de novas tecnoloxías ou substitución das xa existentes.

5. Facilita-la integración da avaliación de tecnoloxías na práctica profesional no sistema sanitario da nosa Comunidade Autónoma.

6. Asesorar sobre as mellores estratexias para a implantación das recomendacións derivadas da avaliación de tecnoloxías.

Artigo 4º.-Duración.

A Comisión Asesora sobre Avaliación de Tecnoloxías terá carácter permanente e manterase mentres a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e mailo Sergas o estimen necesario para desenvolve-las accións de avaliación.

Artigo 5º.-Grupos de traballo.

1. Por proposta da Comisión Asesora sobre Avaliación de Tecnoloxías crearanse grupos de traballo dependentes dela, co fin de achegar respostas a obxectivos concretos, podendo coincidir un ou máis grupos no tempo, traballando sobre diferentes preguntas de avaliación. Cada un destes grupos disolverase unha vez acadados os obxectivos para os que foi creado.

2. Cada un dos grupos de traballo que se constitúan estará formado por profesionais das especialidades correspondentes e por representantes dos servicios centrais, e terá estructuralmente a seguinte composición:

a) Presidente: a subdirectora xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento.

b) Secretario: xefe do Servicio de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de Tecnoloxías.

c) Vocais:

-Un xefe de servicio, por proposta da División de Farmacia e Productos Sanitarios.

-Un xefe de servicio, por proposta da División de Asistencia Sanitaria.

-Un xefe de servicio, por proposta da División de Recursos Económicos.

-Cinco vocais, designados polo presidente da comisión, representantes da especialidad á que corresponde á tecnoloxía que se avalíe, adscritos a centros sanitarios do Sergas.

3. Correspóndenlle ós grupos de traballo da Comisión Asesora de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias as seguintes funcións:

1. Participar no desenvolvemento e/ou revisión de informes que a Comisión Asesora de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias considere oportunos.

2. A elaboración de recomendacións, obtidas a partir da evidencia científica e a súa posterior contextualización para a toma de decisións sobre a aplicación das tecnoloxías obxecto de avaliación.

3. Informa-la Comisión Asesora de Avaliación e favorece-la difusión e integración da avaliación de tecnoloxías na práctica profesional, a calquera nivel do ámbito sanitario.

4. Aqueloutras funcións que por parte do seu presidente se consideren oportunas.

Artigo 6º.-Asesoramento.

A comisión e os grupos de traballo, a través do seu presidente, poderán solicitar asesoramento ós expertos que consideren oportunos para as funcións que se lles encomenden.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral do Sergas para adopta-las medidas axeitadas en relación coa execución e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

e presidente do Servicio Galego de Saúde