Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Luns, 14 de agosto de 2000 Páx. 11.928

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 209/2000, do 21 de xullo, polo que se aproba o escudo heráldico e a bandeira do Concello de Sanxenxo (Pontevedra).

O Concello de Sanxenxo (Pontevedra) considerou conveniente a rehabilitación do seu escudo heráldico e a creación da bandeira municipal, coa simboloxía adecuada e conforme as tradicionais pautas de presentación dos emblemas heráldicos, se represente e perpetúe a súa propia peculiaridade. Para iso, e de acordo coas facultades que lle cofiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local

de Galicia, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, visto o informe, de data 14 de xullo de 2000, emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-la rehabilitación do escudo heráldico do Concello de Sanxenxo (Pontevedra), que quedará organizado do seguinte modo: de azur (azul) e saínte do flanco dereito, un brazo vestido de ouro (amarelo) e armado dunha lanza do mesmo. Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo 2º

Aproba-la bandeira do Concello de Sanxenxo (Pontevedra), que quedará organizada do seguinte xeito: ondado de azul e amarelo e, a un tercio da hasta, partido de azul co brazo saínte, vestido de amarelo e armado dunha lanza do mesmo.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais