Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 12 de setembro de 2000 Páx. 12.857

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2000, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Setex-Aparki, S.A. concesionaria da retirada de vehículos da vía pública no Concello de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Setex-Aparki, S.A., concesionaria da retirada de vehí

culos da vía pública no Concello de Lugo (código 2700830), asinado o día 20 de xullo de 2000, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, así como acta da comisión mixta paritaria asinada o 21 de xullo de 2000 na que se interpreta o verdadeiro sentido dos artigos 4 e 8 do mentado convenio, e de conformidade co disposto no artigo 90 números 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 27 de xullo de 2000.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Texto articulado do convenio colectivo da empresa Setex-Aparki, S.A., concesionaria de retirada de vehículos da vía pública no concello de Lugo.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as relacións laborais entre a concesionaria de retirada de vehículos da vía pública e o concello de Lugo e a súa posterior custodia e o seu persoal nas categorías especificadas neste convenio. Agás persoal de dirección.

Artigo 2º.-Ámbito xeográfico.

O ámbito xeográfico deste convenio circunscríbese ó concello de Lugo.

Artigo 3º.-Duración.

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura con efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2000 e terá duración de dous anos (rematará o 31 de decembro de 2001).

Artigo 4º.-Denuncia.

Estipúlase un prazo de duración dun ano, pactándose de común acordo que, con antelación de tres meses á data de expiración, se considera automaticamente denunciado.

Artigo 5º.-Comisión mixta paritaria.

Co obxecto de velar pola correcta aplicación e cumprimento do contido deste convenio, créase unha comisión mixta paritaria, que entenderá de tódalas cuestións relacionadas coa interpretación das normas contidas nel.

A comisión mixta paritaria estará formada por un traballador e un representante da empresa; cada parte poderá nomear un asesor que terá voz pero non voto.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais; ós traballadores que teñan que realizar servicios en festivos, eses días seranlles aboados a razón de 8.000 pesetas por día traballado.

Artigo 7º.-Horarios.

As quendas de traballo serán continuadas cun período de descanso de 30 minutos.

Os cuadrantes do traballo negociaranse entre o delegado de persoal e a empresa, sendo obrigatoria a súa exposición nos taboleiros de anuncios do centro de traballo cunha semana de antelación; os cuadrantes serán de carácter mensual.

Artigo 8º.-Complemento nocturno.

Todo traballador que realiza traballo nocturno será compensado cunha cantidade equivalente ó 25% do salario base por día traballado; a nocturnidade será desde as 22.30 ás 6.30 horas.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo persoal afectado por este convenio terá unhas vacacións retribuídas de 32 días naturais ininterrompidos.

O calendario de vacacións será pactado entre a empresa e o delegado de persoal. O período vacacional será de maio a setembro.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Os traballadores poderán gozar de permisos retribuídos nos seguintes casos:

a) Por nacemento de fillo: 4 días.

b) Por matrimonio: 20 días.

c) Por enfermidade grave ou falecemento dun familiar en primeiro grao: 4 días.

d) Por enfermidade grave ou falecemento dun familiar ata terceiro grao: 1 día.

e) Por matrimonio de fillos ou pais: 1 día.

f) Por traslado de domicilio habitual: 2 días.

g) En caso de visita médica nos servicios de seguridade social e mediante xustificante de consulta, concederase o tempo necesario para acudir a ela.

h) O traballador terá dereito a desfrutar de xornada retribuída de 6 días de asuntos propios. Como único requisito para a súa adxudicación esixirase a súa petición por escrito cunha anticipación de 48 horas como mínimo. Cando a petición dalgún destes días se realice por máis do dez por cento do cadro de persoal activo nesa data, a representación legal dos

traballadores e da empresa abordarán as condicións precisas para o seu desfrute.

Artigo 11º.-Incapacidade temporal (IT).

En caso de baixa por incapacidade temporal establécese o aboamento do 100% da mensualidade normal sen límite ningún.

Artigo 12º.-Xubilación.

Para aqueles traballadores cun mínimo de 8 anos de antigüidade na empresa establécense os seguintes premios por compensación da súa xubilación anticipada:

-Ós 60 anos: 525.000.

-Ós 61 anos: 470.000.

-Ós 62 anos: 419.000.

-Ós 63 anos: 366.000.

Artigo 13º.-Salarios.

O aboamento do salario efectuarase de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores, segundo táboa anexa. Os salarios para o ano 2000 incrementaranse segundo táboa anexa e para o 2001 incrementaranse no IPC real de 2000 máis un punto.

Dereitos sindicais.

Artigo 14º.-Información sobre a contratación.

A dirección da empresa está obrigada a lle facilitar ó representante dos traballadores información periódica sobre contratación, que incluirá:

-Previsións en materia de emprego e contratación.

-Modalidades de contratación.

-Grao de cumprimento das previsións anteriores.

Esta información entregarase trimestralmente.

O delegado de persoal será consultado previamente á adopción de decisións empresariais en materia de:

-Número de traballadores que se han de contratar.

-Modalidades de contratos e número deles.

-Data de celebración de contratos e duración deles.

-Modo de selección de persoal.

Artigo 15º.-Delegado de seguridade e saúde.

O delegado de persoal será, así mesmo, delegado de prevención en conformidade coa Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais; as súas funcións e atribucións serán as seguintes:

-Promover na empresa a observación das disposicións vixentes en materia de seguridade e saúde.

-Estudiar e promove-las medidas oportunas para a prevención de riscos profesionais, protección da vida, integridade física, saúde e benestar dos traballadores.

-Ser informado pola dirección da empresa das medidas concretas que fosen previstas en materia de seguridade e saúde, tendo facultade de promover adecuacións, modificación ou adicións pertinentes ó plan de seguridade por iniciativa do delegado de persoal.

-O delegado de prevención poderá insta-la paralización das actividades ante o inminente risco de accidente.

Artigo 16º.-Recoñecemento médico.

A empresa facilitará un recoñecemento médico que, como regra xeral, será cada ano. Os resultados da revisión médica seranlle entregados ó traballador.

Artigo 17º.-Mantemento do emprego.

O número de traballadores fixos será como mínimo o que presta actualmente servicios na empresa; non embargante, a empresa comprométese a aumenta-lo cadro de persoal na medida do posible.

Artigo 18º.-Garantía do posto de traballo.

O cambio de titularidade da empresa non extinguirá, por si mesmo, a relación laboral; o novo empresario quedará subrogado nos dereitos e obrigas do anterior.

Artigo 19º.-Seguro de morte ou invalidez.

Establécese unha póliza de morte ou invalidez para cada un dos traballadores da empresa durante a súa permanencia en activo nela consistente en 3.000.000 de pesetas en caso de morte natural e a mesma contía en caso de invalidez absoluta e permanente. A póliza producirá efectos a partir da data en que se asine o citado convenio; as primas deste seguro correrán por conta da empresa, que lle deberá dar copia ó representante dos traballadores. No suposto de que algún traballador sexa rexeitado por parte da mutua aseguradora, a empresa unicamente se compromete a lle pagar ó dito traballador a cota media anual por traballador na data de pagamento da póliza, quedando exento do aboamento de calquera cantidade en caso de morte ou invalidez absoluta ou permanente.

Artigo 20º.-Protección ó embarazo.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o seu embarazo o seu posto de traballo e unha quenda distinta á súa se existise prescrición do facultativo que atende o seu embarazo, sen modificación da categoría nin mingua dos seus dereitos económicos.

Durante a IT por embarazo, a traballadora terá dereito a percibi-lo 100% de tódolos seus conceptos salariais.

A traballadora embarazada terá permisos retribuídos para a preparación ó parto, así como a elixir data das súas vacacións regulamentarias. Os cursos de preparación ó parto poderanse realizar en horas laborables, sendo estas retribuídas.

Artigo 21º.-Pagas extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias, en contía de salario base, complementos e antigüidade, que serán aboadas, a de verán, coa nómina do mes de xuño, e a de Nadal, con anterioridade ó 20 de decembro. Das ditas pagas queda exento o complemento de nocturnidade.

Artigo 22º.-Antigüidade.

Para o persoal afectado por este convenio establécese un complemento persoal de antigüidade por cada período de tres anos de servicios prestados na empresa; o importe de cada trienio será o 5% do salario base.

Artigo 23º.-Complemento de asistencia.

Segundo táboa anexa.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Segundo táboa anexa.

Artigo 25º.-Retirada do permiso de conducir.

Nos supostos de sanción, con vehículos da empresa en horas de traballo, que supoñan a retirada do carné de conducir, sempre e cando non houbese mala fe ou dolo na consecución dos feitos, a empresa estará obrigada a lle dar traballo sen menoscabo das súas percepcións salariais e polo tempo que dure a retirada do carné.

No suposto de que a dita sanción se produza fóra das horas de traballo, a empresa proporcionaralle outro traballo; pecibirá o salario correspondente á catergoría que se lle asigne e polo tempo que dure a retirada do carné de conducir, por un máximo de seis meses. Este beneficio quedará sen efecto en caso de conducción en estado de embriaguez.

Artigo 26º.-Funcións de categorías superiores por necesidades do servicio.

Os traballadores de depósito poderán realizar funcións de conducir para substituír calquera ausencia ou a baixa de conductor habitual ou por necesidades do servicio.

Artigo 27º.-Vestiario.

Seralles entregado a tódolos traballadores do servicio o seguinte vestiario:

Verán:

Dous pantalóns.

Dúas camisas ou polos.

Dous pares de zapatos.

Un chaleco refractario.

Luvas.

Inverno:

Dous pantalóns.

Dúas camisas ou polos.

Dous pares de botas.

Dous xerseis.

Un anorak.

Un traxe de augas.

Este vestiario será entregado anualmente.

CategoríasSalario

base

Compl.

asist.

Compl.

transp.

Compl.

nocturno

Salario

anual

Conductor94.500x149.000x1426.500x14787xxornada1.816.500

Recep.

depósito

78.750x146.000x1415.750x14656xxornada1.407.000

Acta da comisión mixta paritaria do convenio colectivo da empresa Setex Aparki, S.A., concesionaria de retirada de vehículos da vía pública no concello de Lugo

Asistentes:

Pola parte empresarial: Manuel Pérez Gejúndez.

Pola parte social: Hipólito Arias de la Fuente.

Reunidos en Lugo, sendo as doce horas do día 21 de xullo de 2000, os arriba indicados, membros compoñentes da comisión mixta paritaria do convenio colectivo da empresa Setex-Aparki, S.A., concesionaria de retirada de vehículos da vía pública no concello de Lugo,

Acordan que:

Unha vez detectados erros cometidos na redacción do citado convenio nos artigos 4 e 8, e por requirimento do Departamento de Convenios Colectivos da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións laborais (Delegación Provincial de Lugo), procedemos á emenda destes erros.

Artigo 4º.-Denuncia.

Estipúlase un prazo de duración de dous anos, pactándose de común acordo que, con antelación de 3 meses á data de espiración se considera automaticamente deunciado.

Artigo 8º.-Complemento nocturno.

Todo traballador que realice traballo nocturno será compensado cunha cantidade equivalente ó 25 por cento do salario base por día traballado; a nocturnidade será desde as 22 ás 6 horas.

Unha vez emendados os devanditos erros e para que conste para os efectos oportunos asinan esta acta, sendo as 12 horas do día anteriormente sinalado.