Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 29 de setembro de 2000 Páx. 13.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 222/2000, do 13 de setembro, polo que se crea o conservatorio profesional de música de graos elemental e medio dependente do Concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e o artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23 de xullo), establece que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as ditas competencias.

Examinado o expediente promovido polo Concello de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), en solicitude de creación do conservatorio profesional de música de graos elemental e medio dependente do dito concello, para imparti-las ensinanzas de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Tendo en conta os informes da Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra sobre o cumprimento efectivo, por parte do dito concello, dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro, título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o conservatorio profesional de música de graos elemental e medio dependente do Concello de Vilagarcía de Arousa.

Artigo 2º

Neste conservatorio impartiranse as ensinanzas de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, desenvolvidas no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo de grao elemental e de grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

Artigo 3º

Este centro queda sometido ó réxime común docente dos conservatorios de musica e seralle de aplicación a normativa vixente sobre centros de ensinanzas artísticas.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las medidas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria