Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 29 de setembro de 2000 Páx. 13.601

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

ORDE do 22 de setembro de 2000 pola que se regulan axudas complementarias destinadas a mozos adquirentes de vivendas de protección pública.

Na actualidade as dificultades para acceder a unha vivenda digna afecta dunha forma especial ó colec

tivo de mozos, moitos dos cales non dispoñen dun aforro previo, nin de rendas salariais consolidadas para faceren fronte á decisión de acceder a unha vivenda.

Ante esta situación favorecer a este colectivo é un dos obxectivos mantidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, instrumentando axudas comple

mentarias ós plans de vivenda tendentes a estimula-la promoción de vivendas reducidas en aluguer, e continuando agora coa implantación dunha nova liña de subvencións en beneficio dos mozos de baixo poder adquisitivo, que accedesen en propiedade a unha vivenda financiada ó amparo dos plans estatais de vivenda no período que se determina.

Artigo 1º.-Obxecto.

Este orde ten por obxecto a regulación no ámbito da Comunidade Autónoma, de axudas económicas complementarias destinadas a mozos que obtivesen financiamento cualificado, na modalidade de préstamo cualificado, como adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio de vivendas suxeitas a réximes de protección pública, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1999 e a data de publicación desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán resultar beneficiarios das axudas as persoas físicas adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio que, na data de presentación da solicitude, reúnan os seguintes requisitos:

1. Que o solicitante e, de se-lo caso, os demais membros da unidade familiar, acrediten unha idade non superior a 35 anos.

2. Que os ingresos corrixidos da unidade familiar non excedan de 3,5 millóns de pesetas.

3. Que obtivesen préstamo cualificado coa debida conformidade do Ministerio de Fomento con cargo ós convenios dos correspondentes plans de vivenda, debendo atoparse formalizado entre o 1 de xaneiro de 1999 e a data de publicación desta orde, e en período de amortización.

4. Que a vivenda se destine a residencia habitual e permanente do adquirente.

Artigo 3º.-Ingresos.

1. Os ingresos determinantes do dereito ás axudas virán referidos ós ingresos familiares que se fixan en función da contía, en millóns de pesetas, ponderados segundo se establece no punto 2 deste artigo, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sobre a renda das persoas físicas, correspondente á declaración do solicitante e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior (con prazo de presentación vencido) á solicitude das axudas.

Se o interesado non presentase declaración, por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base reguladas nos artigos 38 e 39, respectivamente, da Lei 40/1998, do 9 de decembro, sen prexuízo do achegamento dos documentos acreditativos oportunos.

2. Ós ingresos determinados na forma prevista no punto 1 anterior aplicarase o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,97.

Familias de tres membros: 0,93.

Familias de catro membros: 0,90.

Familias de cinco membros: 0,87.

Familias de seis ou máis: 0,83.

3. Para os efectos desta orde a unidade familiar enténdese tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. A adquisición, adxudicación ou promoción para uso propio de vivendas de protección oficial de promoción privada.

2. A adquisición, adxudicación ou promoción para uso propio de vivendas declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma.

3. A adquisición protexida doutras vivendas xa construídas e de vivendas a prezo taxado.

Artigo 5º.-Axudas.

A contía das axudas, en forma de subvención, será de 250.000 pesetas por vivenda para os beneficiarios que cumpran os requisitos especificados nesta orde.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da data de publicación desta orde no DOG e rematará transcorrido o prazo dun mes desde a dita data.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ó director xeral do IGVS segundo modelo que se recolle no anexo I desta orde. Presentaranse nas oficinas da Xefatura Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante e, se é o caso, dos demais membros da unidade familiar que legalmente sexa procedente.

b) Certificación bancaria acreditativa do préstamo cualificado obtido ó amparo dos plans de vivenda, indicando data de formalización, inicio de amortización, convenio e ano ó que se acolle, así como que se atopa en período de amortización.

c) De non ter sido presentada con anterioridade, copia compulsada da escritura de compravenda ou adxudicación e, se é o caso, de obra nova rematada.

d) Acreditación de residencia habitual e permanente na vivenda obxecto de financiamento.

e) Copia compulsada da declaración da renda das persoas físicas referida ó derradeiro exercicio fiscal e certificación da Axencia Tributaria das rendas, expedida nos termos do Real decreto 1190/2000, do 23 de xuño, que modifica o Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, sobre medidas de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo do Plan 1998-2001.

f) De non ter sido presentada con anterioridade, solicitude de transferencia bancaria.

Artigo 8º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera Administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida supera-lo custo da actuación que se protexe, debendo comunicarlle o beneficiario ó IGVS a solicitude e obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. Os servicios provinciais do IGVS correspondentes remitirán os expedientes completos e informados á Dirección Técnica de Administración e Fomento, que, unha vez examinadas tódalas solicitudes e á vista dos recursos dispoñibles, elevará a proposta de resolución ó director xeral.

A resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá ser recorrida en alzada ante o conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses. Transcorrido este prazo sen que se dictase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Dictada a resolución de concesión e tramitado o correspondente expediente de pagamento, as axudas ós beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 10º.-Criterios de asignación das axudas.

Se o importe total das axudas que se van recoñecer fose superior ós recursos económicos dispoñibles,

estes asignaranse en orde inversa ós ingresos acreditados polas unidades familiares dos solicitantes, de menor a maior.

Artigo 11º.-Limitacións á facultade de dispoñer.

Os adquirentes, adxudicatarios e promotores para uso propio que obtivesen subvencións ó abeiro desta orde non poderán transmitir inter vivos nin cede-lo uso da vivenda por ningún título durante o prazo de cinco anos desde o recoñecemento das axudas reguladas por esta orde. Esta limitación poderá deixarse sen efecto mediante autorización da Xefatura Provincial do IGVS correspondente, logo do reintegro das axudas recibidas incrementadas cos xuros legais desde o momento da percepción.

Artigo 12º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Toda alteración das condicións que se tiveran en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Artigo 13º.-Dispoñibilidade económica.

A concesión das subvencións queda condicionada ás dispoñibilidades económicas consignadas no concepto orzamentario 06.050.331A.783 cunha dotación de 250.000.000 de pesetas.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do IGVS para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2000.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda