Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 29 de setembro de 2000 Páx. 13.610

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de setembro de 2000 pola que se convocan probas selectivas para cubrir, mediante o nomeamento de persoal interino, 2 postos de traballo do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de sistemas e tecnoloxía da información, vacantes nos servicios dependentes das consellerías de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e Medio Ambiente.

Estando vacantes 2 postos de traballo do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de sistemas e tecnoloxía da información, vacantes nos servicios dependentes das consellerías de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e Medio Ambiente e sendo urxente a súa cobertura por razón das necesidades do servicio, apreciada pola comisión de persoal da Xunta de Galicia, en sesión celebrada o 20 de xullo de 2000, unha vez emitido o preceptivo informe previsto no artigo 7.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería, no uso das facultades conferidas polo artigo 13 da dita lei, dispón a cobertura dos postos de traballo, de acordo coas seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

A finalidade desta convocatoria de probas selectivas é a cobertura de 2 postos de traballo do corpo superior de Administración da Xunta de Galicia (grupo A), escala de sistemas e tecnoloxía da información, vacantes nos servicios dependentes das consellerías de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e Medio Ambiente, mediante o nomeamento de persoal interino previsto no artigo 7 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, que cesarán nos seus postos cando as súas prazas sexan cubertas por funcionarios de carreira.

Segunda.-Condicións dos aspirantes.

Para ser admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título, ou acreditar de modo fidedigno ser:

-Licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

e) Non padecer enfermidade, nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Probas.

A selección constará das seguintes probas:

Primeiro exercicio: contestar por escrito a un cuestionario de sesenta preguntas que será o resultante do sorteo entre dous cuestionarios elaborados previamente polo tribunal, sobre o temario descrito no anexo I. Cada pregunta constará de catro respostas posibles.

Este exercicio cualificarase de 0 a 30 puntos e terá unha duración máxima de 60 minutos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 15 puntos. Corresponderalle ó tribunal determina-lo número de respostas correctas esixidas para alcanza-la puntuación mínima, tendo en conta que por cada tres respostas incorrectas descontarase unha correcta.

Segundo exercicio: consistirá na resolución por escrito, dun período máximo de 4 horas, dun determinado suposto práctico elixido por sorteo de entre dous propostos polo tribunal, sobre calquera das áreas do temario, mediante a análise do problema e posterior emisión dun informe á dirección. O tribunal valorará a calidade técnica da solución proposta, a sistemática e a capacidade de análise

O exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos, sendo necesario para superalo obter unha puntuación mínima de 20 puntos, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para alcanza-la puntuación mínima.

Terceiro exercicio: de carácter eliminatorio, escrito. Traducción dun texto técnico sobre tecnoloxías da información do idioma inglés para o galego, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio cualificarase como apto ou non apto, sendo necesario para superalo obte-lo resultado de apto, correspondéndolle ó tribunal determina-lo nivel de coñecementos esixidos para acada-lo resultado de apto.

O presidente de cada tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

A puntuación final das probas virá dada pola suma das puntuacións obtidas polos aspirantes no 1º e 2º exercicios. De producirse empate de puntuación entre varios aspirantes resolverase a favor do aspirante que obtivese a maior puntuación no segundo exercicio e despois no primeiro exercicio. De persisti-lo empate, resolverase a favor da primeira letra do primeiro apelido e de ser igual polo segundo, a partir da letra resultante do sorteo que tivo lugar o día 15 de marzo de 2000 (DOG nº 59, do 24 de marzo).

O tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas.

Cos aspirantes que superando os distintos exercicios, non figuren na proposta de nomeamento remitida polo tribunal, elaborarase, se é o caso, unha lista na que figurarán pola orde de puntuación recollida na base terceira.

A citada lista será utilizada no suposto de que no futuro se produzan vacantes e outras situacións previstas regulamentariamente e a súa cobertura, por persoal interino, sexa urxente e necesaria.

Estas listas terán vixencia ata o momento no que se leven a efecto novos procesos selectivos.

Para a realización do segundo e terceiro exercicio, os aspirantes serán convocados polo tribunal, cunha antelación mínima de 48 horas á data de celebración deles, mediante un anuncio que se exporá no mesmo lugar de celebración do exercicio anterior e por aqueles outros medios que o tribunal considere oportunos.

Á realización dos exercicios os aspirantes deberán ir provistos do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ó xuízo do tribunal.

Cuarta.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nesta convocatoria deberán presentar instancia segundo o modelo que figura como anexo II á presente orde, no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no das súas delegacións, oficinas comarcais da Xunta de Galicia ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Coa instancia deberá achegarse fotocopia do DNI e xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

2. Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente en concepto de dereitos de exame o importe de 7.525 ptas. E, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes utilizando para ilo o impreso de autoliquidación sinalado no anexo III. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública e no das súas delegacións provinciais, debendo cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo III.

Estarán exentos do pagamento das taxas por dereitos de inscrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia, presentando copia cotexada da cualificación da minusvalidez. A falta de cotexo será causa de exclusión.

Quinta.-Admisión de solicitantes.

A Dirección Xeral da Función Pública elaborará unha relación de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada nos taboleiros de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e na Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en Vigo e poderase formular contra ela reclamación no prazo de dez días a partir do seguinte ó da publicación; transcorrido o dito prazo a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia as listas definitivas de admitidos e excluídos.

Por medio de anuncio no Diario Oficial de Galicia convocaranse os aspirantes admitidos á realización do primeiro exercicio, e indicarase o día, hora e lugar de celebración.

Sexta.-Tribunal.

O tribunal encargado de efectua-la selección, que estará constituído por un número impar de membros, non inferior a cinco, debendo designarse o mesmo número de membros suplentes, será nomeado pola Consellería da Presidencia e Administración Pública, e formará parte del un representante dos funcionarios da Comunidade Autónoma proposto polas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de funcionarios. A súa composición farase pública por medio do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Para os efectos do disposto no artigo 26.2º do Decreto 299/1990, do 24 de maio, o tribunal ten a categoría primeira.

O tribunal poderá nomear asesores especialistas que lle presten a súa colaboración na realización das probas, que será comunicado á Dirección Xeral da Función Pública.

Sétima.-Resolución.

No prazo dun mes a partir da finalización das probas o tribunal cualificador elevará ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública a proposta dos aspirantes que superaran as probas, que será publicada no DOG e a partir da dita publicación os aspirantes seleccionados disporán do prazo de 10 días naturais para presentar na Dirección Xeral da Función Pública os documentos que a seguir se relacionan:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

c) Fotocopia compulsada do título requirido na convocatoria.

d) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Oitava.-Nomeamento.

Entregada e comprobada a documentación os aspirantes seleccionados serán nomeados interinos do grupo A, escala de sistemas e tecnoloxía da información por orde do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que será publicada no DOG.

Os aspirantes que no prazo establecido na base anterior non presenten a documentación ou o fagan de maneira incompleta, perderán tódolos seus dereitos, agás en casos de forza maior.

Novena.-Toma de posesión.

A toma de posesión realizarase no prazo de 5 días a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da orde do nomeamento do conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

GRUPO A: ESCALA DE SISTEMAS E TECNOLOXÍAS

DA INFORMACIÓN

1. Principios e funcionamento dos ordenadores. Arquitectura e compoñentes.

2. Sistemas operativos. Concepto, evolución e tendencias. Unix. Windows.

3. Estructuras da información. Ficheiros. Sistemas de xestión de bases de datos. Clasificación. Concepto, deseño, arquitectura, implementación. Bases de datos relacionais. SQL.

4. Paradigmas da enxeñería do Software. Ciclo de vida clásico, construcción de prototipos, o modelo en espiral e técnicas de cuarta xeración.

5. Xestión dun proxecto Software. Métricas. Planificación temporal. Modelos empíricos de estimación. Análise de riscos. Reenxeñería do Software.

6. Análise funcional e deseño técnico. Deseño orientado ó fluxo de datos, á estructura dos datos, a obxectos, de tempo real. A interfaz do usuario. Os sistemas en tempo real.

7. Linguaxes de programación. Tipos de linguaxes. Codificación estructurada e orientada a obxecto. Contornos visuais de desenvolvemento. C, C++, Visual Basic. Linguaxes de Internet: HTML, Java, linguaxes de Script.

8. Técnicas de proba do Software. Métodos e estratexias. Xestión de configuracións. Control de calidade.

9. Mantemento. Enfoques, custos, tarefas, métricas. Ferramentas.

10. O modelo cliente-servidor. Tecnoloxías. Deseño en capas. Clientes lixeiros e pesados.

11. Reutilización do Software. Modelo de compoñentes.

12. Seguridade informática. Autentificación, integridade, confidencialidade, no repudio. Políticas e plans de seguridade. Virus.

13. Criptografía. Claves simétricas e asimétricas. Certificados dixitais. Autoridades certificadoras. Lei de sinatura electrónica.

14. Redes de comunicacións. Infraestructuras básicas. Clasificación e características. Modelos de referencia. OSI

15. Redes de área local e metropolitana. Topoloxías de rede. Ethernet. Token Ring. FDDI. Tipos de cableado.

16. Redes de área extensa. Rede Dixital de Servicios Integrados (RDSI). Frame relay. Modo de transferencia asíncrono (ATM).

17. Elementos de interconexión de redes. Concentradores, conmutadores, encamiñadores, pontes e pasarelas. Ferramentas de xestión. SNMP e RMON.

18.Internet. Evolución e estado actual. O protocolo IP. Os protocolos de transporte TCP e UDP. Servicios baseados en Internet e os seus protocolos.

19. Lexislación sobre protección de datos. Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal. Real decreto 994/1999, de medidas de seguridade. A axencia de protección de datos.

A función informática na Xunta de Galicia. Competencias. Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A reforma administrativa. Rede corporativa de comunicacións. Sistema de xestión de procedementos administrativos. Comisión de informática. Administración electrónica.

ANEXO II e III

NOTA: úsense os publicados nas páxinas 13.608 e 13.609.