Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 03 de outubro de 2000 Páx. 13.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 225/2000, do 13 de setembro, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública.

Ó abeiro das competencias que o Instituto Galego da Vivenda e Solo ten atribuídas pola Lei 3/1988,

do 27 de abril, con data do 19 de decembro de 1995 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 123/1998, do 16 de abril, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, co obxecto de darlle solución a unha serie de situacións irregulares e de problemas subxectivos xurdidos en determinadas vivendas de promoción pública.

Os fundamentos que na actualidade motivan a necesidade dun novo decreto que, na liña do anterior, recolle solucións a situacións irregulares de moi diversa índole, traen causa dunha importante demanda social que á vista da consecución das expectativas por outros peticionarios, manifestan o seu interese para participar delas e lexitima-la súa posición, como adxudicatarios, de vivendas de promoción pública.

Existen, ademais, supostos nos que os titulares lexítimos das vivendas acreditan, por motivos de necesidade económica e social, a súa dificultade para facer fronte ó pagamento das cotas mensuais de amortización das vivendas das que son propietarios.

O tratamento unitario e dunha soa vez no tempo de tódolos supostos non é doado, polo que é aconsellable publicar un novo decreto co que, ademais de satisface-los pedimentos dun sector importante da poboación, se obteña unha mellor xestión do patrimonio público das vivendas.

Así pois, analizada convenientemente a repercusión destas situacións, co fin de satisface-lo interese social daqueles que, desexando regularizar, non o fixesen por razóns económicas e daqueloutros que a prol dunha mellor calidade de vida prefiren cambia-lo seu contrato de compravenda por outro de aluguer, neste novo decreto combínanse diferentes formas de regularización: compravenda e aluguer, sen obvia-la posibilidade de introducir unha nova forma de cambio de réxime: de compravenda a aluguer baixo a premisa de que o importe da renda será sensiblemente inferior ás cotas de amortización en réxime de compravenda.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto a regularización das vivendas de promoción pública, respecto de situacións que se producisen ata o 26 de maio de 1994; a amortización anticipada respecto das que o seu réxime de adxudicación fose o acceso diferido, así como o cambio de réxime de aluguer a compravenda ou, de se-lo caso, de compravenda a aluguer.

Capítulo II

Regularización

Artigo 2º.-Vivendas de titularidade do IGVS e en compravenda.

Os usuarios de vivendas de promoción pública, tanto de titularidade do IGVS como adxudicadas en réxime de compravenda, que carezan de título para a súa ocupación, poderán regulariza-la súa situación solicitando perante o dito organismo o outorgamento do correspondente contrato. De se-lo caso, será preciso resolver previamente a relación xurídica anterior a través do procedemento establecido na lexislación de vivendas de protección oficial, na Lei de expropiación forzosa e normas de desenvolvemento.

No caso das vivendas adxudicadas orixinariamente en réxime de compravenda, se o usuario da vivenda accedese a ela por transmisión acreditada do adxudicatario ou dos que daquel derivase a súa causa, poderá o IGVS, logo da acreditación do cumprimento dos demais requisitos establecidos neste decreto, formaliza-la adxudicación a favor do mencionado ocupante.

Artigo 3º.-Prazo.

O prazo para solicita-la regularización, á que se fai referencia nos artigos anteriores, será de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto. As peticións presentaranse nas oficinas centrais do IGVS ou nas súas xefaturas de servicio provinciais, onde se facilitarán modelos de solicitude.

Artigo 4º.-Procedemento.

A regularización das situacións a que se refire este decreto requirirá a tramitación do corresponde expediente, que será resolto polo delegado provincial do IGVS nun prazo de seis meses. Transcorrido este prazo sen resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 5º.-Documentación.

Para acollerse ós beneficios da regularización será necesario acredita-las necesidades de vivenda e que o ocupante reúne os requisitos do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública. O límite máximo de ingresos será ata 3,5 veces o salario mínimo interprofesional segundo a disposición adicional terceira do referido decreto. Así mesmo, deberán acreditar que a vivenda ocupada está ó día no pagamento dos gastos de comunidade e que os ocupantes dedican aquela a domicilio habitual e permanente, manténdoa en bo estado de conservación. Será causa de denegación da regularización o incumprimento reiterado e acreditado das normas de comunidade, especialmente o desenvolvemento de actividades que resulten danosas para o predio, ou resulten molestas, insalubres, nocivas, perigosas ou ilícitas.

Para estes efectos os solicitantes deberán xuntar ás solicitudes, segundo a petición de que se trate, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI e do NIF do solicitante.

b) Fotocopia do libro de familia.

c) Certificado municipal do empadroamento do solicitante e das persoas que convivan con el, indicando a data de alta no padrón e certificación do concello de convivencia e residencia na vivenda.

d) Documento que acredita a cesión da vivenda, de se-lo caso.

e) Declaración de que ningún membro da unidade familiar foi propietario dunha vivenda de promoción pública nin dispón en propiedade ou arrendamento de ningunha outra vivenda.

f) Certificación do catastro da provincia onde estea situada a vivenda, que acredite a relación de bens de natureza rústica ou urbana titularidade dos solicitantes.

g) Certificado dos recibos aboados, expedido pola empresa recadadora.

h) Certificado da comunidade de propietarios de estar ó día nas obrigas coa dita comunidade.

Os ingresos acreditaranse segundo o disposto no Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública.

Artigo 6º.-Réxime de adxudicación e prezo de venda.

A adxudicación da vivenda ó solicitante de regularización outorgaráselle en réxime de compravenda, agás cando a súa situación económica e social aconselle a adxudicación no réxime de arrendamento.

O prezo da compravenda fixarase segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a adxudicación da vivenda. O prezo será o que lle correspondería pagar a un adxudicatario en concepto da amortización de capital e xuros desde a data de adxudicación ata a data de solicitude de regularización, máis o que lle quede en concepto de capital pendente. O importe das cantidades pagadas en concepto de amortización de capital descontarase do prezo de venda, agás no suposto de que para a nova adxudicación fose preciso incoar previamente expediente expropiatorio.

O pagamento do prezo de venda da vivenda poderá facerse:

a) Ó contado, aboando con carácter previo á sinatura da escritura a totalidade do prezo.

Este sistema será obrigatorio para tódalas vivendas adxudicadas ó abeiro das disposicións anteriores ó Real decreto lei 31/1978, do 31 de outubro, sobre política de vivendas de protección oficial. Neste caso, non será necesario acredita-los ingresos mínimos que establece o Decreto 98/1992, do 26 de marzo.

b) Aprazando o pagamento por un tempo igual ó que lles resta para amortizar ós adxudicatarios orixinais do grupo no que estea incluída a vivenda. Neste

caso, deberase facer unha entrega inicial do 10% de prezo con carácter previo á formalización do contrato, aprazando o resto da cantidade polo prazo anteriormente sinalado, cun xuro do 5% anual e cotas mensuais crecentes anualmente nun 4%.

c) Naqueles casos nos que transcorrese o prazo de amortización do grupo ou este fose inferior a cinco anos, fixarase este prazo de cinco anos como período para o cálculo das cotas mensuais do prezo aprazado.

No caso de arrendamento, a renda inicial anual do aluguer será a que resulte de aplica-lo 3% do valor da vivenda e, de se-lo caso, do rocho e do garaxe segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a devandita adxudicación, coa correspondente revalorización que, se é o caso, se efectuase no grupo.

Tódolos gastos que se produzan, tanto notariais como rexistrais, así como os impostos devengados como consecuencia dos negocios xurídicos regulados nesta norma, serán por conta dos adquirentes.

Capítulo III

Amortización anticipada

Artigo 7º.-Amortización anticipada de vivendas.

1. Os titulares lexítimos das vivendas cedidas en réxime de acceso diferido que no prazo de seis meses contados a partir da entrada en vigor deste decreto soliciten a amortización anticipada delas perante o IGVS, poderán acollerse ós beneficios de reducción previstos no artigo 2.2º do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación das vivendas de promoción pública, aplicados ó capital pendente de amortizar, e sempre que cumpran os requisitos establecidos no dito decreto.

2. O procedemento será o establecido no artigo 4º desta norma.

Capítulo IV

Cambio de réxime

Artigo 8º.-Cambio de réxime de aluguer a compravenda.

1. Os titulares lexítimos de vivendas en réxime de aluguer, que se atopen ó día nas rendas, poderán acceder á súa propiedade solicitando previamente o cambio de réxime perante o IGVS. Será causa de denegación o incumprimento reiterado e acreditado das normas da comunidade, especialmente o desenvolvemento de actividades que resulten danosas para o predio, ou resulten molestas, insalubres, nocivas, perigosas ou ilícitas.

2. O prezo de venda será o do estudio económico vixente na data de celebración do contrato de aluguer. En ningún caso, do dito prezo poderán descontarse as cantidades pagadas en concepto de renda.

3. Excepcionalmente os titulares que soliciten o cambio de réxime no prazo de seis meses, contado a partir da entrada en vigor deste decreto, poderán

acollerse ós beneficios de reducción previstos no artigo 2.2º do Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación das vivendas de promoción pública, aplicados ó prezo de venda. Para a aplicación dos beneficios de reducción que corresponda, os peticionarios deberán acredita-los seus ingresos no forma prevista no dito decreto.

4. No relativo ó procedemento será aplicable o establecido no artigo 4º deste decreto.

Artigo 9º.-Forma de pagamento.

1. O pagamento do prezo de venda da vivenda nos supostos recollidos no punto 3 do artigo 8º será ó contado. Nos demais casos poderá facerse:

A) Ó contado, aboando con carácter previo á sinatura da escritura a totalidade do prezo. Este sistema será obrigatorio para tódalas vivendas adxudicadas ó abeiro das disposicións anteriores ó Real decreto lei 31/1978, do 31 de outubro, sobre política de vivendas de protección oficial.

B) Aprazando o pagamento por un tempo igual ó que lles resta para amortizar ós adxudicatarios orixinais do grupo no que estea incluída a vivenda. Neste caso deberase facer unha entrega inicial do 10% do prezo con carácter previo á formalización do contrato, aprazando o resto da cantidade polo prazo anteriormente sinalado, cun xuro do 5% anual e cotas mensuais crecentes anualmente nun 4%.

2. Naqueles casos nos que transcorrese o prazo de amortización do grupo ou este fose inferior a cinco anos, fixarase este prazo de cinco anos como período para o cálculo das cotas mensuais do prezo aprazado.

Artigo 10º.-Cambio de réxime de compravenda a aluguer.

1. Os titulares lexítimos das vivendas en réxime de compravenda que, ó xuízo do IGVS, acrediten unha situación económica e social precaria poderán solicita-lo cambio de réxime de compravenda a aluguer logo de renuncia formal á propiedade da vivenda.

Para estes efectos, ás solicitudes deberá xuntarse a documentación referida nas alíneas a), b), c), e), f), do artigo 5º deste decreto, así como calquera outra documentación que o solicitante considere conveniente ós seus intereses ou, de se-lo caso, lle sexa requirida polo IGVS e que deba achegar este para a resolución do procedemento.

Os ingresos acredítanse segundo o disposto no Decreto 98/1992, do 26 de marzo, sobre financiamento e adxudicación de vivendas de promoción pública.

2. Para o caso de que o IGVS acorde autorizar un cambio de réxime de compravenda a aluguer, a renda inicial anual será a que resulte de aplica-lo 3% do valor da vivenda e, de se-lo caso, do rocho e garaxe segundo o estudio económico que serviu de base no seu día para a adxudicación en compravenda, coa correspondente revalorización que, de se-lo caso, se efectuase no grupo, sen prexuízo da liquidación que proceda tendo en conta as cantidades que foran aboadas en concepto de amortización de capital no réxime anterior.

Artigo 11º.-Impostos e cotas por prestación de servicios.

Para poder acollerse ós beneficios recoñecidos neste capítulo será necesario que os usuarios das vivendas acrediten que pagaron tódalas cotas por prestación de servicios individuais e comúns e os impostos que graven a vivenda desde a data de ocupación.

Disposición transitoria

Os expedientes que se atopen en trámite ó abeiro dos decretos 320/1995 e 123/1998, de regularización de situacións de ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública, poderán acollerse a este decreto, escollendo, dentro do prazo de dous meses desde a súa entrada en vigor, a opción que lles resulte mais vantaxosa. No caso de que non se produza a opción por un dos réximes, aplicáraselles de oficio logo de estudio dos expedientes, o máis vantaxoso deles.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 123/1998, do 16 de abril, de regularización de situacións dos ocupantes e cambio de réxime nas vivendas de promoción pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda