Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 10 de outubro de 2000 Páx. 13.892

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 231/2000, do 29 de setembro, polo que se crea o premio A empresa en favor da familia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia, (DOG nº 118, do 20 de xuño), establece no artigo 3, que regula entre os principios rectores da actuación dos poderes públicos no exercicio das funcións de asistencia e protección á familia, no punto segundo, o impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, tales como a vivenda, a educación, a cultura, a saúde e o traballo, de xeito que lles permita acada-la plenitude do seu desenvolvemento e autonomía. Así mesmo no punto itavo do referido artigo refírese ó fomento por parte dos poderes públicos da solidariedade e da sensibilidade social ante os problemas que afecten á familia.

No II Plan Integral de Apoio á Familia (1998-2001), estableceuse entre os obxectivos xerais protexer, promocionar e apoia-la unidade familiar co fin de mellora-la situación das familias galegas e dos membros que a compoñen, así como mellora-lo contorno no que se desenvolven cumprindo os principios básicos de equidade e redistribución social.

Actualmente o modelo tradicional de familia está supoñendo un profundo cambio derivado das novas necesidades sociais e a incorporación da muller ó mundo laboral. A Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras recoñece que a necesidade de conciliación do traballo e a familia foi presentado a nivel internacional e comunitario como unha condición vinculada de forma inequívoca á nova realidade social, o que presenta unha complexa problemática que debe abordarse, non só con reformas lexislativas, senón coa necesidade de promover adicionalmente servicios de atención ás persoas nun marco máis amplo de política familiar.

O Goberno da Xunta, consciente da importancia de acadar un sólido equilibrio entre traballo e familia a prol do interese de toda a sociedade, elaborou o Plan galego para a conciliación de vida laboral e familiar dos homes e das mulleres. O dito plan será o instrumento que permita ir modificando as actuais estructuras sociais e recolle tódalas actuacións e medidas postas á disposición dos galegos, tanto polo goberno central como pola Xunta de Galicia, para facer viable a harmonía entre o mundo

laboral e as circunstancias persoais e familiares dos traballadores.

Polo tanto, e co fin de mentaliza-la sociedade, e en particular ás empresas da conveniencia de potenciar un mundo laboral que teña en conta os intereses da familia, a Xunta de Galicia, crea o premio A empresa en favor da familia.

De conformidade co exposto, por proposta da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Institúese o premio A empresa en favor da familia, coa finalidade de estimular e recoñece-las empresas que promovan e realicen as accións que potencien un mundo laboral que teña en conta os intereses da familia e coadxuven na conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 2º.-Destinatarios e presentación de candidaturas.

2.1. Poderán optar ó premio as persoas físicas ou xurídicas que exerzan calquera actividade mercantil na Comunidade Autónoma de Galicia e teñan desenvolvido accións orientadas á protección da familia.

2.2. A presentación de candidatura requirirá que se remitan á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude os datos do candidato, unha memoria sobre as accións ou programas realizados, que deberán versar sobre iniciativas individuais exemplares ou programas completos orientados a satisface-las necesidades dos empregados con obrigas familiares, e aquela documentación que se especifique en cada convocatoria.

2.3. Valoraranse especialmente aquelas medidas ou propostas innovadoras que potencien as seguintes áreas:

-Horarios de traballo flexibles e personalizados de acordo coas necesidades das familias.

-Concesión de permisos parentais en épocas de especial necesidade, que posibiliten o coidado de membros dependentes da familia (nenos, anciáns ou minusválidos).

-Ampliación e flexibilización dos permisos existentes para atender a familiares dependentes, de xeito que poida compartirse o seu coidado entre os distintos membros do grupo familiar.

-Creación de centros infantís nas empresas ou ampliación de servicios de axuda á infancia (horarios amplos, comedores infantís, actividades extraescolares...) de conformidade coa normativa vixente.

-Oferta de formación profesional para os empregados durante as baixas.

-Desenvolvemento das posibilidades de contratación de traballos a tempo parcial, incluídos postos de directivos.

-Oferta de traballos específicos para o persoal que contemple a diversidade das situacións familiares.

-Calquera outra proposta que sensibiliza e potencia a responsabilidade dos axentes sociais, tanto empresarios como traballadores, de resolver axeitadamente os problemas dos traballadores con cargas familiares.

Artigo 3º.-O premio.

O premio A empresa en favor da familia dará dereito a un diploma acreditativo e unha placa conmemorativa.

O citado premio ten carácter exclusivamente honorífico e non leva consigo ningún tipo de dotación económica.

Artigo 4º.-Convocatoria.

O premio será convocado por orde da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e terá unha periodicidade anual. A citada orde establecerá os demais aspectos procedementais para a súa adxudicación.

Artigo 5º.-O xurado.

5.1 O exame das memorias presentadas e, se é o caso, a proposta do premio corresponderalle a un xurado seleccionador que estará composto polos seguintes membros:

a) Presidenta: a directora xeral de Familia.

b) Vocais:

-O director de Fomento do Emprego.

-Dous representantes da Confederación de Empresarios de Galicia designados pola propia confederación.

-Un representante sindical pertencente ó sindicato máis representativo da Comunidade Autónoma de Galicia á data da publicación da respectiva orde da convocatoria.

-Un representante dunha asociación familiar designado polo Observatorio Galego da Familia.

-Un representante do Consello de Relacións Laborais designado polo citado consello.

-Un representante dos medios de comunicación, designado polo Colexio profesional de xornalistas de Galicia.

-Secretaria: a subdirectora xeral de Familia.

5.2. A xuízo do xurado o premio poderase declarar deserto. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 6º.-Concesión e entrega do premio.

6.1. A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude outorgará, con carácter exclusivamente honorífico, o premio a aquela persoa física ou xurídica que, por proposta do xurado, sexa seleccionada. O acordo de concesión do premio publicarase no Diario Oficial de Galicia.

6.2. O nome do gañador será publicado e difundido nos medios de comunicación social que se determinen.

6.3 O premio impoñerao ó galardonado o presidente da Xunta de Galicia, se este non cede tal prerrogativa a outra autoridade ou persoa asistente ó acto. Este acto terá lugar na sede da Presidencia da Comunidade Autónoma, coa solemnidade apropiada, salvo que, á vista das circunstancias que concorran, o presidente determine lugar distinto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para convocar anualmente mediante orde o premio A empresa en favor da familia e dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude