Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 10 de outubro de 2000 Páx. 13.895

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de outubro de 2000 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios prestados durante a folga convocada polas organizacións sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Confederación Nacional del Trabajo (CNT), Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (SN de CC.OO.), Central Unitaria de Traballadores (CUT), Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) e Unión Sindical Obreira (USO), que afectará a tódolos empregados e empregadas públicas da Comunidade Autónoma o vindeiro día 10 de outubro de 2000, desde as 12 horas ata as 14 horas do devandito día.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e perante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta a tódolos empregados e empregadas públicos dos diversos organismos e empresas da Comunidade Autónoma de Galicia, para

o próximo día 10 de outubro de 2000, que se levará a efecto desde as 12 horas ás 14 horas,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 12 ás 14 horas do día 10 de outubro e que afectará o persoal mencionado, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que se establecen no anexo desta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Ó entrar na análise pormenorizada dos servicios mínimos, establécense os criterios rectores de determinación deles que se corresponden cos asinados coas centrais sindicais con motivo de folgas anteriores, tendo en conta as características e a duración desta folga, que comprende unha parte da xornada, das 12 ás 14 horas.

Os ditos criterios rectores explicítanse do modo seguinte:

Establécese o número de efectivos necesario para garantir, en todo caso, a actividade urxente e preferente durante as horas da folga.

Ademais, resulta imprescindible mante-la continuidade da organización sen rupturas ou efectos traumáticos que impidan a atención continuada dos usuarios na asistencia cirúrxica ou de tratamentos esenciais, evitando calquera prexuízo ou discriminación daqueles que se poidan ver afectados durante as horas do paro.

Con tal determinación mantense a programación básica da actividade, así como o funcionamento dos servicios centrais que permita, en todo caso, a realización das probas complementarias precisas. Igualmente, os tratamentos dispensados non poden ser interrompidos ou aprazados por mor das dúas horas de incidencia da folga.

Con tales premisas determínase no anexo desta resolución, por grupos profesionais, o número de servicios mínimos do persoal afectado.

Artigo 2º

A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubri-los distintos servicios será determinada polo director-xerente do centro e procederase á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

Os prazos e as alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo, así como os expostos nos taboleiros de anuncios de cada centro de

atención primaria, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Xerencias de atención primaria.

-1 facultativo.-1 ATS.-1 persoal non sanitario.

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

-Persoal facultativo: 168.-Persoal sanitario non facultativo: 479.-Persoal non sanitario: 162.

Complexo Universitario Juan Canalejo.

-Persoal facultativo: 87.-Persoal residente: 27.-Persoal sanitario non facultativo: 414.-Persoal non sanitario: 111.

Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide-Novoa Santos.

-Persoal facultativo:31.-Persoal sanitario non facultativo:91.-Persoal non sanitario: 63.

Complexo Hospitalario Xeral-Calde.

-Persoal facultativo: 56.-Persoal sanitario non facultativo: 143.-Persoal non sanitario: 92.

-Empresas concesionarias (seguridade e limpeza): 50%.

Hospital da Costa-Burela.

-Persoal facultativo: 17.-Persoal sanitario non facultativo:-Persoal non sanitario: 19.

Complexo Hospitalario de Ourense.

-Persoal facultativo: 112.

-Persoal sanitario non facultativo: 303.-Persoal non sanitario: 109.

Hospital Comarcal de Valdeorras.

-Persoal facultativo: 17.-Persoal sanitario non facultativo: 26.-Persoal non sanitario: 23.

Complexo Hospitalario de Pontevedra.

-Persoal sanitario non facultativo: 167.-Persoal non sanitario: 21.