A Orde do 5 de setembro de 2000 regula os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia. No seu artigo 6 punto 3º establécese o período de solicitudes das axudas para a campaña 2000-2001 fixándose a posibilidade de abrir un segundo prazo de solicitudes en caso de non esgotarse a dotación orzamentaria.
Neste momento, e dado que o límite máximo para este segundo prazo se sitúa no 15 de novembro segundo o Real decreto 1472/2000 e a propia orde de referencia, é necesario habilitar este prazo o antes posible, aínda que non se coñezan exactamente as dispoñibilidades orzamentarias, para que os viticultores galegos poidan presentar plans correctamente establecidos e tecnicamente analizados.
En consecuencia, as solicitudes presentadas no 2º período só se poderán atender en caso de que finalmente exista crédito remanente do primeiro período.
Por todo o anteriormente exposto, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo único.-Ábrese un segundo período de solicitudes de axuda para a realización de plans de reestructuración e reconversión do viñedo regulados pola Orde do 5 de setembro de 2000, que abranguerá desde o mesmo día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de novembro de 2000.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións necesarias para a publicación da presente orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2000.
Cástor Gago álvarez
Conselleiro de Agricultura, Gandería
e Política Agroalimentaria

