Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Luns, 16 de outubro de 2000 Páx. 14.076

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2000 pola que se convoca un curso sobre urbanismo.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2000 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre urbanismo que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios en materia de urbanismo e a súa normativa para que lles sexa útil ós policías no desempeño posterior de seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e membros da unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia; e, no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 6 de novembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico, e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito significará á exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso celebrarase do 20 ó 24 de novembro de 2000.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 14 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 21 de setembro de 2000.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade