Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 30 de outubro de 2000 Páx. 14.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 16 de outubro de 2000 pola que se convocan axudas para a conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas extensivos de pastoreo.

A Política Agraria Común tende a fomenta-las medidas de desenvolvemento dunha agricultura menos intensiva, o emprego de prácticas de producción que diminúan os efectos contaminantes, a conservación de terras agrícolas abandonadas e a xestión con vistas ó acceso do público e o ocio como instrumentos da política ambiental.

En particular, o Regulamento (CEE) 2078/1992 do consello, do 30 de xuño (en vigor ata o 31 de decembro do presente ano), promoveu métodos de producción agrícola propicios para o desenvolvemento dunha agricultura compatible coas esixencias ambientais e de conservación do espacio natural, establecendo un réxime de axudas, cofinanciadas polo FEOGA-Garantía, para compensa-las perdas de renda orixinadas pola reducción da producción ou o aumento de custos que supoñen os ditos métodos.

O dito regulamento, no seu artigo 3, puntos 1º, 2º e 3º, regulaba a aplicación por parte dos estados membros do réxime de axudas a través de programas plurianuais de zona e, no punto 4º, autorizaba que estes establecesen un marco regulamentario xeral, para a aplicación horizontal, na totalidade do seu territorio, dunha ou varias das axudas previstas.

De acordo co anterior, o Real decreto 51/1995, do 20 de xaneiro, estableceu un réxime de medidas horizontais para fomentar métodos de producción agraria compatibles coas esixencias da protección e a conservación do espacio natural.

Por outra parte, a decisión da Comisión C(95) 18, do 19 de xaneiro, aprobou o dispositivo de aplicación deste réxime de axuda en España, cun programa de medidas xerais aplicables en todo o territorio español e outro de medidas específicas aplicables en zonas seleccionadas, entre as que se atopan medidas para aplicar en zonas da Comunidade Autónoma de Galicia, con participación do FEOGA-Garantía nos gastos financiables.

O Regulamento 2078/1992 foi derrogado polo Regulamento (CE) 1257/1999, do consello, do 17 de maio, sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do FEOGA, que dedica os artigos 22, 23 e 24 ás medidas agroambientais.

Para facilita-la adaptación do anterior programa ás condicións e garanti-la súa continuidade, publicouse o Regulamento (CE) 2603/1999, da comisión, do 9 de decembro, polo que se establecen medidas transitorias para prorrogar, ata o 31 de decembro de 2000, os compromisos agroambientais contraídos ó abeiro de Regulamento (CEE) 2078/1992.

Segundo o anterior, é necesario aplica-lo período transitorio, para dar cobertura legal, durante este ano 2000, a aquelas solicitudes novas presentadas ó abeiro do Regulamento 2078/1992 con anterioridade ó 30 de xullo de 1999.

De acordo co disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, pola que se creou o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), compételle a este a execución en Galicia das actuacións derivadas da aplicación da reforma da Política Agraria Común (PAC), inclusive as medidas de acompañamento, como neste caso as agroambientais, o que tamén se establece no artigo 5 do Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que desenvolve a citada lei, así como no artigo 14 do Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do propio Ilgga.

En consecuencia, ó abeiro do disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto da presente orde a regulación dos requisitos e o procedemento para establece-la prórroga, como máximo ata o 31 de decembro de 2000, daqueles programas con solicitudes presentadas con anterioridade ó 31 de xullo de 1999. Este procedemento incluirá a tramitación, concesión e pagamento das axudas para a conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas extensivos de pastoreo, no marco do fomento das prácticas agrícolas compatibles co ambiente, todo isto de acordo co disposto no artigo 3 do Regulamento (CE) 2063/1999, da comisión, do 9 de decembro.

Así mesmo, é necesario proceder ó pagamento dos compromisos, vixentes para este ano, daqueles programas aprobados con anterioridade ó 30 de xullo de 1999 ó abeiro do Regulamento (CEE) 2078/1992, do consello, do 30 de xuño, e que aínda non completaron os cinco anos de execución.

Artigo 2º.-Finalidade.

Co desenvolvemento deste programa preténdese alcanza-los seguintes obxectivos:

1. Mante-los pastos de montaña de uso comunal que tradicionalmente foron pastoreados polo gando vacún, ovino ou cabalar, co fin de controla-la vexetación arbustiva.

2. Contribuír ó equilibrio ecolóxico da flora e da fauna autóctonas e ó emprego de razas autóctonas adecuadas a este sistema de pastoreo.

3. Revaloriza-la paisaxe do contorno destas zonas e permiti-lo sostemento dunha poboación rural en constante regresión.

4. Previ-los incendios e a erosión producida pola desaparición da cuberta vexetal en zonas de ladeira.

5. Darlle cobertura e continuidade ó programa agroambiental no marco do disposto no Regulamento de transitoriedade (CE) 2603/1999, da comisión.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as comunidades de montes veciñais en man común regulamentariamente constituídas, que teñan un programa aprobado con anterioridade ó 31 de decembro de 1999 e que cumpran os requisitos establecidos na Orde do 23 de setembro de 1999 pola que se convocan axudas para a conservación da paisaxe e prevención da erosión nos sistemas extensivos de pastoreo.

Artigo 4º.-Contía da axuda para os programas prorrogados.

Establécense as seguintes axudas, aplicables durante o ano 2000, para os programas prorrogados, para a execución dos plans de manexo ou aproveitamento dos montes veciñais en man común:

Superficies para alimentos conservados: 15.000 ptas./ha.

Superficies con control por sega mecánica: 10.000 ptas./ha.

Superficies con control por pastoreo: 3.000 ptas./ha.

Artigo 5º.-Xustificación de pagamento e documentación complementaria.

1. A presentación da comunicación da finalización das medidas previstas no Plan anual de conservación e manexo, así como a solicitude de pagamento poderán presentarse, no modelo oficial que figura como anexo IV da presente orde ou no anexo V se o programa foi aprobado con anterioridade ó 31 de xullo do 1999, preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e do Ilgga, ademais de nas oficinas e rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Coas solicitudes de axuda deberá xuntarse a seguinte documentación:

-Relación de parcelas, coas súas referencias catastrais, dedicadas a cada un dos tipos de aproveitamento indicados no artigo 4º punto 1 desta orde, segundo o modelo do anexo I, e plano da súa situación e das cercas perimetrais e exteriores. Esta documentación, en casos excepcionais, poderá substituírse pola existente no expediente de declaración de monte veciñal en man común ou outra documentación existente na Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria na que figuren planos coa situación e superficies dedicadas a cada tipo de aproveitamento. Esta documentación soamente será necesaria cando as parcelas non sexan as mesmas do ano 1999.

-Plan de conservación, manexo, aproveitamento e pastoreo segundo modelos dos anexos II e III.

-Fotocopias das follas de saneamento das explotacións, sinalando as cabezas que aproveitarán os pastos.

-Certificación da entidade financeira, coa especificación do código conta cliente, aberta a nome do solicitante, para o ingreso da axuda, no suposto de que non sexa a mesma que xa consta no expediente.

-Declaración de tódalas axudas solicitadas para a mesma finalidade.

Artigo 6º.-Tramitación e control administrativo da solicitude de pagamento.

As delegacións provinciais do Ilgga efectuarán a recepción e rexistro das solicitudes, a comprobación e verificación de que a documentación presentada está completa, solicitando, se procede, a documentación complementaria necesaria, co fin de emitir informe sobre a adecuación dos feitos que serven de base para a determinación da cantidade que deberá ser aboada ós beneficiarios, conforme coa normativa comunitaria que resulte de aplicación e a estatal e autonómica que a desenvolven. Así mesmo, efectuarán o tratamento informático e elaborarán a proposta correspondente para a súa resolución polo director do Ilgga.

O prazo para dictar resolución rematará o 31 de decembro de 2000, e poderán considerarse desestimadas, por silencio administrativo, as solicitudes non resoltas e comunicadas no dito prazo.

Artigo 7º.-Control e seguimento do programa.

1. O control da aplicación do programa será efectuado polos técnicos dos servicios provinciais do Ilgga, que realizarán as comprobacións que coiden oportunas.

2. Os beneficiarios das axudas deberán permiti-lo acceso dos técnicos ás parcelas e colaborar con eles nas medidas que se adopten para o control e o seguimento do programa.

Artigo 8º.-Aboamento da axuda.

1. O pagamento da axuda estará supeditado á certificación, polos servicios técnicos dependentes do Ilgga, do cumprimento dos compromisos asumidos. A dita certificación servirá de base para que o Ilgga efectúe, se é o caso, o pagamento da axuda.

2. Se da verificación e control realizados se deducise unha execución non satisfactoria do programa e o incumprimento dos compromisos asumidos, reducirase a axuda aprobada que vai percibi-lo solicitante, podendo chegarse incluso á perda total dela.

Artigo 9º.-Réxime sancionador.

9.1. Aplicaranse as sancións correspondentes, de acordo co establecido no punto seguinte deste artigo, cando se dea algún dos seguintes supostos:

1. Que exista discrepancia entre a superficie declarada e comprobada.

2. Cando se observe incumprimento dos compromisos técnicos e ambientais.

3. A non presentación da solicitude anual de renovación dos compromisos plurianuais.

9.2. Ante falsa declaración, ben deliberada ben por neglixencia grave, rescindirase o contrato, e o beneficiario non poderá reincorporarse ó programa ata que transcorran dous anos.

En todo caso, será de aplicación o disposto no Regulamento CE 746/1996, en relación co establecido nos regulamentos (CEE) 3887/1992, (CEE) 3508/1992, (CEE) 1648/1995 e (CE) 2801/1999, da comisión, relativos ó sistema integrado de xestión e control.

Artigo 10º.-Compatibilidade e axudas máximas.

As subvencións reguladas na presente orde serán compatibles coas relativas á conservación do contorno paisaxístico e loita contra a erosión en viñedos da Ribeira Sacra, protección integrada do viñedo mediante métodos biotecnolóxicos e para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción.

Así mesmo, serán acumulables ata as contías máximas previstas no Regulamento (CEE) 2078/1992, do consello, do 30 de xuño.

Artigo 11º.-Agricultor a título principal.

1. Cando a maioría dos comuneiros da comunidade de montes veciñais en man común sexan agricultores a título principal (ATP), de acordo coa definición do artigo 2 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias, as contías establecidas incrementaranse nun 20%, tendo en conta o establecido no artigo anterior.

2. A xustificación da condición de ATP realizarase, como norma xeral, mediante fotocopia cotexada da declaración do IRPF do último exercicio do que xa rematase o prazo para a súa presentación en período voluntario, ou coa media das rendas fiscalmente declaradas como tales por este durante tres dos cinco últimos anos, incluíndo o último exercicio, exceptuando do cómputo os incrementos e diminucións patrimoniais. Para estes efectos, imputaránselle ó titular da explotación as seguintes rendas:

a) As de actividade agraria da explotación.

b) As procedentes doutras actividades empresariais ou profesionais, así como as orixinadas por traballos desenvolvidos fóra da explotación, incluídas as pensións e haberes pasivos que fiscalmente estea obrigado a declarar.

c) O 50% das producidas polo capital mobiliario e inmobiliario, no caso de réxime de gananciais, e o 100% das súas rendas privativas.

Deberáselle xuntar á citada xustificación un informe de vida laboral emitido pola Tesourería da Seguridade Social.

Artigo 12º.-Financiamento das actuacións.

1. As accións previstas na presente orde financiaranse segundo os acordos das conferencias sec

toriais, entre a Comunidade Autónoma de Galicia e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

2. O aboamento da axuda ó interesado poderá condicionarse á recepción pola Administración autonómica das transferencias correspondentes ás participacións do MAPA e do FEOGA-Garantía no seu financiamento.

3. No exercicio 2000, as axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.712 A.773.0 «Apoio á eficacia dos sistemas productivos» do orzamento de gastos do Ilgga para o dito exercicio, no que existe crédito adecuado para esta finalidade por un importe de 4 millóns de pesetas.

Disposición transitoria

De acordo co número 2º do artigo 3 do Regulamento (CEE) 2063/1999, da comisión, aqueles beneficiarios que se incorporaron ó programa no ano 1999 e que teñen asinado un contrato coa fórmula (1+5), que se prorroga mediante esta orde, como máximo ata o 31 de decembro de 2000, teñen a obriga de formalizar un novo compromiso quinquenal unha vez que se aprobe o programa de desenvolvemento rural presentado á comisión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando nun mesmo ámbito territorial coincidan accións relacionadas coa aplicación desta orde con outras consecuencia da aplicación do Regulamento sobre forestación de terras agrarias, ou de axudas para fomentar investimentos forestais en explotacións agrarias e accións de desenvolvemento e aproveitamento dos bosques en zonas rurais, coordinaranse as actuacións precisas para a aplicación de ámbolos regulamentos.

Segunda.-Ás axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na redacción dada a este polo artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Terceiro.-As resolucións que na aplicación da presente orde dicte o director do Ilgga, non esgotarán a vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso de alzada ante o presidente do dito instituto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2000.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria