Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 30 de outubro de 2000 Páx. 14.710

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 13 de outubro de 2000 pola que se convocan exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

Ó abeiro do establecido na orde desta consellería do 26 de marzo de 1998, pola que se regula a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, esta consellería no uso das atribucións que lle están conferidas,

DISPÓN

Artigo 1º

Convócanse exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia, de acordo coas bases contidas no anexo I desta orde.

Artigo 2º

O programa que rexerá nestas probas é o que figura no anexo II desta orde.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o anexo I da Orde do 26 de marzo de 1998, pola que se regula a profesión de guía de turismo esecializado de Galicia.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e

Turismo

ANEXO I

Bases:

1. Para tomaren parte nos exames, os candidatos deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

b) Te-la nacionalidade dun país membro da Unión Europea, dun país asociado ó Acordo sobre o espacio económico europeo ou dun país con convenio de reciprocidade con España neste ámbito.

c) Estar en posesión, como mínimo, dalgún dos seguintes títulos:

-Técnico superior en información e comercialización turística.

-Técnico en empresas e actividades turísticas.

-Calquera outro título superior, licenciatura ou doutoramento.

d) Non padecer ninguha enfermidade nin limitación física que poidan ser incompatibles coas funcións de guías de turismo.

e) Acredita-lo dominio das linguas cooficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir, castelán e galego, e algunha das linguas estranxeiras que se soliciten.

1.2. Todos estes requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Os que desexen tomar parte nestas probas de habilitación deberán facelo constar mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran nos anexos III, IV e V desta disposición, segundo corresponda, no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na disposición adicional 2ª da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia que modifica os subpuntos 05, 06 e 07 do epígrafe 19 do artigo 23 do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, e no título III da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, como requisito necesario para participar nestas probas deberase aboar, antes do día de realización do primeiro exercicio, en concepto de dereitos de exame o importe de 5.300 pesetas e, se é o caso, os gastos da transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo VI desta orde. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo, e nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, debendo

cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo VI.

A non presentación deste impreso de autoliquidación no que figure o selo da entidade bancaria, antes do día de realización do primeiro exercicio, determinará a exclusión do aspirante, aínda que este xa se realiza este primeiro exercicio. En ningún caso a presentación deste impreso suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe, aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da resolución da Dirección Xeral de Turismo pola que se declare tal exclusión.

2.1. As solicitudes presentaranse no rexistro da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo, nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou en calquera dos outros rexistros, oficinas ou organismos a que fai referencia o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, serán eximidos de realiza-las probas de idiomas que consten nas súas habilitacións, así como da avaliación sobre as materias que constan no temario cultural que figura no anexo II da presente orde.

Así mesmo, os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que desexen ser habilitados para outros idiomas distintos ós da súa habilitación, tan só deberán supera-las correspondentes probas de idiomas.

Por outra banda, os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos idiomas convocados, serán eximidos da avaliación sobre as materias que constan no temario cultural que figura no anexo II desta orde.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen ser habilitados para algún dos idiomas convocados, tan só deberán supera-las correspondentes probas de idiomas.

Nestes casos deberanse facer constar tales circunstancias na solicitude.

4. Os nacionais dun país membro da Unión Europea ou dun país asociado ó Acordo sobre o espacio económico europeo e os cidadáns españois que posúan un título, conxunto de títulos ou habilitación que lles permitan exerce-la profesión de guía de turismo especializado nos seus países ou Comunidade Autónoma de procedencia que teñan solicitado o recoñecemento profesional a que fai referencia o artigo 10 da Orde do 26 de marzo de 1998, pola que se regula a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, e deban someterse a unha proba de aptitude sobre as materias que nunca cursaron, segundo determine a Dirección Xeral de Turismo, poderán participar nestes exames nos exercicios que procedan segundo se fará constar na lista de admitidos e excluídos.

4.1. A solicitude de recoñecemento profesional deberase ter efectuado antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes a que se fai referencia na base 6.1.

5. Avaliaranse, en todo caso, os seguintes idiomas estranxeiros: inglés, francés, alemán, italiano, portugués e xaponés.

Sobre o resto de idiomas estranxeiros solicitados polos interesados, a Dirección Xeral de Turismo, en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística dese idioma, reserva para si o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación. Esta circunstancia farase constar na lista de admitidos e excluídos.

Cando un candidato resulte excluído por solicitar só un ou varios idiomas que non vaian ser obxecto de exame o importe que, se é o caso, aboara en concepto de exame devolveráselle logo dos trámites correspondentes.

6. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral de Turismo dictará resolución pola que se declarará aprobada a lista de admitidos e excluídos, así como as causas da súa exclusión. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou de calquera outro documento identificativo equivalente.

A lista de admitidos e excluídos expoñerase durante 15 días no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

6.1. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da publicación da lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión.

Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección Xeral de Turismo dictará resolución pola que se declarará definitivamente aprobada a lista de admitidos e excluídos.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de supera-lo exame, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste procedemento.

7. Os exames realizaranse na cidade de Santiago de Compostela, nas datas e horas que se publicarán no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

8. O tribunal cualificador destas probas será designado mediante resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que se expoñerá no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e a súa composición será a seguinte:

Presidente: o delegado provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Coruña.

Vocais:

-Un funcionario da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Dous profesores de ensino oficial especializados, un en historia da arte e outro en xeografía.

-Un representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, designado pola dita asociación ou, no seu defecto, un profesional nomeado pola propia Administración.

Secretario: o xefe de Servicio de Ordenación de Turismo.

Para xulga-las probas de idiomas, o tribunal poderá solicita-la presencia de persoas cualificadas que o asistan se así o considera conveniente. A designación destas persoas deberá comunicárselle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

8.1. Para os efectos de adopción de acordos, os posibles empates dirimiraos o presidente co seu voto.

8.2. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o primeiro exercicio e maila primeira proba do terceiro exercicio sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que puidesen permitir coñece-la identidade do aspirante.

8.3. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que, lida ó principio da sesión seguinte e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, se autorizará coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

8.4. O tribunal que actúe nestas probas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

8.5. A totalidade dos membros do tribunal deberán posuír un nivel de titulación igual ou superior ó esixido na base 1.c) desta orde.

8.6. As comunicacións que lle formulen os aspirantes ó tribunal dirixiranse á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Turismo (praza de Mazarelos 15, Santiago de Compostela).

9. As probas de habilitación para guía de turismo especializado consistirán nos bloques seguintes de exercicios, todos eles eliminatorios e realizados na orde que se indica.

9.1. Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 60 preguntas tipo test con respostas alternativas, extraído ó chou entre tres cuestionarios, elaborados previamente polo tribunal e correspondentes a todo o contido do programa que figura no anexo II desta orde. O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo, para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos idiomas convocados, tan só deberán contestar por escrito un cuestionario de 40 preguntas tipo test con respostas alternativas, extraído ó chou entre tres cuestionarios, elaborados previamente polo tribunal e correspondentes ós temas do 21 ó 51, ambos inclusive, do programa que figura no anexo II desta orde. Neste caso, o tempo máximo para a realización desta proba será de 40 minutos.

Este exercicio poderase realizar en castelán ou galego, segundo a elección do aspirante, que a fará constar na solicitude.

Esta proba cualificarase con apto ou non apto e corresponderalle ó tribunal determina-lo nivel de

coñecemento esixido para acorda-la condición de apto. Non obstante, para superar esta proba será preciso contestar correctamente, alomenos, a metade das preguntas do cuestionario.

As cualificacións publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

9.2. Segundo exercicio.

Consistirá en contestar de forma oral, durante un tempo máximo de 20 minutos, ás preguntas que formulará o tribunal. Esas preguntas tratarán sobre dous temas que os interesados extraerán ó chou, un do temario cultural (temas 1 ó 20) e outro de itinerarios e recursos turísticos (temas 21 ó 44).

De cada un dos temarios o candidato extraerá dous temas e elixirá un de cada temario, de entre os que extraese.

Este exercicio poderase realizar en castelán ou galego, á elección do aspirante, que a fará constar na solicitude.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo para un ámbito territorial inferior ó autonómico, que desexen amplia-la súa habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nalgún dos idiomas convocados, só deberán realiza-la exposición oral en que consiste este segundo exercicio, respecto ó temario de itinerarios e recursos turísticos (temas 21 ó 44), e durante un tempo máximo de 15 minutos. O candidato extraerá deste temario dous temas e expoñerá, á súa escolla, un deles.

Esta proba cualificarase con apto ou non apto e corresponderalle ó tribunal determina-lo nivel de coñecemento esixido.

As cualificacións publicaranse diariamente, unha vez rematadas as exposicións orais, no lugar onde se celebren as probas. Así mesmo, unha vez rematada a avaliación de tódolos aspirantes publicaranse as súas cualificacións nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo, e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

9.3. Terceiro exercicio, ó que concorrerán unicamente aqueles candidatos que superen os exercicios anteriores e mailos candidatos que estean exentos de realiza-los exercicios anteriores.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá nunha traducción dun texto castelán para o galego, e doutro galego para o castelán, elixidos ó chou de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización desta proba será dunha hora.

Non obstante, os aspirantes que desenvolvesen un dos exercicios anteriores en castelán e outro en galego, estarán exentos de realizar esta proba.

Os profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías-intérpretes de turismo ou guías de turismo estarán exentos de realizar esta proba.

As cualificacións desta proba publicaranse unha vez rematada a corrección da totalidade dos exercicios, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no da Dirección Xeral de Turismo e nos das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Segunda proba: consistirá en manter unha conversa cos membros do tribunal, ou coas persoas que o asistan, nun tempo máximo de quince minutos en cada un dos idiomas solicitados, sobre un tema correspondente ó bloque do programa itinerarios e recursos turísticos, elixido entre dous propostos polo tribunal.

As cualificacións publicaranse diariamente, unha vez rematadas as exposicións orais, no lugar onde se celebren as probas.

10. Os interesados que, ó abeiro do establecido no artigo 10 da Orde do 26 de marzo de 1998, pola que se regula a profesión de guía de turismo especializado de Galicia, solicitasen antes da finalización do prazo establecido na base 2 desta convocatoria o recoñecemento profesional do seu título ou conxunto de títulos, e que lles fose comunicado por parte da Dirección Xeral de Turismo a necesidade de someterse a unha proba para obter ese recoñecemento, realizarán a totalidade ou parte dos exercicios previstos nesta convocatoria segundo se lles determinase en cada caso.

11. Unha vez rematados os tres exercicios, o tribunal redactará as listas dos candidatos declarados aptos e propoñeralle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo a súa habilitación como guías de turismo especializados, ou ampliada a habilitación xa outorgada a todo o territorio da Comunidade Autónoma ou para determinados idiomas, segundo se trate, sempre que cumpran tódolos requisitos esixidos nas bases da presente orde. As listas expoñeranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nos da delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

11.1. Mediante resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo elevarase a definitiva a proposta do tribunal dos aspirantes que superen os exames establecidos e publicarase nos taboleiros de anuncios referidos. A partir desta publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que os ditos aspirantes presenten na Dirección Xeral de Turismo os seguintes documentos:

-Tres fotografías tamaño carné.

-Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade, ou de calquera outro documento acreditativo da súa identidade e nacionalidade.

-Fotocopia compulsada dalgún dos títulos esixidos na base 1ª alínea c) desta orde. No caso de títulos estranxeiros deberá ser acreditada a súa homologación en España pola autoridade competente.

-Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base 1ª alínea d) desta convocatoria.

A Dirección Xeral de Turismo poderá solicitar, cando o considere conveniente, a presentación dun certificado oficial que expedirá o órgano competente, acreditativo da equivalencia dos títulos presentados.

11.2. Os candidatos declarados aptos que non presenten a documentación esixida no prazo establecido ou a presenten incompleta ou incorrecta, salvo casos de forza maior debidamente acreditados, perderán o seu dereito, sen prexuízo de promoveren os recursos que correspondan.

11.3. Completada a referida documentación, ós candidatos outorgaráselles, por parte do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a habilitación como guías de turismo especializados de Galicia, ou ampliaráselle-la que posúan para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ou para os idiomas que correspondan segundo se trate, para o cal se lles expedirá un carné no que constará o idioma ou idiomas que acreditasen coñecer, xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

O ámbito territorial da habilitación será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO II

Temario cultural

1. Características xeográficas de Galicia: o solo, o relevo, o clima, a hidrografía, a fitoxeografía e a fauna.

2. Estructura socioeconómica de España. Especial referencia ó turismo como sector económico.

3. Economía de Galicia: poboación e tipo de asentamento, a estructura da propiedade. Principais produccións nos diferentes sectores. Interaccións entre a economía galega e a española.

4. A Galicia prerromana. O megalitismo. A idade de bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

5. A cultura galaico-romana. As vías. Asentamentos rurais e urbanos. A articulación político administrativa da Gallaecia. As explotacións mineiras. Cristianización e conflicto priscilianista.

6. Séculos V-X. O reino suevo de Galicia. O proceso de feudalización. As relacións aristrocracia-monarquía-igrexa. A presencia normanda.

7. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

8. Séculos XI-XIII: crecemento demográfico e expansión económica. Xelmírez. Reordenación do espacio político: a independencia de Portugal. A literatura medieval galaico-portuguesa. Os reis de Galicia e León Fernando II e Alfonso IX: o renacemento urbano.

9. Séculos XIV-XV: a Baixa Idade Media e a transición á Idade Moderna. O reino de Galicia na monarquía castelá. Crises económicas. Conflictos sociais e políticos. O comercio marítimo galego. Os Irmandiños.

10. O monacato en Galicia na Idade Media. As ordes militares e Galicia. Orixes e desenvolvemento da Universidade en Galicia.

11. A Galicia do antigo réxime. Desenvolvemento demográfico. Institucións político-administrativas. Fidalguía, foro e campesiñado. Peculiaridades do mundo urbano. Transformacións agropecuarias.

12. A arte renacentista en Galicia. A arquitectura e escultura barroca en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

13. A transición á Idade Contemporánea. A incipiente industrialización. A ilustración. A emigración. O agrarismo.

14. Modelos e evolución da arquitectura galega no século XIX. Clasicismo e academicismo. Eclecticismo e historicismo.

15. A literatura do Rexurdimento. Rosalía de Castro. Pondal. Curros.

16. Antecedentes da autonomía galega. O galeguismo. O século XX en Galicia e o proceso de modernización.

17. Arquitectura modernista en Galicia. A xeración Nós. O movemento renovador e de vangarda da arte galega. Tendencias actuais da arte e da literatura de Galicia. Os exemplos. Grandes literatos galegos en lingua castelá.

18. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos constructivos e tipoloxía da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, o muíño.

19. Artesanía e oficios populares. A lingua galega.

20. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

Temario de itinerarios e recursos turísticos.

21. Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos.

22. Recursos turísticos de Galicia. Trazos diferenciais da oferta turística galega. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos e convencións. Turismo activo e de natureza.

23. Paisaxe e áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

24. Paisaxe e áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

25. Costa norte e rías altas desde Caión a Ribadeo.

26. Desde Fisterra a Caión. Especial significación da Costa da Morte.

27. As rías baixas. Desde Fisterra ó esteiro do Miño.

28. A Galicia interior: serras setentrionais. Dorsal galega. Penechaira galega. Depresión de Ourense, A Limia. Val de Monterrei. Val de Arnoia. Terras do Carballiño. Val do Ribeiro. Valdeorras. O chanzo de Santiago. Fosa Padrón-Tui. As concas do Tambre e o Ulla. Serras meridionais.

29. As serras orientais e o macizo central ourensán.

30. Visita á cidade e provincia da Coruña.

31. Visita á cidade e provincia de Lugo.

32. Visita á cidade e provincia de Ourense.

33. Visita á cidade e provincia de Pontevedra.

34. Visitas ás cidades e vilas de Betanzos, Muros, Noia, Viveiro, Mondoñedo, Ribadavia, Allariz, Baiona e Cambados.

35. Visita á cidade e ría de Vigo. Tui e o Baixo Miño.

36. Visita á cidade de Santiago de Compostela.

37. O Camiño francés e outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.

38. A zona de Monforte de Lemos e A Ribeira Sacra.

Nos temas do 23 ó 38, ámbolos dous inclusive, o aspirante deberá motiva-la elección dos puntos de visita e posibles itinerarios para levalos a cabo, podendo expoñer diversas solucións segundo o tempo, finalidade e obxectivo da viaxe.

39. Rede viaria e sistemas de transportes.

40. Oferta de aloxamentos. Localización e características. Balnearios e mananciais de augas medicinais e termais.

41. Museos principais de Galicia.

42. As catedrais.

43. Os mosteiros.

44. Dólmenes, petroglifos, castros. Exemplos máis relevantes.

45. Castelos, pazos, edificios civís máis relevantes.

Temario de lexislación.

46. A Constitución española. Principios xerais. O Estatuto de autonomía de Galicia. Características xerais. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

47. A Xunta de Galicia: estructura e funcións das distintas consellerías. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo: estructura e competencias.

48. Lei de ordenación e promoción do turismo en Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

49. Aspectos fundamentais da normativa reguladora de aloxamentos turísticos: establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos e acampamentos públicos de turismo.

50. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos establecementos de restauración.

51. Aspectos fundamentais da normativa reguladora das axencias de viaxes. Normativa reguladora da profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

52. Os parques naturais, os espacios naturais en réxime de protección xeral, os espacios naturais das normas subsidiarias e complementarias de planeamento provincial. A Rede Natura. Nocións xerais das leis de caza, pesca fluvial, patrimonio cultural de Galicia e protección do Camiño de Santiago.