Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 30 de outubro de 2000 Páx. 14.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 257/2000, do 13 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Baños de Molgas, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción dunha nova ponte na estrada local Baños de Molgas-Os Milagres X-3910.

O Concello de Baños de Molgas, en sesión que tivo lugar o día 12 de novembro de 1998, aprobou o proxecto de construcción dunha nova ponte na estrada local de Baños de Molgas-Os Milagres X-3910, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de setembro de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 21 de xullo de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala o concello é preciso suprimi-la curva da actual ponte, polo seu alto grao de risco para vehículos e peóns que impide o normal tráfico, e de igual xeito cumpri-las esixencias da Confederación Hidrográfica do Norte.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Baños de Molgas, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución

das obras do proxecto de construcción dunha nova ponte na estrada local Baños de Molgas-Os Milagres X-3910.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais