Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 02 de novembro de 2000 Páx. 14.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 261/2000, do 13 de outubro, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Padrón, Santiago de Compostela, Begonte, Carballedo, Lourenzá, Palas de Rei e Trasmiras.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades

públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles cos fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Padrón, Santiago de Compostela, Begonte, Carballedo, Lourenzá, Palas de Rei e Trasmiras, solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante os decretos 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), 99/1999, do 8 de abril (DOG nº 75, do 21 de abril), 55/2000, do 3 de marzo (DOG nº 59, do 24 de marzo), e 186/2000, do 7 de xuño (DOG nº 138, do 17 de xullo), desafectáronse do dominio público, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Padrón, Santiago de Compostela, Begonte, Carballedo, Lourenzá, Palas de Rei e Trasmiras.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de agosto de 2000 (DOG nº 181, do 18 de setembro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de outubro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello de Padrón do dereito de uso do predio nº 1.084 da zona de concentración parcelaria de Cruces, no lugar de Nabal, municipio de Padrón (A Coruña), que ten unha superficie de 9.660 m. Estrema: norte, María Rivas Barreiro (1085); sur, Antonio García Mirón; leste, camiño; oeste, zona excluída.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 487, libro 110, folio 128, predio nº 9.684, inscrición 2ª.

2. A favor do Concello de Santiago de Compostela do dereito de uso do predio nº 381 do plano xeral de concentración parcelaria da zona de Villestro, no sitio de Sandomil, municipio de Santiago de Com

postela (A Coruña), de 3.708 m de extensión. Linda: norte, masa común (382); sur, Francisco Villaverde e outros, hoxe Domingo Freire Caamaño; leste, Pedro Castiñeiras Tarrío e outros (379); e oeste, camiño da concentración parcelaria.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela no tomo 962, libro 10, folio 66, predio nº 804, inscrición 3ª.

3. A favor do Concello de Santiago de Compostela do dereito de uso do predio nº 382 do plano xeral de concentración parcelaria da zona de Villestro, no sitio de Sandomil, municipio de Santiago de Compostela (A Coruña), de 6.685 m de extensión. Linda: norte, Carmen Baliñas García, rego no medio; sur, José Freire López; leste, Pedro Castiñeiras Tarrío e outros; e oeste, camiño da concentración parcelaria.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela no tomo 1203, libro 245, folio 14, predio nº 23.040, inscrición 1ª.

4. A favor do Concello de Santiago de Compostela do dereito de uso do predio nº 457 do plano xeral de concentración parcelaria da zona da Enfesta, no sitio de Carabas de Fó, municipio de Santiago de Compostela (A Coruña), de 10.319 m de extensión. Linda: norte, Pilar Suárez Piñeiro; sur, Jesusa Picón Liste e camiño de concentración; leste, Andrés Cruz Seijo; e oeste, Jesusa Picón Liste e Aurelio Vidal Ríos.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Santiago de Compostela no tomo 1004, libro 46, folio 119, predio nº 3.799, inscrición 4ª.

5. A favor do Concello de Begonte do dereito de uso dun edificio de planta baixa e dous andares, de 180, 178 e 165 m por planta respectivamente, o que fai un total de 523 m construídos sobre unha parcela de terreo, á que lle chaman Fondal das Garrigas ou dos Pedregas, de 195 m aproximadamente, situado na avenida do Concello, s/n, no municipio de Begonte (Lugo). Estrema: norte, Francisco Vázquez Teijido; sur, Avenida do Concello; leste, Jesús Grandío Silvoso, hoxe Virgilio Arias Quijada; e oeste, praza dos Irmáns Souto Montenegro.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilalba no tomo 153, folio 76, predio nº 2.177, inscrición 2ª.

6. A favor do Concello de Carballedo do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta que ocupa 103 m cada andar, aproximadamente, construído sobre un soar de 220 m superficie, situado na avenida dos Peares, nº 33, da vila da Barrela, municipio de Carballedo (Lugo), que linda: norte, con máis de Gabriel Pereira González e dona, e máis de Maximino Estévez Estévez e de María e Jesús Varela Fernández; sur, estrada da Barrela ós Peares; leste, máis de Maximino Estévez Estévez e dos irmáns María e Jesús Varela Fernández; e oeste, máis de Gabriel Pereira González e da súa dona.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Chantada no tomo 680, libro 87, folio 194, predio nº 11.674, inscrición 1ª.

7. A favor do Concello de Lourenzá do dereito de uso dun edificio que consta de tres andares, baixo, primeiro e segundo, de 150 m por planta aproximadamente, que se asenta sobre un soar de 196 m en total, localizado no lugar de Teivín, parroquia de Vilanova, hoxe rúa Carrero Blanco, nº 12, municipio de Lourenzá (Lugo). Estrema: norte e oeste, Manuel Méndez Fernández; sur, José Rodríguez Alonso; e leste, accesos ó colexio nacional, hoxe rúa Carrero Blanco.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Mondoñedo no tomo 645, libro 81, folio 147, predio nº 7.173, inscrición 3ª.

8. A favor do Concello de Palas de Rei do dereito de uso dun edificio de baixo e primeiro andar de 61 m construídos por planta, sobre un soar de 101 m en total, situado no lugar de Campo de Pereiro, parroquia e municipio de Palas de Rei (Lugo). Estrema: norte, co predio do que se segrega; sur, Antonio Carnero Vázquez; leste, herdeiros de Filomena Gómez; e oeste, vía pública, hoxe rúa Ourense, nº 31.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Chantada no tomo 476, libro 52, folio 132, predio nº 6.722, inscrición 3ª.

9. A favor do Concello de Trasmiras do dereito de uso dun edificio de planta baixa, que ocupa 112 m do seu soar de 250 m de superficie total, no sitio ó que lle chaman O Fornelo, hoxe rúa Otero Pedrayo, nº 168, municipio de Trasmiras (Ourense). Estrema: norte, estrada de Vilacastín a Vigo, estrada nacional N-525; sur, terreo comunal, hoxe campo de fútbol Fornelo; leste, terreo comunal, hoxe Escola de Trasmiras; e oeste, comunal, hoxe cuartel da Garda Civil.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia no tomo 701, libro 71, folio 155, predio nº 7.093, inscrición 3ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados dende a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con

posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do Patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflectido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de vintecinco millóns de pesetas. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas de aseguramento, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, trece de outubro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda