Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Luns, 13 de novembro de 2000 Páx. 15.169

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 268/2000, do 2 de novembro, polo que se crea o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 27.18º, a competencia exclusiva desta Comunidade Autónoma en materia de arquivos, bibliotecas e museos de interese para Galicia e que non sexan de titularidade estatal; e no seu artigo 37.2º determina que lle corresponde á Xunta a potestade regulamentaria nas materias da súa competencia exclusiva.

O Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, establece que as competencias transferidas en virtude do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, serán exercidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; entre esas competencias figurarán a elaboración e desenvolvemento de proxectos de experimentación e investigación educativos.

Así mesmo, o Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sinala en harmonía co artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia, que é a este departamento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; a promoción e o ensino da lingua galega; a coordinación do sistema universitario; e o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións docentes de interese galego.

Pola súa parte, a Lei 8/1995, do 30 de outubro, pola que se regula o patrimonio cultural de Galicia, define os museos como institucións de carácter permanente, abertas ó público e sen finalidade de lucro, orientadas á promoción e desenvolvemento cultural da comunidade en xeral, por medio da recollida, adquisición, inventario, catalogación, conservación, investigación, difusión e exhibición- de forma científica, estética e didáctica- de conxuntos e coleccións de bens patrimoniais de carácter cultural que constitúen testemuños das actividades do ser humano ou do seu contorno natural, con fins de estudio, educación, aproveitamento e promoción científica e cultural.

Neste marco, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria propón a creación dun centro específico destinado a recuperar, salvagardar, estudiar, mostrar e difundir todas aquelas expresións pedagóxicas e lingüísticas que poñan de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio educativo de Galicia, posibilitando, así, a súa catalogación, sis

tematización e custodia. Deste xeito estímase que se fomentará o estudio da herdanza educativa galega como ben cultural propio e que se asegurará a permanencia e transmisión do noso patrimonio educativo como legado ó acervo cultural de Galicia.

Desde esta perspectiva, débese subliñar que en Galicia se vén desenvolvendo un traballo pedagóxico, en xeral, e de achegamento educativo á realidade galega, en particular, que é necesario recuperar e coñecer para unha máis adecuada comprensión do noso presente; así mesmo, con esta iniciativa recóllese e actualízase o testemuño histórico de crear un centro museístico rexional e a proposta de resolución que, en similar sentido, acordou a Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia.

En consecuencia, despois do informe do Consello Escolar de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación.

Créase o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), coa finalidade de promover e desenvolve-la recuperación, salvagarda, estudio, mostra e difusión do legado pedagóxico da nosa Comunidade Autónoma.

Artigo 2º.-Obxectivos.

Son obxectivos do Mupega:

1. A recuperación, conservación, estudio e mostra daquelas produccións e bens patrimoniais de interese para a historia da educación e a memoria colectiva da Comunidade galega.

2. A especial atención ás realizacións educativas en lingua galega e ás referentes ó ensino da lingua e da cultura galegas.

3. A constitución dun centro documental e de recursos pedagóxicos que fornezan de instrumentos heurísticos e faciliten o estudio e a difusión da educación en Galicia na súa historia, actualidade e prospectiva.

4. A realización de mostras de carácter temporal ou permanente cos fondos depositados na propia institución ou cedidos por outras entidades.

5. A promoción de proxectos, publicacións e outro tipo de actividades que contribúan a recupera-la memoria educativa de Galicia e a dinamiza-la súa realidade pedagóxica.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións do Mupega:

1. Programar e realizar exposicións relacionadas cos distintos ámbitos sectoriais do mundo da educación e da pedagoxía en Galicia.

2. Potenciar e incentiva-la investigación e a innovación no eido da pedagoxía en Galicia.

3. Colaborar na formación e actualización pedagóxica dos profesionais da educación.

4. Elaborar bases de datos sobre a educación na nosa Comunidade Autónoma.

5. Recadar, catalogar, custodiar e difundi-los acervos bibliográficos e documentais galegos, así como as produccións nas que se obxectivan a memoria e a actualidade educativas de Galicia.

6. Deseñar e preparar unidades didácticas e materiais de traballo relacionados coas finalidades e actividades propias do Mupega.

7. Manter relacións de intercambio e colaboración con outros centros análogos.

8. Actuar como axente vertebrador e coordinador doutros espacios museísticos de temática educativa existentes en Galicia, sen prexuízo da súa autonomía de funcionamento, para a execución e o desenvolvemento de iniciativas conxuntas.

9. Dotar unha biblioteca especializada en materias relacionadas co museísmo pedagóxico.

10. Promove-la realización e difusión de publicacións específicas tocante á temática propia dos proxectos e das actividades emprendidas.

11. Impulsa-la celebración de encontros e xornadas de estudio sobre aspectos relacionados co museísmo pedagóxico e a recuperación da memoria educativa da nosa comunidade.

12. Propoñerlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o asinamento de convenios de colaboración con outras institucións públicas e privadas.

13. Colaborar, se é o caso, na realización de estudios, informes e investigacións sobre a educación e a infancia en Galicia.

14. Calquera outra iniciativa ou acción tendentes á consecución das finalidades que se lle atribúan, no marco do seu obxecto específico.

Artigo 4º.-Competencias funcionais.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria exercerá, no ámbito deste decreto, as seguintes funcións:

1. A xestión xeral do Mupega, a través da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. A aprobación do plan xeral anual das actividades do museo.

3. A xestión económico-administrativa do Mupega.

4. A aprobación do regulamento interno de funcionamento.

5. As relacións do Mupega con calquera outro organismo ou entidade, así como a súa representación dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Comisión rectora.

Constituirase unha comisión rectora do Mupega, que será presidida polo conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria, ou persoa en quen delegue, e que contará cos seguintes vocais:

1. O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. O director xeral de Centros e Inspección Educativa.

3. O director xeral de Política Lingüística.

4. O representante que designe a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

5. O coordinador científico do Mupega.

6. O representante de un dos órganos consultivos en materia de patrimonio cultural.

Actuará como secretario desta comisión o administrador do museo.

Esta comisión rectora terá as seguintes funcións:

a) Supervisa-lo Mupega nos seus temas específicos.

b) Emitir informe sobre o regulamento de réxime interno do Mupega, e, se é o caso, sobre as propostas de proxectos e programas propios do museo.

c) Estudia-lo plan xeral anual de actividades do centro.

d) Coñece-la memoria anual de actividades elaborada polo coordinador científico do museo.

Artigo 6º.-Coordinación científica.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da secretaría xeral, nomeará ó coordinador científico do Mupega. Este terá como principal función a supervisión de tódalas actividades científicas propias do museo, e en particular:

1. Ser vocal da comisión rectora.

2. A coordinación científica das áreas do museo.

3. A execución dos plans xerais de actuación do museo, logo da proposta e aprobación pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. A elaboración da memoria anual de actividades e a confección da proposta de anteproxecto de orzamento do museo.

5. Dar conta do contido da programación de actividades ante a comisión rectora.

6. Elaborar e proporlles á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á comisión rectora o regulamento interno e de funcionamento do museo.

7. Proporlle á secretaría xeral os plans de publicacións para a promoción e difusión de tódalas actividades do museo.

Artigo 7º.-Áreas.

Para o cumprimento das súas funcións, o Mupega contará coas seguintes áreas de actuación:

1. Área de documentación e recursos, á que lle corresponde:

a) Reunir, catalogar e poñer á disposición dos investigadores e estudiosos os fondos documentais

en calquera tipo de soporte, xerados arredor da educación ó longo da historia de Galicia.

b) Recompilar e conserva-los testemuños dos ámbitos temáticos da súa incumbencia.

c) Constituír unha biblioteca e unha hemeroteca especializadas na educación e a pedagoxía en Galicia.

d) Crear unha ludoteca á que se incorporen principalmente os xoguetes autóctonos e os xogos propios de Galicia.

e) Elabora-las bases de datos que se propoñan para os fins do museo.

f) Asistir e asesorar a tódalas persoas e institucións que estean interesadas na consulta dos seus fondos.

g) Establecer unha mediateca educativa onde se integren, nos seus diversos soportes e presentacións, os compoñentes e contidos nos que se obxectivan as materias propias do museo.

2. Área de conservación e mantemento, á que lle corresponde:

a) Rehabilitar e salvagarda-las coleccións propias ou en depósito do Mupega.

b) Vixiar e face-lo seguimento do estado de conservación das pezas custodiadas.

c) Colaborar na difusión das coleccións específicas do Mupega.

d) Cooperar, cando así se estableza, na realización do estudio dos fondos propios.

3. Área de exposicións, estudios e publicacións, á que lle corresponde:

a) Propoñe-la realización de exposicións e responsabilizarse da súa xestión.

b) Programa-la celebración de congresos, xornadas e outras accións de carácter formativo.

c) Elaborar unidades didácticas no tocante ás áreas temáticas do museo.

d) Promove-la realización de investigacións, informes e publicacións de forma autónoma ou en colaboración con outras entidades sobre temas da súa incumbencia.

En cada unha destas tres áreas haberá un responsable técnico, que se encargará de desenvolve-los proxectos concretos que vai realizar directamente o museo ou en virtude de convenios con outras institucións.

Artigo 8º.-Cobertura de prazas.

A provisión de prazas adecuarase ó disposto no Decreto 244/1999, do 29 de xullo, polo que se regula a cobertura de diversas prazas por funcionarios públicos docentes, e demais normativa en materia de función pública.

Artigo 9º.-Administrador.

Un funcionario da secretaría xeral, designado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

por proposta do secretario xeral, será o administrador do museo.

Son funcións do administrador:

1. A xestión económico-administrativa do museo.

2. A coordinación da xestión do museo cos servicios correspondentes da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. A comprobación dos custos das actividades do museo e a presentación de balances económicos á Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. Asisti-lo coordinador científico no seu cometido.

5. Se-lo secretario da comisión rectora.

Artigo 10º.-Financiamento.

O Mupega financiarase con cargo ós orzamentos que para tal fin dispoña a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposición transitoria

Única.-A autorización e cualificación deste museo precisará, con carácter previo, da correspondente tramitación ante a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las normas de desenvolvemento e execución deste decreto.

Santiago de Compostela, dous de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria