Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 23 de novembro de 2000 Páx. 15.641

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dicta a normativa para a pesca da lamprea no río Tea e se fixa o período e condicións para presenta-las solicitudes para participar no sorteo de postos de pesca, no vindeiro ano 2001.

De conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 20 de xaneiro de 2000, pola que se fixan as normas xerais de pesca nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia, na que se faculta o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra para dictar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea no río Tea e, co obxecto de que se realice un aproveitamento ordenado da dita pesca, establécese un réxime especial para o vindeiro ano 2001 que só poderá practicarse desde 700 metros augas abaixo da ponte romana de Ponteareas ata a confluencia do Tea co río Miño e coas limitacións que a seguir se indican:

-Os pescadores interesados nesta pesca deberán participar no sorteo público que realizará o Servicio de MAN de Pontevedra, na data, hora e lugar que se fará público, no que se indicarán os postos de pesca para a colocación das estacadas.

-Os medios que se empregarán serán a estacada, fisga (1 por pescador) e luz artificial. Enténdese por estacada a ponte ou pasarela de madeira voante sobre o río, perpendicularmente á dirección da corrente e cunha lonxitude máxima que non excederá a metade do leito fluvial, apoiándose nun extremo na marxe do río e o resto sobre pilotes ou postes de madeira ou ferro, de xeito que non se impida a libre circulación das augas baixo ela.

-Antes de proceder á instalación das estacadas deberán estar en posesión de licencia de pesca e autorizados cos permisos de 4ª categoría para cada día. Documentos que deberán levar consigo xunto co DNI durante a práctica desta actividade.

-Prohíbese ter na estacada un número superior de fisgas a pescadores con permiso presentes nela; sendo todos eles responsables do incumprimento desta condición.

-O período hábil de pesca será desde o 22 de xaneiro ata o 28 de abril.

-A pesca realizarase en días alternos, pescando os luns, mércores e venres desde as estacadas impares e os martes, xoves e sábados desde as pares. As persoas que pesquen os luns, mércores e venres comezarán ás 21 destes días e poderán facelo ata as 8 do día seguinte. As persoas que o fagan os martes, xoves e sábados comezarán ás 21 destes días e poderán facelo ata as 8 do día seguinte.

-Prohíbese a pesca desde as 21 dos domingos ata as 21 dos luns.

Requisitos que se seguirán na instalación das estacadas:

*Deberán estar debidamente numeradas e situadas de conformidade co recollido no anexo, onde as fixen sobre o terreo o persoal da Consellería de Medio Ambiente, e en ningún caso se poderá monta-las estacadas fóra do lugar establecido, nin se poderá cambiar de marxe. No caso de que os adxudicatarios de 2 estacadas contiguas queiran montalas conxuntamente solicitarano previamente e, se é o caso, montarase no lugar correspondente á sinalada máis augas abaixo.

*Deberán ter acceso desde terra e, en ningún caso, as dimensións das estacadas pasarán a metade do río.

*Non se poderá cortar vexetación de ribeira sen autorización do Servicio de MAN, de acordo co establecido na vixente Lei 7/1992 de pesca fluvial.

*Finalizado o réxime especial o día 28 de abril, os pescadores disporán dun prazo de 15 días para retira-las estacadas e demais instalacións, deixando o contorno libre de lixo, e presentar debidamente cubertos os libros de rexistro de capturas no refuxio da Freixa ou no Servicio de Medio Ambiente Natural en Pontevedra, rúa Benito Corbal, 47-5ª planta.

Do incumprimento dos anteditos requisitos de instalación e retirada das estacadas responderán tódalas persoas autorizadas conxunta e solidariamente.

A pesca desde as estacadas enténdese selectiva para a lamprea, non podendo causar dano a outras especies piscícolas.

As barcas empregadas polos pescadores para os labores auxiliares da pesca da lamprea deberán estar en posesión de licencia especial para embarcación (licencia clase E). Estas embarcacións deberán levar en lugar ben visible o número de estacada que lle correspondera no sorteo. En ningún caso, estas barcas poderán ser accionadas con motor.

O persoal que designe o Servicio de MAN revisará cada estacada e cando non se axuste ás condicións fixadas ou non exista persoa autorizada para a pesca desde esta procederase ó seu levantamento.

Se durante a temporada de pesca da lamprea os axentes observan que algún pescador incumpre calquera outra condición desta normativa poderanlle retirar, nese intre, os permisos que lle resten, sen dereito a devolución do seu importe.

O Servicio de MAN, por razóns hidrobiolóxicas, de estiaxe ou calquera outra que o faga necesario, poderá modifica-lo contido da presente normativa adoptando medidas axeitadas.

Sorteo de postos de pesca para a captura da lamprea no río Tea.

Para poder participar neste sorteo os interesados deberán presentar:

-Solicitude segundo modelo oficial.

-Fotocopia cotexada do DNI.

O sorteo para a posesión dos postos correspondentes terá lugar no refuxio da Freixa (Ponteareas) o día 12 de xaneiro de 2001, ás once horas, á vista das solicitudes que para este fin se reciban no Servicio Provincial de MAN, r/ Benito Corbal, 47-5ª planta (Pontevedra) ata o 15 de decembro de 2000.

A zona de pesca está comprendida entre a ponte do ferrocarril e a praia da Moscadeira, cun número de 48 estacadas.

Cada solicitante elixirá logo de presentación do DNI, pola orde obtida no sorteo.

De acordo co número obtido no sorteo cada pescador retirará un lote de 42 permisos de 4ª categoría logo do pagamento do prezo público de 10.500 pesetas (250 pesetas por cada permiso) e presentación da licencia de pesca.

A cada posto de pesca deberán optar catro pescadores xuntándose na mesma solicitude. Se se comprobase que o nome dun pescador aparece recollido en máis dunha solicitude, procedarase á súa anulación.

Os permisos serán persoais e intransferibles, polo que ningún pescador poderá facer uso doutro permiso que non fose o seu propio, nin pescar desde un posto distinto ó que figura no seu permiso.

Se quedara algún posto vacante sortearase entre os pescadores que por razón do sorteo e estando incluídos nel non tiveran opción de escoller posto, sempre que o número de solicitudes supere o nº de postos autorizados e que se indican no anexo desta resolución.

Non se cambiará ningún posto despois da elección do sorteo.

Os pescadores que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción administrativa da lexislación de pesca non poderán optar ó sorteo das estacadas.

Xunto cos permisos entregaranse uns libros de rexistro de capturas que deberán ser debidamente cubertos e deberán estar sempre á disposición dos axentes de MAN. O cumprimento deste requisito será indispensable para optar ó sorteo da próxima temporada.

Pontevedra, 9 de novembro de 2000.

José Luis Díez Yáñez

Delegado provincial de Pontevedra

ANEXO

Estacadas do río Tea 2001

Lonxitude total: 12.412 metros

Nº estacadaDistancia (m)

25

210

24

290

23

100

22

400

Nº estacadaDistancia (m)

21

120

20

Ponte do Cordeiro 280

19

1.160

18

173

17

677

16

50

15

352

14

100

13

120

12

120

11

100

10

305

9

115

8

60

7

100

6

Ponte romana/Ponte Po-412 370

5

60

4

50

3

60

2

100

1

60

Ponte do ferrocarril

Praia da Moscadeira

120

48

100

47

150

46

80

45

210

44

160

43

120

Nº estacadaDistancia (m)

42

120

41

90

40

120

39

110

38

110

37

110

36

350

35

Desembocadura Uma 100

34

590

33

100

32

100

31

100

30

Ponte das Partidas 300

29

220

28

1.850

27

1.350

26

200