Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Luns, 27 de novembro de 2000 Páx. 15.761

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

O Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, sobre medidas de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, que incorpora ó ordenamento xurídico español a Directiva 96/82/CE, do 9 de decembro e que derrogou os reais decretos 886/1988 e 952/1990, atribúe ás comunidades autónomas competencias de control e inspección dos establecementos e instalacións nos que están presentes substancias perigosas, de recepción de información e da documentación da política de prevención de accidentes e de comunicación de sinistros, para garanti-la adecuada protección das persoas, dos bens e do medio ambiente.

En atención ó exposto, cómpre establece-los prazos de remisión de documentación e determina-los órganos administrativos da Xunta de Galicia que exercerán as funcións establecidas no devandito real decreto. Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Industria e Comercio; de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e o de Medio Ambiente, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O presente decreto ten por obxecto designa-los órganos que exercerán en Galicia as funcións asignadas ás comunidades autónomas polo Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas.

Artigo 2º.-Órganos competentes.

As funcións apuntadas no artigo anterior serán exercidas en Galicia polos seguintes departamentos:

a) Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Urbanismo.

b) Consellería de Industria e Comercio, a través das súas delegacións provinciais e da Dirección Xeral de Industria.

c) Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil.

d) Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Artigo 3º.-Funcións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Correspóndelle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, a comprobación do cumprimento das esixencias derivadas do artigo 12 do Real decreto 1254/1999; o control levarase a cabo na tramitación de plans e proxectos urbanísticos ou de ordenación do territorio.

Para este efecto, e sen prexuízo da adopción doutras medidas, o citado departamento:

a) Controlará a implantación de novos establecementos ou instalacións, a modificación dos existentes e as novas obras que impliquen aumento de risco.

b) Disporá a debida integración nos plans e proxectos antes descritos, tanto dos estudios de seguridade da zona onde radique a instalación e que presenten os promotores, como dos dictames técnicos sobre os riscos vinculados ós establecementos ou instalacións de nova creación o á modificación das existentes.

Artigo 4º.-Funcións da Consellería de Industria e Comercio.

Correspóndelle á Consellería de Industria e Comercio, a través das súas delegacións provinciais, o exercicio das seguintes funcións:

1. Recibir dos industriais dos establecementos ós que lle sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999, a seguinte documentación:

a) Notificación que conteña, como mínimo, a información e os datos que figuran no anexo II do Real decreto 1254/1999, nos prazos indicados no artigo 6º, puntos b) e c), do mencionado Real decreto e para os establecementos de nova creación no prazo de tres meses anteriores ó inicio da súa construcción.

b) Documento escrito da súa política de prevención de accidentes graves e o informe de seguridade. O prazo de presentación rematará o 21 de xullo do 2002 para os establecementos existentes que non estiveran obrigados a presentala con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 1254/1999 e o 21 de xullo de 2001, para os demais establecementos existentes. No caso de establecementos de nova creación, o prazo será de tres meses antes do inicio da súa explotación.

c) Comunicación de calquera cambio significativo da cantidade, característica ou da forma física das substancias perigosas, así como cambio nos procesos ou no peche temporal ou definitivo da industria no momento de producirse.

2. Pronunciarse no prazo de seis meses sobre as condicións de seguridade do establecemento unha vez avaliado o informe de seguridade por un organismo de control acreditado, segundo o Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e seguridade industrial.

3. Esixir dos industriais dos establecementos ós que lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999 a elaboración dos seus plans de emerxencia interior nos prazos indicados no artigo 11, punto 2º, letras b) e c). Nos establecementos de nova creación o prazo será de tres meses antes do inicio da súa explotación.

Así mesmo, esixiralle o cumprimento da normativa vixente sobre a protección de riscos industriais, a comunicación dos accidentes ocorridos, e o establecemento das medidas correctoras naqueles casos nos que se incumpra o establecido no Plan de emerxencia interior, así como aqueloutras de carácter complementario que se estimen pertinentes.

4. Remitir á Dirección Xeral de Industria para o seu traslado á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, unha vez comprobado que cumpren todo o disposto nos artigos 6, 7, 9 e 11 do Real decreto 1254/1999, e no punto 1º, letras a) e b) deste artigo, os documentos de notificación obrigatoria, política de prevención de accidentes, informe de seguridade e o plan de emerxencia interior, dentro do prazo de tres meses.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Industria remitirá, no mesmo prazo, copia do informe de seguridade presentado polos industriais ós que lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, á Consellería de Medio Ambiente e ós concellos onde estean situadas, ou se situen os establecementos ou instalacións.

5. Someter a trámite de información pública, previo á súa aprobación ou autorización, os proxectos de novos establecementos e as modificacións que se vaian realizar nos xa existentes ós que lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999 (artigo 13, punto 4º, letras a) e b)).

6. Garantir que calquera outro informe obtido en relación ó disposto no Real decreto 1254/1999, estea á disposición dos organismos responsables das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e da de Medio Ambiente.

Así mesmo, garantirá que o informe de seguridade estea á disposición do público.

7. Inspecciona-los establecementos ós que lles sexa de aplicación o Real Decreto 1254/1999, para:

a) Establece-los sistemas de inspección e control adecuados a cada tipo de establecemento para asegura-lo cumprimento do disposto no Real decreto 1254/1999, sobre os riscos inherentes ós accidentes graves nos que interveñan substancias perigosas, así como realiza-las inspeccións preceptivas.

b) Dar traslado ós responsables das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Sanidade e Servicios Sociais e de Medio Ambiente, copia do informe da inspección, sempre e cando

no establecemento se detecten anomalías que puideran ser de interese relevante para as citadas áreas de actuación administrativa, nun prazo de 72 horas posteriores á realización do dito informe.

c) Incoa-los expedientes de infracción administrativa para aqueles industriais que incumpran o establecido no Real decreto 1254/1999, dando traslado do expediente ó Ministerio Fiscal cando se sospeite que os feitos puideran ser constitutivos de delicto ou falta.

Artigo 5º.-Funcións da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Correspóndelle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, o exercicio das seguintes funcións:

1. Elabora-los plans de emerxencia exterior dos establecementos ós que lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999, que estean radicadas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade cos criterios que se establezan na directriz básica de risco químico e con base nas informacións achegadas polos industriais nos plans de emerxencia interior e ás que achegen as autoridades locais.

2. Remitirlle á Comisión Galega de Protección Civil os plans de emerxencia exterior para a súa información, posterior aprobación e envío á Comisión Nacional de Protección Civil para a súa homologación.

3. Elaborar e remitir, a través da Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior, os informes que a Comisión Europea solicite sobre a aplicación do Real decreto 1254/1999, na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Ordena-la aplicación dos plans de emerxencia exterior e dirixir estes, de acordo coa directriz básica para a elaboración e homologación dos plans especiais do sector químico.

5. Recibir dos industriais ós que lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999, no caso de que ocorra algún accidente grave, a través das canles de comunicación creadas para tal fin, a información que lle permita determina-la magnitude do accidente.

6. Informar, no momento que se teña noticia dun accidente grave que teña a súa orixe no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, á Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma, así como ás autoridades e institucións con responsabilidade no plan de emerxencia exterior.

7. Asegurar que as persoas que poidan verse afectadas por un accidente grave reciban información sobre as medidas de seguridade que deben tomarse e sobre o comportamento que se debe adoptar en caso de accidente, revisando a dita información cada tres anos.

Artigo 6º.-Funcións da Consellería de Medio Ambiente.

Correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, exerce-las seguintes funcións:

1. Outorga-la autorización administrativa das instalacións de producción e xestión de residuos perigosos, de acordo co previsto na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos.

2. Emiti-la declaración de impacto ambiental ou, se é o caso, de efectos ambientais, de acordo co previsto respectivamente nos decretos 442/1990, do 13 de setembro e 327/1991, do 4 de outubro, nas que se fará referencia ás repercusións ambientais dos accidentes que figuran no informe de seguridade que as industrias afectadas polo Real decreto 1254/1999, lle presenten á Consellería de Industria e Comercio por solicitude desta.

Artigo 7º.-Funcións dos concellos.

Correspóndelles ós concellos e outras entidades locais exerce-las seguintes funcións:

1. Colaborar coa Dirección Xeral de Interior e Protección Civil na elaboración dos plans de emerxencia exterior que afecten o seu termo municipal, achegando a información que sexa precisa.

2. Elaborar e manter actualizado o plan de actuación municipal ou local, seguindo as directrices dos plans de emerxencia exterior, participar na súa execución, dirixindo e coordinando as medidas e actuacións neles recollidas.

3. Aprobar no Pleno da Corporación o plan de actuación municipal ou local e remitilo á Comisión Galega de Protección Civil, a través da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, para a súa homologación.

4. Controla-la asignación ou utilización do solo para a implantación das novas instalacións ou establecementos ou as modificacións nas xa existentes, en cumprimento do disposto no artigo 12 do Real decreto 1254/1999, así como dispoñer de dictame técnico sobre os riscos vinculados ás instalacións ou establecementos, con carácter previo ás decisións de índole urbanística.

5. Informar de inmediato á Dirección Xeral de Interior e Protección Civil dos accidentes graves que se produzan no seu termo municipal.

Artigo 8º.-Obrigas dos industriais.

Os industriais titulares dos establecementos os que lles sexa de aplicación o Real decreto 1254/1999, presentarán a documentación esixida na Delegación da Consellería de Industria e Comercio da provincia onde radique o establecemento industrial, que a remitirá, unha vez incoado o expediente e realizados os trámites pertinentes, á Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio, sen prexuízo do suposto previsto no punto 1 do artigo 5 deste decreto.

Disposición adicional

Facúltanse os conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Industria e Comercio; de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e de Medio Ambiente, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución, no ámbito das súas competencias, das funcións asignadas por este decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 216/1990, do 15 de marzo, sobre asignación de competencias en relación coa prevención de accidentes maiores en determinadas actividades industriais, os artigos 1, 2 e 3 do Decreto 204/1994, do 16 de xuño, de seguridade industrial, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública