Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Luns, 04 de decembro de 2000 Páx. 16.053

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 283/2000, do 21 de novembro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 161/1992, do 18 de xuño, polo que se desenvolve o artigo 4 da Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade.

O artigo 4.3º c) da Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, establece que son vocais do Consello Rector da AGS, catro representantes da Xunta de Galicia, designados polo seu Consello entre aqueles que teñan a categoría de director xeral.

No desenvolvemento deste precepto, entre outros, promulgouse o Decreto 161/1992, do 18 de xuño, que no seu artigo 1º designa os devanditos representantes: o secretario xeral de Seguridade, o secretario xeral para a Protección Civil, o secretario xeral técnico da Consellería da Presidencia e Administración Pública e o director xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

Tralas sucesivas variacións na estructura orgánica da Xunta de Galicia e na dos seus departamentos, desde o ano 1992, coa creación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e adscrición a esta do organismo autónomo Academia Galega de Seguridade, decretos 287/1993, do 10 de decembro, e 347/1997, do 9 de decembro, Decreto 291/1993, do 11 de decembro, e Decreto 351/1997, do 10 de decembro, modificado polo Decreto 160/2000, así como coa nova estructura orgánica da devandita consellería, establecida no Decreto 161/2000, do 29 de xuño, cómpre realiza-las lóxicas adaptacións e designa-los novos representantes da Xunta de Galicia no Consello Rector da Academia Galega de Seguridade.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de novembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 1 do Decreto 161/1992, do 18 de xuño, polo que se desenvolve o artigo 4 da Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, que queda redactado como segue:

«Artigo 1º

Os representantes da Xunta de Galicia no Consello Rector da Academia Galega de Seguridade serán:

-A secretaria xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

-O director xeral de Interior e Protección Civil.

-O director xeral da Asesoría Xurídica Xeral.

-O director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de novembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais