Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2001 Páx. 121

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 26 de decembro de 2000 pola que se regula o réxime de autorización como xestor de residuos das actividades transformadoras de desperdicios de orixe animal e animais mortos.

A recente Decisión do Consello 2000/766/CE, do 4 de decembro, relativa a determinadas medidas de

protección contra as encefalopatías esponxiformes transmisibles e a utilización de proteínas animais na alimentación animal, prohíbe o uso de proteínas animais elaboradas na alimentación dos animais de granxa mantidos, cebados ou criados para a producción de alimentos. Isto determina que, a partir do próximo 1 de xaneiro de 2001, de conformidade co previsto no artigo 4º desta decisión, este tipo de productos se convertan maioritariamente en residuos.

A mesma decisión, no seu considerando sexto, establece que, dadas as repercusións ambientais que esta prohibición podería ter, os estados membros deberán velar por que estes residuos sexan recollidos, transportados, tratados, almacenados e eliminados en condicións de seguridade.

Por outra parte, o Real decreto 1911/2000, do 24 de novembro, polo que se regula a destrucción dos materiais especificados de risco (en diante MER) en relación coas encefalopatías esponxiformes transmisibles, establece á súa vez, o réxime de tratamento e eliminación destes residuos.

Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente considera oportuno, no cadro da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e facendo uso da previsión contida na disposición derradeira primeira do Decreto 260/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización de xestor de residuos sólidos urbanos e a inscrición no rexistro xeral de xestores de residuos sólidos urbanos, instrumentar un procedemento específico para concede-la autorización de xestor de residuos a tódalas empresas ou actividades industriais que interveñan nalgúns dos procesos anteriormente mencionados (recollida, transporte, tratamento, almacenamento e eliminación de desperdicios animais), sen prexuízodo resto das autorizacións que sexan preceptivas pola normativa vixente.

Este procedemento asegurará o axeitado tratamento e eliminación de todos estes residuos, así como a súa trazabilidade, garantindo o cumprimento do artigo 3.1 b) da Decisión 2000/766/CE, onde se dispón que los estados membros velarán por que tódalas proteínas animais elaboradas destinadas á alimentación de animais de granxas mantidos, cebados ou criados para a producción de alimentos sexan retirados do mercado, dos circuítos de distribución e dos almacéns situados nas propias explotacións.

Polo tanto, no uso das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo réxime específico de autorización como xestor de residuos das actividades transformadoras dos desperdicios de orixe animal e de animais mortos situadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º- Ámbito de aplicación.

1. As actividades de transformación de desperdicios de orixe animal e de animais mortos en pro

teínas animais elaboradas das cales o uso estea prohibido segundo o artigo 2 da Decisión do Consello 2000/766/CE, consideraranse actividade de xestión de residuos, estando sometidas ó réxime de autorización de xestor de residuos, de acordo coas condicións específicas que se fixan no artigo 3º da presente orde, sen prexuízo das demais licencias ou autorizacións esixidas por outras disposicións.

2. De conformidade co sinalado no artigo 1 da Decisión 2000/766/CE, entenderase por proteínas animais elaboradas a fariña da carne e ósos, a fariña de carne, a fariña de ósos, a fariña de sangue, o plasma seco ou outros productos derivados do sangue, as proteínas hidrolizadas, a fariña de pezuños, a fariña de hastas, a fariña de refugallos de ave de curral, a fariña de plumas, os chicharróns desecados, a fariña de peixe, o fosfato dicálcico, a xelatina e outros productos similares incluídas as mesturas, os pensos, os aditivos destinados á alimentación animal e as premesturas, que conteñan estes productos, sen prexuízo das excepcións que se recollen no artigo 2.2º da Decisión 2000/766/CE.

Artigo 3º.-Autorización de xestor de residuos.

Para a obtención da autorización de xestor de residuos, os titulares das actividades comprendidas no artigo 2º desta orde deberán remitir á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a seguinte documentación.

1. Solicitude de autorización.

2. Acreditación da personalidade física ou xurídica do solicitante, sendo precisa para este último caso, a xustificación documental de estar legalmente constituída e a acreditación polo seu representante legal de posuí-la súa representación.

3. De se-lo caso, certificación outorgada polo órgano competente de que a instalación cumpre cos requisitos de transformación de materiales especificados de risco (MER) establecidos no anexo I do Real decreto 1911/2000.

4. Memoria na que se reflictan os seguintes datos:

4.1. Orixe do material.

4.2. Medios mensual de entradas de materiais por tipo e cantidades, diferenciando se é especificado de risco (MER) ou non, en función da orixe a que se refire o punto 4.1.

4.3. Medio de transporte. No caso de que a instalación realice a recollida ata a súa instalación de transformación polos seus propios medios deberá incluír unha lista da súa flota de transporte que dedica a este fin, no que deberán figurar matrícula e tipo de vehículo.

4.4. Balance da materia entre as entradas de material e saída de productos transformados (fariña, auga e graxa).

4.5. Destino do material transformado.

4.5.1. Previsión de cantidades e tipos de productos transformados destinados á comercialización, con xustificación expresa de cumprimento da Decisión 2000/766/CE. .

4.5.2. Previsión de cantidades de residuos mensuais que deberán ser obxecto de valorización enerxética ou eliminación.

4.5.3. Medio de transporte. En caso que a instalación prevexa realiza-lo transporte ata a instalación de eliminación polos seus propios medios, deberá incluír unha lista da súa flota de transporte que dedicará a este fin, no que deberán figurar matrícula e tipo de vehículo.

4.5.4. Xestor ou xestores finais autorizados, ós que enviarán os residuos para a súa valorización enerxética ou eliminación, xuntando copia de aceptación do residuo.

Artigo 4º.-Réxime de control.

A autorización establecerá o réxime de control ó que se someterá a actividade, debendo en todo caso os seus titulares levar un rexistro documental no que figuren, polo menos, os seguintes extremos:

1. Tipo e cantidades de materiais, orixe e data de entrada, distinguindo, se é caso, entre MER e non MER.

2. Tipo e cantidades de materiais transformados.

3. Destino do material transformado.

3.1. Cantidades de productos destinados á comercialización.

3.2. Cantidades de residuos.

3.3. Frecuencia de recollida.

3.4. Medio de transporte.

3.5. Xestor ou xestores finais autorizados ós que se envíen os residuos.

3.5.1. Identificación do xestor final autorizado.

3.5.2. Cantidades enviadas a cada xestor final autorizado.

Esta documentación estará ó dispor da Consellería de Medio Ambiente, sen prexuízo da periodicidade de información que se estableza na autorización de xestor que se conceda.

Todo isto sen prexuízo das obrigas impostas ós titulares de industrias de transformación de MER nos artigos 6 e 9 do Real decreto 1911/2000, de 24 de novembro.

Artigo 5º.-Materiais non especificados de risco.

As proteínas animais elaboradas procedentes da transformación de desperdicios de orixe animal ou de animais mortos que non estean cualificados como

MER pola normativa vixente, e que non poidan ser comercializadas, serán consideradas residuos non perigosos.

Estes residuos deberán ser incinerados en instalacións autorizadas para este fin a unha temperatura mínima de 850º, ou ben eliminados en instalacións de vertido autorizadas conforme a normativa vixente en materia de vertido de residuos, logo da súa inertización.

Para estes efectos, as proteínas animais elaboradas poderán ser valorizadas enerxeticamente nas instalacións de xestión de residuos urbanos ou municipais.

Artigo 6º.-Materiais especificados de risco.

As proteínas animais elaboradas procedentes da transformación de desperdicios de orixe animal ou de animais mortos cualificados como MER pola normativa vixente unicamente poderán ser xestionadas, de acordo co disposto no artigo 5º desta orde, cando se acredite que foron sometidas ó proceso de transformación recollido no anexo I do Real decreto 1911/2000, do 24 de novembro.

En caso contrario, deberán ser eliminadas conforme o previsto no citado Real decreto 1911/2000.

Disposicións adicionais

Primeira.-O disposto na presente orde entenderase sen prexuízo do previsto no Real decreto 2224/1993, do 17 de decembro, o Real decreto 1911/2000, do 24 de novembro, e demais normativa sectorial que resulte de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Medio Ambiente adoptará as medidas oportunas para adecua-lo contido da presente orde ás modificacións que a Unión Europea poida introducir en relación coa vixencia da prohibición do uso de proteínas animais elaboradas na alimentación de animais de granxa mantidos, criados ou cebados para a producción de alimentos, segundo o previsto na Decisión 2000/766/CE.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O disposto na presente orde producirá os seus efectos dentro do ámbito do Decreto 260/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización de xestor de residuos sólidos urbanos e a inscrición no rexistro xeral de xestores de residuos sólidos urbanos, ou da norma que o substitúa, mentres non se opoña ó previsto nela.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente