Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 04 de xaneiro de 2001 Páx. 125

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de decembro de 2000 pola que se convocan catro bolsas de colaboración en tarefas de sensibilización social e seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, con dependencia orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en virtude do Decreto 374/1998, do 29 de decembro, polo que se modifica o Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro, polo que se establece a súa estructura orgánica, ten atribuídas, entre outras funcións, a elaboración e, se ó o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador.

Por outra parte, o artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do

27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade co convenio de colaboración asinado entre ámbalas dúas institucións, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convocar catro bolsas de nova adxudicación de colaboración en tarefas de sensibilización social e seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, así como de seguimento e impulso do V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e o IV Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento, na

perspectiva da súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Segunda.-Duración e dotación económica das bolsas.

A duración de cada bolsa comprende desde o 1 de marzo de 2001 ata o 31 de decembro de 2001, e poderá prorrogarse, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica será de 130.000 pesetas mensuais, así como un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Os pagamentos destas bolsas realizaraos a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento por trimestres adiantados, quedando o pagamento do último trimestre condicionado á presentación polo bolseiro dun informe sobre os traballos realizados e da declaración complementaria das axudas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de conceder, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar á bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titulado/a superior universitario.

b) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou no da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo, dirixida ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou ó director da EGAP.

b) Currículum vitae cos documentos acreditativos e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten o cumprimento do requisito b) da base cuarta ou, no seu defecto, declaración xurada na que se faga consta-lo cumprimento do dito requisito.

d) Memoria relativa ó V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e ó III e IV Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento e a súa coordinación co Plan Galego de

Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico en cinco folios, como máximo.

e) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, indicando o período de desfrute destas.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o subdirector xeral de Planificación e Prospectiva da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais: o secretario da EGAP e o subdirector xeral de Xestión da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Secretario: un xefe de servicio da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

d) Coñecementos de inglés e francés: ata un punto por cada idioma.

e) Outros méritos do currículum vitae: ata dous puntos.

f) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de dez puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación, propoñendo a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a adxudicación ós catro candidatos de mellor puntuación e elaborando unha lista de suplentes para o caso de non aceptación ou renuncia dalgún dos adxudicatarios.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación que figure na lista de reserva.

No caso de que un adxudicatario renuncie unha vez iniciada a súa colaboración, poderá ser substituído igualmente polo candidato que corresponda da lista de reserva, iniciándose os correspondentes pagamentos a partir de este momento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, baixo as indicacións do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e as do xefe da unidade nas que se integren, co horario de traballo de mañá e/ou tarde, de luns a venres.

Os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos que os bolseiros teñan que realizar relacionados co obxecto das bolsas serán pagados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, sen que estes poidan supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 299/1990, do 24 de marzo, sobre as indemnizacións por motivo de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

Así mesmo, deberán realizar na Escola Galega de Administración Pública aqueles cursos que a EGAP e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento consideren adecuados para a súa formación.

Os bolseiros presentarán, ó remate das bolsas, un informe sobre os traballos realizados, que quedará en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Escola Galega de Administración Pública.

Os bolseiros que, unha vez iniciada a bolsa, renuncien a seguir prestando a súa colaboración, terán dereito ás mensualidades transcorridas desde o inicio da bolsa ata a data da súa renuncia; para iso, deberán presentar un informe sobre os traballos realizados ata a data de renuncia, que quedará en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Escola Galega de Administración Pública.

Os bolseiros terán a obriga de facilitar toda a documentación que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e pola Escola Galega de Administración Pública, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou co desfrute doutro tipo de bolsas.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa, quedando nese caso o adxudicatario obrigado ó reintegro total de subvención percibida.

No caso de que se produzan alteracións das condicións que se tiveron en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a resolución da concesión poderá ser modificada.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Décima.-A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo primeira.-O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Décimo segunda.-A presente convocatoria tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos.

Ás accións derivadas desta convocatoria, que ascenden ó importe de 5.380.000 pesetas, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04-07-432A-480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2001, na que existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos para o dito ano. Queda condicionada a adxudicación definitiva á aprobación da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma do ano 2001 e á existencia de crédito na aplicación orzamentaria mencionada.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2000.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e

Administración Pública