Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 06 de febreiro de 2001 Páx. 1.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2001, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportistas por estrada, axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor.

A Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro, determinan que para o exercicio das actividades de transportistas de viaxeiros e mercadorías por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, será necesario acreditar previamente o cumprimento do requisito de capacitación profesional. Para estes efectos, e de conformidade co establecido na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, pola que se delega na Comunidade Autónoma de Galicia a competencia para a convocatoria, realización e avaliación das probas e posterior expedición do título, procede convocar aquelas, así como determina-las datas de realización das probas e dos tribunais que as avaliarán.

A orde ministerial do 28 de maio de 1999 (BOE nº 139, do 11 de xuño), de desenvolvemento do capítulo primeiro do título II do regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres, sobre condicións previas para o exercicio das actividades de transportista e auxiliares e complementarias do transporte, modifican o réxime das probas para a obtención da capacitación profesional, refundindo e establecendo unicamente as modalidades de transporte interior e internacional de mercadorías e a de transporte interior e internacional de viaxeiros.

Por iso, a convocatoria prevé as probas referidas a dúas modalidades actualmente vixentes de acceso á capacitación profesional (1. Transporte interior e internacional de viaxeiros e 2. Transporte interior e internacional de mercadorías).

Na súa virtude, de conformidade coas previsións contidas na Lei 16/1987 e na Lei orgánica 5/1987, do 30 de xullo, Real decreto 1551/1988, do 23 de decembro (BOE nº 311, do 28 de decembro), Real decreto 1211/1990, do 28 de setembro (BOE nº 260, do 30 de outubro) e orde ministerial do 28 de maio de 1999 (BOE nº 139, do 11 de xuño) e de acordo coa autorización conferida pola orde da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas do 8 de xuño de 1989 (DOG nº 119, do 22 de xuño);

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas de capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, pro

cedéndose a designalo tribunal encargado de avalialas, de acordo coas seguintes,

Bases.

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas de constatación da capacitación profesional para o exercicio das actividades de transportista por estrada, de axencia de transporte de mercadorías, transitario e almacenista-distribuidor, que se realizarán na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Exercicios.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estructura e forma de cualificación serán as establecidas na orde do Ministerio de Fomento do 28 de maio de 1999 (BOE nº 139, do 11 de xuño), reguladora das probas citadas.

Os exercicios de capacitación para transportista de viaxeiros e mercadorías por estrada, axencia de transporte, transitario e almacenista-distribuidor versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo B da citada orde ministerial do 28 de maio de 1999.

Terceira.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade co modelo que se xunta a esta resolución, (anexo I), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos no disposto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no plazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. A solicitude deberá xuntarse fotocopia do DNI vixente e o impreso de taxa de autoliquidación correspondente á Administración, cando se produzan as circunstancias regulamentariamente previstas que posibiliten presentarse ás probas, no lugar distinto daquel no que o solicitante teña o seu domicilio habitual, dos documentos acreditativos das ditas circunstancias.

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

Cuarta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co artigo 21.2º da Lei 13/1991, do 9 de decembro (DOG nº 241, do 13 de decembro) e a Lei 4/2000, do 27 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro), os dereitos de exame establécense na cantidade de dúas mil novecentas noventa e cinco pesetas (2.995 pesetas), por cada unha das actividades mencionadas ás que cada interesado se presente, e ingresaranse despois de enche-los impresos de taxas (Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, cod.: 06; delegación de: SSCC, cod.: 13, servicio de: Transportes, cod.: 02; denominación: dereitos exame capacitación; clave: 31.01.06), que se poderán obter nos servicios centrais da Consellería

de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servicios provinciais de Transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda procederá á revisión delas.

Rematado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o número anterior a lista provisional de excluídos, coa indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da exposición da citada lista, para poderen corrixir, se for o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Á vista das peticións de corrección presentadas, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de admitidos e excluídos nos organismos a que fai referencia o número 1 da base cuarta.

5. Devolveranselle-los dereitos de exame ós solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de referencia no número 4 da base cuarta, sexa solicitado segundo o modelo que figura na presente resolución como anexo II.

Quinta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: Carlos González Rodríguez, subdirector xeral de Inspección da Dirección Xeral de Transportes.

Presidente suplente: Antonio Lage González, xefe do Servicio Provincial de Transportes de Lugo.

Vocais:

Javier García de Bidegaín, subdirector xeral de Ordenación do Transporte.

David González Coalla, xefe do Servicio de Inspección, da Subdirección Xeral de Inspección da Dirección Xeral de Transportes.

Manuel Grande Grande, xefe do Servicio de Concesións e Autorizacións da Dirección Xeral de Transportes.

Vocais suplentes:

Jorge Veiga Lendoiro, xefe do Servicio de Apoio Xurídico da Dirección Xeral de Transportes.

Mª Cruz Tomé Navas, xefa do Servicio Provincial de Transportes de Pontevedra.

José Manuel Moure Fernández, xefe do Negociado da Dirección Xeral de Transportes.

Secretario:

Jesús Magariños Negreira, xefe do Negociado, da Dirección Xeral de Transportes.

Secretaria suplente:

Pilar Méndez Vázquez, xefa do Negociado, Dirección Xeral de Transportes.

Para os efectos do disposto no artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG nº 106, do 1 de xuño), o tribunal avaliador das probas cualificarase como de primeira categoría.

2. Calendario, horario e lugar.

Os exercicios realizaranse o día 5 de maio de 2001, no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, San Lázaro s/n, Santiago de Compostela, co seguinte horario:

9.30 h. Transporte interior e internacional de mercadorías para aqueles aspirantes con primeiro apelido que comece por unha letra comprendida entre as letras A-H (ambas inclusive).

16.30 h. Transporte interior e internacional de mercadorías para aqueles aspirantes con primeiro apelido que comece por unha letra comprendida entre as letras I-Z (ambas inclusive).

9.30 h. Transporte interior e internacional de viaxeiros para aqueles aspirantes con primeiro apelido que comece por unha letra comprendida entre as letras I-Z (ambas inclusive).

16.30 h. Transporte interior e internacional de viaxeiros para aqueles aspirantes con primeiro apelido que comece por unha letra comprendida entre as letras A-H (ambas inclusive).

Os aspirantes deberán acudir provistos con bolígrafo de tinta azul e co DNI.

Sexta.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes deberán de presentar ó tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo estar o domicilio que figure neste, incluído no ámbito territorial ó que se estenda a actuación do citado tribunal.

2. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante, tanto o erro na súa consignación, como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de cualquera cambio.

3. Cando se produzan cambios de domicilio que non sexa posible reflectir no DNI, o domicilio poderase xustificar mediante un certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello. Cando se trate de persoas que estean prestando o servicio militar fóra do seu lugar de residencia, poderanse presentar ás probas nun lugar distinto deste, se presentan o orixinal do certificado expedido para o efecto polo xefe da súa respectiva unidade.

4. As persoas que xustifiquen ter o seu domicilio en territorio extranxeiro poderán concorrer ás probas ante este tribunal.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2001.

Juan Carlos Villarino Tejada

Director xeral de Transportes