Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.158

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 38/2001, do 1 de febreiro, de modificación do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde.

A actual estructura do Servicio Galego de Saúde establécese no Decreto 49/1998, do 5 de febreiro. Segundo o artigo 4.6º, para o cumprimento das funcións que se lle encomendan á secretaría xeral esta contará coa seguinte estructura: Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, Subdirección Xeral de Información Sanitaria, Asesoría Xurídica e Intervención Delegada.

Neste Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, en concreto no seu artigo 5, atribúeselle á Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, entre outras funcións, a planificación e aseguramento sanitarios, a elaboración do proxecto de plan de asistencia sanitaria, o desenvolvemento de funcións de compra de servicios sanitarios e a avaliación de alta tecnoloxía.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde, no ámbito das súas respectivas competencias, deben velar polo cumprimento das normas básicas establecidas nas disposicións legais, regulamentarias e administrativas vixentes sobre a protección radiolóxica das persoas sometidas a exames e tratamentos médicos. A situación máis frecuente de exposición dos cidadáns ás fontes artificiais de radiacións ionizantes prodúcese no ámbito da práctica médica, polo que cómpre asegurar unhas condicións óptimas de protección radiolóxica e o mellor resultado no coidado do paciente. Isto supón aplicar correctamente os principios de xustificación e optimización das exposicións médicas, establecer programas de garantía de calidade, implantar revisións sistemáticas dos actos radiolóxicos médicos, comprobar que se cumpre a normativa correspondente, asegurar que existen disposicións específicas en prácticas especiais e voluntarios para a investigación ou que prestan axuda a persoas

sometidas a exame ou tratamento e toma-las medidas necesarias para formar adecuadamente o persoal implicado. Co fin de evita-la proliferación innecesaria de equipos radiolóxicos, manterase actualizado o inventario de equipos radiolóxicos de cada instalación radiolóxica e tomaranse as medidas que se consideren oportunas.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, que no artigo 40.7º e na disposición derradeira cuarta obriga a establece-los requisitos técnicos mínimos para a aprobación e homologación das instalacións de centros e servicios e a valorar por parte da Administración sanitaria, segundo o artigo 110, a seguridade, eficacia e eficiencia das tecnoloxías relevantes para a saúde e a asistencia sanitaria. As normas básicas de protección contra radiacións ionizantes veñen definidas na Lei 25/1964, do 29 de abril, sobre enerxía nuclear, no R.D. 1132/1990, do 4 de setembro, de medidas fundamentais de protección radiolóxica das persoas sometidas a exames e tratamentos médicos, que ten carácter de norma básica, así como no Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes aprobado polo R.D. 53/1992, do 24 de xaneiro, que foi desenvolvido polos seguintes reais decretos: R.D. 1841/1997, do 5 de decembro, que establece os criterios de calidade en medicina nuclear, no R.D.

1566/1998, do 17 de xullo, que establece os criterios de calidade en radioterapia e por último, no R.D. 1976/1999, do 23 de decembro, que establece os criterios de calidade en radiodiagnóstico.

Co fin de garanti-la aplicación das normas básicas de protección radiolóxica das persoas sometidas a exames e tratamentos médicos e promove-la mellora da calidade e resultado do coidado do paciente, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde, no ámbito das súas competencias, precisan contar co apoio dunha unidade específica. É por iso polo que se considera precisa a modificación do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, para incorpora-las novas funcións ó Servicio de Protección Radiolóxica, sen prexuízo das funcións encomendadas pola normativa vixente ó Consello de Seguridade Nuclear, e sen menoscabo do disposto no Real decreto 1891/1991, do 30 de decembro, sobre instalacións e utilización de aparellos de raios X con fins médicos.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e presidente do Servicio Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese o punto 5º ó artigo 5 do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, que queda redactado como segue:

5.5. Servicio de Protección Radiolóxica.

Sen prexuízo das competencias atribuídas á protección civil e a outras consellerías, correspóndenlle as seguintes funcións:

-Establecer un sistema de auditoría que permita determinar se o programa de garantía de calidade en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico se adecua ós obxectivos previstos, cumpre coas disposicións regulamentarias que lle sexan de aplicación e estea implantado de forma efectiva, para os efectos da súa certificación.

-Vixia-lo cumprimento de cada un dos criterios de calidade establecidos en radioterapia, medicina nuclear ou radiodiagnóstico e, máis especificamente, no programa de garantía de calidade. En caso de ser preciso, propoñer medidas correctoras do equipamento ou dos procedementos e a clausura provisional ou definitiva do equipo ou da unidade, se procede.

-Promove-la mellora da calidade, eficiencia e efectividade do acto radiolóxico médico, así como evitar exposicións inadecuadas ou excesivas ás radiacións ionizantes, mediante disposicións tales como asesoría no ámbito da garantía de calidade ou a formación do persoal implicado, relativa á protección do paciente e ós programas de control e garantía de calidade.

-Determina-las unidades asistenciais de radiodiagnóstico do Servicio Galego de Saúde que precisen dun axeitado programa de mantemento, tanto preventivo como correctivo.

-Elabora-los criterios mínimos que garantan a seguridade, eficacia e eficiencia dos equipos de cada instalación radiolóxica, sen prexuízo das competencias do Consello de Seguridade Nuclear e outros organismos con autoridade na materia.

-Elabora-lo inventario de equipos radiolóxicos das instalacións de radiodiagnóstico, radioterapia e de medicina nuclear e colaborar co Ministerio de Sanidade e Consumo na realización do Censo Nacional de Instalacións Radioactivas de Uso Médico.

-Realizar estudios necesarios para que o Servicio Galego de Saúde propoña ó Ministerio de Sanidade e Consumo a actualización dos criterios de ordenación que se aplicarán na autorización previa para a creación, ampliación e modificación de centros ou establecementos sanitarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais