Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.239

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 44/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do censo de asociacións e entidades culturais.

A Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co artigo 27.19º do Estatuto de autonomía, ten competencia exclusiva no fomento da cultura en Galicia,

sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

O desenvolvemento das funcións en materia de promoción cultural, así como a execución dos correspondentes programas da súa competencia, esixen a dispoñibilidade de datos actualizados das entidades e asociacións que, para estes efectos, manteñan relación cos servicios administrativos centrais ou provinciais. Con isto cúmprese, pola súa vez, a dobre finalidade dun máis rigoroso coñecemento, dunha banda, da realidade asociativa galega no ámbito sociocultural e, doutra, de racionalizar e axiliza-los procesos económico-administrativos, evitando reiteradas peticións de datos de identificación nos casos que así o requiran.

Neste decreto intégranse a Orde do 29 de outubro de 1986, pola que se establece o censo de asociacións e entidades culturais de Galicia, agás o seu artigo 1 que ó crear este censo permanece en vigor, e a Resolución do 26 de marzo de 1987, da Dirección Xeral de Cultura e do Patrimonio Histórico-Artístico, pola que se desenvolve o artigo 4 da devandita orde pola que se establece o censo de asociacións e entidades culturais.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Adscrición do censo de asociacións e entidades culturais.

O censo de asociacións e entidades culturais de Galicia levarase na correspondente unidade do centro directivo competente en materia de asociacións culturais, segundo o previsto na estructura orgánica da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de cultura, encargándose a dita unidade da súa custodia así como de efectua-la inscrición nel, resolvendo o titular do referido centro directivo.

Artigo 2º.-Suxeitos inscribibles no censo.

1. Poderán solicitar inscribirse no censo as persoas xurídicas legalmente constituídas, que figuren nos rexistros correspondentes e que estean radicadas en Galicia, sempre que os seus estatutos recoñezan expresamente, de modo xeral e específico, os fins culturais da entidade en calquera dos campos, modalidades ou manifestacións do ámbito artístico-cultural, a promoción, investigación ou conservación do patrimonio cultural galego e a acción sociocultural.

2. As entidades que reúnan os requisitos anteriormente citados e estean radicadas fóra do territorio de Galicia poderán igualmente solicita-la súa inscrición sempre que do seu obxecto, expresado nos estatutos, se deduza claramente o seu interese para Galicia.

Artigo 3º.-Solicitudes de inscrición.

As solicitudes de inscrición conforme o modelo que figura no anexo I poderán presentarse en calquera dos lugares recollidos no artigo 38.4º da

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas da seguinte documentación:

a) Recoñecemento da inscrición polo organismo no que se formalice o seu rexistro.

b) Copia dos estatutos.

c) Cédula de identificación fiscal.

Artigo 4º.-Clasificación das entidades do censo.

1. O centro directivo competente realizará a correspondente clasificación, notificando ás entidades inscritas os números e claves da súa identificación no censo.

2. O dito centro directivo aplicará, para os efectos de clasificación, as claves que figuran no anexo II.

Artigo 5º.-Código de identificación do censo.

1. Rematada a clasificación, procederase a asignar con carácter provisional o código de identificación do censo (CIC), que se publicará no Diario Oficial de Galicia e se lles notificará ós interesados.

2. As entidades interesadas dispoñen dun prazo de trinta días para formular, perante o centro directivo competente, as propostas de modificación ou rectificación dunha ou varias das claves asignadas. Transcorrido este prazo, considerarase firme a inscrición das entidades que non formulen proposta de modificación.

Artigo 6º.-Inscricións en trámite.

Nas súas relacións co centro directivo competente, as asociacións e entidades poden facer figura-la expresión «en trámite», con plena validez, en relación coa inscrición no censo, sempre que tal situación sexa documentalmente demostrable.

Artigo 7º.-Inscrición nunha soa modalidade.

Cando unha asociación ou entidade estea incluída en máis dunha modalidade ou especialidade das que figuran no anexo II, será clasificada e inscrita por aquela que constitúa a súa denominación estatutaria ou, no seu defecto, pola que se considere que define de xeito máis comprensivo e específico os seus fins e actividades.

Artigo 8º.-Denegación da inscrición.

Se unha asociación ou entidade non reunise as condicións e requisitos para a súa inscrición no censo, notificaráselle por resolución motivada ó interesado.

O prazo de resolución é de tres meses, transcorrido o dito prazo sen resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de inscrición. Contra tal resolución poderase recorrer en alzada perante o conselleiro competente en materia de cultura no prazo dun mes.

Artigo 9º.-Inscrición de entidades federadas e de asociacións con varias sedes.

A inscrición dunha federación non exclúe a das entidades que a integran, que poderán facela por separado. No caso das asociacións que teñan implantación en varios concellos ou provincias, inscribirase unicamente a referencia do domicilio ou sede principal.

Artigo 10º.-Orde de asignación das claves de identificación.

A asignación das claves de identificación, que conxuntamente integran o CIC, seguirá esta orde:

I. Clase:

Referencia ó seu grao de autonomía ou especialidade respecto do referido censo.

II. Grupo:

En función dos fins xerais ou específicos. Inclúe tamén as federacións e as radicadas fóra de Galicia.

III. Modalidade:

Descrición xenérica da súa actividade.

IV. Especialidade:

Descrición específica.

V. Provincia:

Onde teña a súa sede ou domicilio social.

VI. Concello:

Onde teña a súa sede ou domicilio social.

Artigo 11º.-Información ás delegacións provinciais.

O centro directivo competente fará chegar ás correspondentes delegacións provinciais notificación puntual de tódalas actuacións producidas na tramitación e curso das inscricións no censo referidas ó seu ámbito territorial.

Disposicións adicionais

Primeira.-A inscrición no censo constitúe requisito necesario para ter acceso ás subvencións convocadas en materia de promoción cultural.

Segunda.-As entidades e asociacións inscritas no censo non terán a obrigación de presentar na convocatoria das subvencións os documentos esixidos no artigo 3º deste decreto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas a Orde do 29 de outubro de 1986, pola que se establece o censo de asociacións e entidades culturais, excepto o artigo 1 polo que se crea o censo, e a Resolución do 26 de marzo de 1987, da Dirección Xeral de Cultura e do Patrimonio Histórico-Artístico, pola que se desenvolve o artigo 4 da devandita orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de cultura, para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo