De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego, lingua propia de Galiciae recoñece, así mesmo, que as empresas privadas, pola súa incidencia e implantación territorial e social, poden constituírse en promotoras da extensión do uso social do noso idioma.
Polo exposto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública a presente convocatoria, mediante a que pretende anima-las empresas a que realicen actividades encamiñadas a aumenta-lo uso social da lingua galega a partir do seu emprego no ámbito económico e mercantil.
Para arbitra-las medidas e os procedementos económico-administrativos necesarios para concederlles subvencións ás empresas privadas para a confección de documentación permanente, a rotulación permanente dos establecementos ou vehículos, a realización de actividades publicitarias e a edición de suplementos didácticos en lingua galega, e para asegura-los principios de publicidade, concorrencia e obxectividade:
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
Esta convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2001, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a empresas privadas para fomenta-lo uso social da lingua galega, a través da confección de documentación permanente, a rotulación permanente dos establecementos ou vehículos e a realización de actividades publicitarias e a edición de suplementos didácticos en lingua galega, de acordo coas correspondentes bases específicas.
Artigo 2º.-Suxeitos.
Poderán solicita-la subvencións reguladas na presente orde tódalas empresas privadas que estean legalmente constituídas e inscritas no rexistro correspondente.
Quedan excluídas as seguintes persoas xurídicas privadas:
A) As que teñan un capital no que a participación dunha ou varias administracións públicas sexa maioritaria.
B) Aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e non xustificasen o seu investimento.
Cada solicitante presentará nun único anexo, debidamente cuberto, un máximo dunha solicitude por base específica.
Artigo 3º.-Orzamento.
As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.470.0 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, por unha contía máxima total de 100.000.000 de pesetas, ou o seu equivalente en euros, de acordo coas bases específicas.
Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas.
Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, a realización das tarefas de xestión da presente convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias.
Artigo 5º.-Requisitos.
Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los requisitos especificados nas correspondentes bases específicas e, así mesmo, deberán estar realizados integramente en galego:
-Os textos dos proxectos propostos deberán estar redactados en galego segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), e non poderán coincidir literalmente con outra lingua.
-Os adxudicatarios das subvencións deberán coidar dun xeito especial a calidade lingüística dos textos que elaboren. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.
Artigo 6º.-Criterios de concesión.
Os criterios preferentes de concesión, sen orde de prelación, serán os seguintes:
a) O carácter permanente da acción.
b) A incidencia no ámbito socioeconómico da actividade que se pretende realizar, entendéndose como tal tanto o sector xeográfico ó que afecta (rango-tamaño) coma a súa difusión social (as repercusións nos receptores).
c) O grao de elaboración, a creatividade e a innovación da actividade.
d) Os recursos achegados pola empresa solicitante para a realización da actuación subvencionable.
e) A utilización das novas tecnoloxías.
f) A adecuación do orzamento previsto ós valores medios reais de mercado (a veracidade do custo declarado).
g) A viabilidade da actividade proposta.
Artigo 7º.-Valoración.
As propostas valoraranse de acordo coas correspondentes bases específicas e a seguinte táboa, con estricta suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias da presente convocatoria:
Subvencións de ata 250.000 pesetas:
Incidencia grande ata 250.000 pesetas.
Incidencia media ata 190.000 pesetas.
Incidencia pequena ata 125.000 pesetas.
Subvencións de ata 400.000 pesetas:
Incidencia grande ata 400.000 pesetas.
Incidencia media ata 325.000 pesetas.
Incidencia pequena ata 275.000 pesetas.
Incidencia pequena: ámbito local.
Incidencia media: ámbito comarcal e provincial.
Incidencia grande: ámbito que abrangue a Comunidade Autónoma e/ou fóra desta.
Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderán concederse subvencións de ata 1.000.000 de pesetas para aqueles proxectos de especial relevancia e interese, dificultade de realización, innovación, difusión social ou perdurabilidade temporal.
Artigo 8º.-Documentación.
As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada a seguir, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo dun mes contado de data a data, desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Os interesados presentarán a seguinte documentación e na orde que se cita:
1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo I da presente convocatoria. A solicitude deberá especificar polo miúdo tódolos detalles
do proxecto, sendo estrictamente obrigatorio que tódolos epígrafes aparezan cubertos, coa finalidade de poder ser valorada polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística.
2. Escrito no que se faga constar:
a) A actividade principal do solicitante.
b) O número de empregados do solicitante.
3. Fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da empresa solicitante e da constancia da inscrición da escritura no Rexistro Mercantil. As sociedades civís presentarán unha fotocopia compulsada dos seus estatutos.
4. Fotocopia compulsada do poder notarial do representante da empresa solicitante e da constancia da inscrición do poder no Rexistro Mercantil.
5. Fotocopia do último recibo do Imposto de Actividades Económicas.
6. Fotocopia do CIF da empresa.
7. Certificado orixinal no que consten os datos bancarios, selado e asinado pola entidade financeira.
8. Breve memoria explicativa na que se detallen as actividades que integran os proxectos para os que se solicita a subvención.
9. No caso da rotulación permanente e da rotulación ou impresión que teña fins publicitarios deberá acompañarse o texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega, para isto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon ó dispor de calquera entidade os seus servicios técnicos e o persoal dos gabinetes de normalización lingüística que se atopan nas delegacións provinciais da consellería.
10. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.
As empresas individuais presentarán, no canto dos documentos especificados nos puntos 3 e 4, unicamente unha fotocopia compulsada do NIF do titular.
Artigo 9º.-Procedemento.
Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e, se é o caso, serán requiridos ós solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación, transcorrido este prazo as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística,
segundo os criterios de valoración establecidos nos artigos 6º e 7º, e os expresados nas bases específicas. O director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselle ós solicitantes e poralle fin á vía administrativa.
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Entenderanse desestimadas as solicitudes presentadas, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.
No prazo máximo de dez días contados a partir da notificación de cada resolución, as empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.
Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicita-lo cambio para outro proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. A Dirección Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.
Nas publicacións constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa da Xunta de Galicia.
Artigo 11º.-Xustificación.
O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións recollidas na presente orde, rematará o día 15 de setembro do ano 2001.
Antes da citada data deberase remiti-la seguinte documentación á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:
1. Os xustificantes de gasto que se prevexan nas correspondentes bases específicas: os xustificantes dos gastos realizados deberán ser orixinais ou fotocopia compulsada, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, excluído o IVE. No caso de que o importe xustificado sexa inferior ó dobre da axuda outorgada, esta reducirase de maneira proporcional. Non se admitirán xustificantes de adquisición de material inventariable (ordenadores, cámaras, etc.) ou de oficina (bolígrafos, etc). Para os efectos da distribución non serán válidas as facturas expedidas polo organismo oficial de Correos e Telégrafos, unicamente se aceptarán como xustificantes os gastos facturados por outras empresas dedicadas á distribución.
As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 15 de setembro do ano 2001.
2. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.
3. Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.
4. Certificado de estar ó día nas obrigas tributarias expedido pola correspondente delegación ou axencia tributaria do Ministerio de Economía e Facenda.
5. Certificado de atoparse ó corrente das obrigas sociais expedido pola Tesourería da Seguridade Social. No caso dos traballadores suxeitos ó réxime de autónomos presentaranse dúas certificacións, expedidas, respectivamente, a nome da empresa beneficiaria da subvención e a nome do propio traballador autónomo; así mesmo, presentarase unha declaración expresa de ter, ou non, traballadores ó seu cargo, segundo estipula o Decreto 390/1996.
6. Xustificación documental da realización do proxecto subvencionado mediante mostras materiais (dossier de prensa, disquetes, publicacións, fotografías, vídeos, gravacións magnetofónicas, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 5º da presente orde.
7. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas
competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.
O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.
Artigo 12º.-Libramento dos fondos.
Cumpridas correctamente as obrigas recollidas no artigo 11º, a Dirección Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente.
Artigo 13º.-Perda da subvención.
Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde, terá como consecuencia a revogación da axuda. A empresa interesada terá que reintegra-las cantidades percibidas, se as houber, e mailos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento.
No caso de que se lle conceda á empresa outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vigor da presente orde, a empresa terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía das outras subvencións co límite do 100% do investimento subvencionado.
Bases específicas.
A) Confección de documentación permanente:
-O obxecto das subvencións é a elaboración de documentación permanente da empresa, como manuais ou regulamentos internos, programas informáticos para a xestión, libros de contabilidade, facturas, imaxe corporativa, , etc.
-Así mesmo serán accións subvencionables as relativas á realización de documentación creativa da empresa, como publicacións tipo libro, revistas, folletos e boletíns informativos, actividades audiovisuais creativas (vídeos, CD-roms, programas de radio e televisión, etc.)
-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los seguintes requisitos:
a) Autofinanciamento mínimo do 50%.
b) Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 15 de setembro do ano 2001.
B) Rotulación permanente.
-O obxecto das subvencións é a rotulación permanente, exterior, interior ou dos dous tipos, dos establecementos ou vehículos, e da etiquetaxe, embalaxe e bolsas.
-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los seguintes requisitos:
a) Autofinanciamento mínimo do 50%.
b) Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 15 de setembro do ano 2001.
C) Realización de actividades publicitarias e/ou suplementos didácticos.
-O obxecto das subvencións é a publicidade da empresa en calquera soporte ou medio, e, en especial, a realización de actividades audiovisuais total ou parcialmente publicitarias (por exemplo, a través da radio, a televisión, etc.); a publicidade impresa (cartelería, trípticos, catálogos, etc); os agasallos publicitarios (calendarios, axendas,etc.) e a realización de actividades de dinamización (concursos, premios, certames e campañas divulgativas), cunha compoñente escrita significativa, que fomenten o uso da lingua galega.
-Así mesmo subvencionarase a edición de suplementos didácticos en lingua galega como vehículo de promoción lingüística.
-Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los seguintes requisitos:
a) Autofinanciamento mínimo do 75%.
b) Prazo de realización das propostas: entre o 1 de xaneiro e o 15 de setembro do ano 2001.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2001.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria