A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, ten como un dos seus principios inspiradores a utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido das especies e dos ecosistemas, a súa restauración e mellora.
Para conseguilo, as administracións públicas terán que planifica-la xestión dos recursos naturais. Os planos de ordenación constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva que teña en conta os distintos graos de intensidade
de actividades humanas axeitadas para cada zona do territorio, así coma os graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e os seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre usos humanos e conservación dos procesos ecolóxicos.
Ortigueira-Mera é un espacio designado como lugar de importancia comunitaria con base na Directiva de Hábitats (92/43/CEE) e no Real decreto 1997/1995, que a transpón ó dereito español, polo que se deben establece-las medidas necesarias de conservación para evita-la deterioración dos seus hábitats naturais e as alteracións das especies, establecendo medidas preventivas para o efecto, para elimina-los riscos e ameazas de degradación.
A ría de Ortigueira está situada ó norte da provincia da Coruña, entre o cabo Ortegal e Estaca de Bares e forma as enseadas de Celeiro, Esteiro e Mera. Os hábitats representados son unha gran zona intermareal con marismas asociadas, pequenas áreas palustres e sistemas fluviais, dunas e praias e zonas de mato e mesmo pequenos bosquetes. Toda a zona ten un gran valor paisaxístico, con recantos e panorámicas de singular beleza. A vexetación dominante dos montes que rodean a ría son as plantacións de eucalipto e, en menor proporción, o piñeiro bravo.
O sistema dunar da praia de Morouzos atópase en bo estado de conservación e contén dunas primarias e de Helichrysum picardii e Crucianella marítima na zona traseira das dunas.
Nas zonas húmidas desenvólvense notables extensións de Juncus maritimus e ocupando menor extensión, praderías de Spartina marítima e de Pucinella. Bordeando a zona húmida atópanse pequenos carrizos de Pragmites australis e xunqueiras de Scirpus maritimus e Juncus gerardii. Nas grandes extensións intermareais de lodo desenvólvense praderías mariñas de Zostera marina e Zostera noltii. O gran número de aves acuáticas invernantes entre as que destaca, con máis de 500 individuos, o mazarico real (Numenius arquata) que ten nesta localidade a súa principal área de invernada do noroeste peninsular, provocou que este espacio fose catalogado como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e zona húmida de importancia internacional do Convenio Ramsar.
Durante o inverno poden observarse de forma regular un gran número de especies de anátidas, limícolas e ardeidas, ademais de aves mariñas. No grupo dos peixes destaca a lamprea (Petromyzon marinus).
Por todo isto, na proposta galega de espacios para integrar na Rede Natura 2000, incluíase a de Ortigueira- Mera. Por medio da Orde de 28 de outubro de 1999, foi declarada provisionalmente espacio natural en réxime de protección xeral, prorrogándose esta figura de protección pola Orde de 7 de novembro de 2000.
En virtude do anterior, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do
22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Iniciación.
De acordo co disposto no artigo 4 da Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres, iníciase o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais de Ortigueira-Mera pertencentes ós municipios de Cariño, Cerdido, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez e As Somozas.
Artigo 2º.-Límites.
Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo I desta orde.
Artigo 3º.-Elaboración e tramitación.
A elaboración e tramitación do dito plano encomendarase á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, segundo o previsto nos decretos 482/1997 e 122/1999, polos que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.
O contido e elaboración dos plans de ordenación dos recursos naturais de Ortigueira-Mera axustarase ó disposto na Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres.
Artigo 4º.-Protección preventiva.
De acordo co disposto no artigo 7 da Lei 4/1989, durante a tramitación deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non se poderán realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do plan.
Artigo 5º.-Autorizacións, licencias ou concesións.
Ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación de Recursos Naturais non se poderán conceder autorizacións, licencias ou concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.
En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, así como o Decreto 440/1992, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.
Artigo 6º.-Sancións.
Os actos que contraveñan a presente orde serán sancionados conforme o disposto na Lei 4/1989, así como no resto da normativa específica vixente en función da materia.
Disposición derradeira
A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2001.
José Carlos del Álamo Jiménez
Conselleiro de Medio Ambiente