Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Vitralba, S.L., con nº de código 3603362, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-1-2001, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo delegado de persoal, con data do 15-1-2001. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial
ACORDA:
Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.
Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.
Terceiro.-Dispoñe-a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Vigo, 23 de xaneiro de 2001.
Antonio Coello Bufill
Delegado provincial de Pontevedra
Convenio colectivo da empresa Vitralba, S.L.
Capítulo I
Condicións xerais
Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.
Este convenio regulará as relacións laborais entre a empresa Vitralba, Sociedad Limitada e tódolos traballadores que presten servicios nela, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.
Artigo 2º.-Ámbito temporal.
Este convenio colectivo terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2000 e finalizando o seu efecto o 31 de decembro de 2001, con independencia da súa data de publicación no boletín oficial correspondente.
Artigo 3º.-Denuncia.
O convenio queda automaticamente denunciado ó finaliza-la súa vixencia, comprometéndose ámbalas partes a inicia-la negociación do novo convenio un mes antes do seu remate.
Artigo 4º.-Ámbito persoal.
Respectaranse as situacións persoais que, con carácter de cómputo anual, excedan destas normas estrictamente (ad personam).
Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas implantadas pola empresa, que significarán condicións máis beneficiosas para os traballadores.
Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.
As condicións pactada forman un todo orgánico, indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.
Artigo 6º.-Comisión paritaria.
Para vixia-lo cumprimento do convenio e co fin de interpretalo cando proceda, constitúese unha comisión mixta paritaria formada por un representante dos traballadores e outro da empresa.
Capítulo II
Tempo de traballo
Artigo 7º.-Xornada de traballo.
A duración da xornada ordinaria de traballo será de corenta horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual.
A empresa poderá distribuí-la xornada establecida no parágrafo anterior durante o ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular. A uniformidade ou irregularidade afecta a todo ou parte do cadro de persoal da empresa en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso, a distribución irregular da xornada respectará os períodos de descanso diario e semanal previstos no Estatuto dos traballadores.
Artigo 8º.-Vacacións.
Os traballadores afectados por este convenio desfrutarán de trinta días naturais de vacacións.
Sempre que o permitan as necesidades do servicio, o traballador poderá fracciona-las súas vacacións tantas veces como o desexe.
Establécese como período preferente para o desfrute das vacacións o comprendido entre o un de xuño e o trinta de setembro.
Artigo 9º.-Permisos retribuídos.
A empresa concederalle ó persoal, logo do aviso e xustificación, permiso retribuído nos casos seguintes:
a) Matrimonio, quince días.
b) Nacemento de fillo, tres días.
c) Falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, tres días. Se cómpre desprazamento, catro días.
d) Traslado de domicilo habitual, un día.
e) Cumprimento de deberes públicos, polo tempo imprescindible.
f) Realización de funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos establecidos legalmente.
g) Realización de exames prenatais e técnicas de preparación de parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo, o tempo indispensable.
h) Lactación de fillo menor de nove meses, unha hora de ausencia ó traballo, que se poderá dividir en dúas fraccións, ou reducción da xornada en media hora coa mesma finalidade.
i) Coidado directo dun menor de 6 anos ou diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe actividade retribuída. Reducción da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.
j) Coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo, que non desempeñe actividade retribuída, reducción da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.
k) Por asuntos propios, un día.
l) O persoal que precise asistir a consultorio médico en horas coincidentes coa xornada de traballo disporá do tempo preciso para iso.
Artigo 10º.-Día da empresa.
Acórdase considerar como día festivo para todo o persoal da empresa a tarde do 29 de setembro.
Artigo 11º.-Noiteboa e Ano Vello.
Os traballadores afectados por este convenio terán dereito ó desfrute do descanso as tardes dos días 24 e 31 de decembro.
Capítulo III
Estructura do salario
Artigo 12º.-Retribucións.
Todo o persoal afectado por este convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa anexa I para o ano 2000.
Para o ano 2001 aplicaranse as retribucións consignadas na táboa anexa II.
Artigo 13º.-Revisión salarial.
No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2000 un incremento, respecto do 1 de xaneiro, superior ó incremento salarial para o ano 2001, efectuarase unha revisión salarial do exceso sobre a dita porcentaxe.
Artigo 14º.-Complemento de transporte.
Establécese un complemento de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo, nas contías seguintes:
Do 1-1-2000 ó 31-12-2000: 431 pesetas.
Do 1-1-2001 ó 31-12-2001: 450 pesetas.
Artigo 15º.-Axudas de custo e desprazamentos.
As axudas de custo para o persoal que, en razón de métodos da organización de empresa, deba efectuar saídas, quedan establecidas do seguinte xeito:
Ano 2000:-Axuda de custo completa: 5.000 pesetas.-Media axuda de custo: 2.000 pesetas.
Ano 2001:-Axuda de custo completa: 5.200 pesetas.-Media axuda de custo: 2.080 pesetas.
Nos desprazamentos que se efectúen en coche propio aboarase a cantidade de 24 pesetas/km para o ano 2000 e de 26 pesetas/km para o ano 2001.
Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.
O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente.
O ano enténdese dividido en dous semestres naturais. O primeiro corresponde á gratificación de xullo, e o segundo á de Nadal.
Artigo 17º.-Paga de beneficios.
A empresa aboaralles ós traballadores unha paga extra anual de nominal de beneficios. A súa contía será dunha mensualidade calculada sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente. A dita paga extra seralles aboada ós traballadores durante o primeiro trimestre do ano seguinte. A gratificación aboarase en proporción ó tempo traballado nos doce meses inmediatamente anteriores á data do seu aboamento.
Capítulo IV
Prestacións sociais
Artigo 18º.-Incapacidade temporal.
Complemento de prestación de incapacidade temporal: a empresa complementará a prestación económica por incapacidade temporal ata o cento por cento do salario base do traballador nos seguintes casos e durante o tempo que se indica para cada un:
a) IT: derivada de accidente profesional ou enfermidade profesional; desde o primeiro día e ata a alta médica.
b) IT: derivada de accidente non laboral ou enfermidade común.
-Con hospitalización, desde o primeiro día, cun máximo de catro meses.
Artigo 19º.-Indemnizacións.
Establécense as seguintes indemnizacións para tódolos traballadores afectados por este convenio:
a) No caso de morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, o importe dunha mensualidade de tódolos conceptos das táboas do convenio aplicable vixentes en cada momento.
b) No caso de morte, incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional:
Ano 2000: 5.750.000 pesetas.
Ano 2001: 6.000.000 de pesetas.
c) No caso de incapacidade permanente total, derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 1.000.000 de pesetas.
Nos supostos de morte, as indemnizacións establecidas aboaránselle á viúva ou ós beneficiarios do traballador, segundo as normas da Seguridade Social.
Estas indemnizacións terán vixencia desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro dos anos respectivos.
Artigo 20º.-Recoñecementos médicos.
A empresa virá obrigada a realizarlles recoñecementos médicos periódicos a tódolos traballadores ó seu servicio, polo menos, unha vez ó ano.
Artigo 21º.-Roupa de traballo.
A empresa dotará o seu persoal das axeitadas roupas de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano ou roupa similar. A primeira funda será entregada o 1 de xaneiro de cada ano e a outra a primeiros de xullo; é obrigatorio o seu uso para o persoal ó que se lle entreguen as devanditas roupas.
Capítulo V
Categorías profesionais
Artigo 22º.-Clasificación empresarial.
Persoal administrativo.
Xefe administrativo: é aquel empregado que, provisto ou non de poder, ten a responsabilidade directa da oficina da empresa. Dependen del as diversas seccións administrativas ás que imprime unidade.
Oficial de 1ª: é aquel empregado que actúa ás ordes dun xefe, se o houber, e que ten un servicio determinado ó seu cargo, dentro do cal exerce iniciativa e posúe responsabilidade con ou sobre outros empregados ás súas ordes, realizando traballos que requiren cálculo, estudio, preparación ou condicións axeitadas.
Considéranse incluídos nesta categoría os contables que leven eles sós a contabilidade.
Oficial de 2ª: é o empregado que con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinada a un xefe ou a un oficial de primeira, se o houber, realiza traballos de carácter auxiliar ou secundario que só
esixen coñecementos xerais da técnica administrativa.
Auxiliar: é o empregado que se dedica a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas e inherentes ó traballo da oficina ou despacho.
Especialistas de industria.
Encargado: é o empregado que, ás ordes dun técnico ou xerente, reúne condicións prácticas para dirixir un grupo de profesionais ou peóns nos seus labores.
Oficial de 1ª: é o empregado que, tendo realizada a aprendizaxe coa debida perfección e adecuado rendemento, executa, con iniciativa e responsabilidade, todas ou algunha das tarefas propias deste, con productividade e resultados correctos, coñecendo as máquinas, os útiles e ferramentas que teña ó seu cargo para coidar da súa normal eficacia, engraxamento e conservación, poñendo en coñecemento dos seus superiores calquera desperfecto que observe e que poida diminuí-la productividade.
Oficial de 2ª: é o empregado que realiza os mesmos cometidos asignados ó oficial de 1ª, cun rendemento ou grao de especialización menor ca este.
Oficial de 3ª: é o empregado que axuda á realización das tarefas encomendadas ós oficiais de 1ª e 2ª.
Peón especialista: os dedicados a aquelas tarefas concretas e determinadas que, sen constituír un oficio, esixen sen embargo certa práctica e especialidade.
Peón: é o empregado encargado de executar labores para a realización das cales se require predominantemente a achega de esforzo físico. Poden presta-los seus servicios indistintamente en calquera servicio ou centro de traballo.
Capítulo VI
Outros acordos
Artigo 23º.-Seguridade e saúde laboral.
Delegado de prevención: observarase o establecido pola lexislación vixente.
Formación: a empresa facilitará as horas precisas para a formación do delegado de prevención.
Así mesmo, a empresa procurará impartirlles formación, ben por si mesma ou por medios externos, a tódolos traballadores, en materia de seguridade e prevención de riscos laborais.
Artigo 24º.-Dereitos da muller traballadora.
Non haberá discriminación por razón de sexo en materia de retribución, xornada laboral e demais condicións de traballo.
Artigo 25º.-Comisión negociadora.
Este convenio foi negociado, en representación da empresa, por Luis Ramiro Iglesias, e dos traballadores polo delegado de persoal, Jesús Berea Álvarez.
ANEXO I
Táboa salarial ano 2000
Categorías
* Persoal administrativo Enxeñeiros e licenciados 145.680 Enxeñeiros técnicos 136.740 Xefe administrativo 123.518 Oficial de 1ª 110.125 Oficial de 2ª 101.508 Auxiliar 96.008
* Especialistas de industria Encargado de almacén 108.665 Oficial 1ª 101.474 Oficial 2ª 96.006 Oficial 3ª 88.059 Peón especialista 85.815 Peón 83.433 Aprendiz SMI
ANEXO II
Táboa salarial ano 2001
Categorías
* Persoal administrativo Enxeñeiros e licenciados 151.507 Enxeñeiros técnicos 142.210 Xefe administrativo 128.459 Oficial de 1ª 114.530 Oficial de 2ª 105.579 Auxiliar 99.848
* Especialistas de industria Encargado de almacén 113.012 Oficial 1ª 105.532 Oficial 2ª 99.846 Oficial 3ª 91.581 Peón especialista 89.248 Peón 86.770 Aprendiz SMI