Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Mércores, 21 de febreiro de 2001 Páx. 2.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 46/2001, do 8 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 97 do Plan Operativo Local 2000 Burela-Cervo, curvas na estrada provincial Burela-Vilaestrofe-Ferreira, alargamento, mellora e travesía de Rúa, do punto quilométrico 0,600 ó punto quilométrico 2,675 (concellos de Burela e Cervo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 10 de novembro de 2000, aprobou o proxecto de obra número 97 do Plan Operativo Local 2000 Burela-Cervo, curvas na estrada provincial Burela-Vilaestrofe-Ferreira, alargamento, mellora e travesía de Rúa, punto quilométrico 0,600 a punto quilométrico 2,675 (concellos de Burela e Cervo) e na sesión do 27 de novembro de 2000 acordou

solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de xaneiro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de xaneiro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, trátase de mellora-la circulación cada vez maior na vía que comunica Burela con Ferreira do Valodouro e Alfoz, importantes núcleos agrícolas e madeireiros da franxa costeira da Mariña Lucense. Tanto a intensidade de tráfico, en localidades como Mondoñedo e Lourenzá, como a seguridade vial obrigan a reforza-lo firme da calzada, eliminar unha curva de pequeno raio e realizar unha variante á entrada da travesía de Rúa (Cervo).

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de obra número 97 do Plan Operativo Local 2000 Burela-Cervo, curvas na estrada provincial Burela-Vilaestrofe-Ferreira, alargamento, mellora e travesía de Rúa, punto quilométrico 0,600 a punto quilométrico 2,675 (concellos de Burela e Cervo).

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais