Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico e Medio Ambiente, unha Xornada sobre xestión de expropiacións, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
A expropiación é unha das figuras xurídicas máis impopulares que existen nos distintos ordenamentos xurídicos, pero, ó mesmo tempo e en determinadas situacións, a única posibilidade coa que contan as diferentes administracións para logra-los seus fins.
Isto comporta que a súa xestión sexa complicada desde o punto de vista puramente persoal, ó intentar compaxinar intereses diversos e contrapostos, o que unido ó aínda máis complexo sistema que hai que seguir para consegui-lo fin, dea como resultado un lento e tedioso proceso non exento de innumerables situacións de difícil e nada rápida solución.
A xornada convocada ten por finalidade acouta-lo panorama regulatorio da expropiación, centra-lo seu estudio no marco urbanístico estatal e autonómico galego e desvelar e aclara-los intricados pasos que deben seguirse nunha expropiación tipo, facendo fincapé naqueles puntos considerados de maior interese, e pechar esta co estudio práctico dun caso real expropiatorio.
2. Contido.
Trataranse estes temas:
-Incidencia da STS 61/97 no vixente réxime xurídico de expropiacións. A expropiación forzosa na lexislación autonómica galega.
-Réxime xurídico do beneficiario da expropiación.
-O dereito de reversión. Réxime xurídico do sistema de actuación por expropiación.
-A inscrición no rexistro da propiedade das expropiacións forzosas.
-Estudio práctico dun expediente de expropiación forzosa (I e II).
3. Destinatarios.
Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.
4. Desenvolvemento.
-Horario: mañá e tarde.
-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos da EGAP, (Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela) o día 14 de marzo de 2001.
5. Inscrición.
-Prazo: remata o luns, día 12 de marzo de 2001.
-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, Rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.
-Número de prazas: limitado á capacidade do local.
-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.
Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 13 de marzo, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.
6. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
7. Certificación de asistencia.
Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.
8. Retransmisión pola Internet.
As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada pola Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2001.
Domingo Bello Janeiro
Director