Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2001 Páx. 2.314

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 31 de xaneiro de 2001 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Meixonovo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Meixonovo, con domicilio en Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. Rubén Sanz Cartagena, na súa calidade de presidente do padroado da fundación, en escrito de 27 de decembro de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día vintedous de outubro de mil novecentos noventa e nove, ante o notario José Pedro Riol López, co número tres mil cincocentos corenta e tres do seu protocolo por Francisco Javier Suso Alea que intervén en nome propio e ademais en nome e representación de Rubén Sanz Cartagena, Ana Sánchez Fernández, Lourdes Alcántara Fernández, África González Fernández, Montserrat Bas Méndez, Francisco Gambón Deza, Carlos Rodríguez Pascual, Julio Montes Santiago, Víctor Miguel del Campo Pérez, Carmen Navarro Fernández-Balbuena; esta escritura foi emendada por outra posterior de data vinteún de decembro de dous mil ante o mesmo notario e co número de protocolo tres mil novecentos noventa e sete.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é organizar, promover e realizar actividades relacionadas coa formación, docencia e investigación en Ciencias da Saúde no Hospital do Meixoeiro de Vigo e a súa área de influencia, con interese preferente nas áreas biomédicas.

4. O padroado da fundación estará integrado polos membros indicados e na forma prevista no artigo 7 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Meixonovo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de xaneiro de dous mil un.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Meixonovo e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública