Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2001 Páx. 2.313

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2001 pola que se crean os premios Galicia en Feminino e se aproban as bases para a súa concesión.

O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, como organismo autónomo adscrito á Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, créase por Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, tendo como obxectivo principal a promoción e adopción de medidas encamiñadas á consecución da igualdade efectiva das mulleres e dos homes, removendo os obstáculos que impidan a participación e a integración da muller na vida social, cultural, educativa, económica e política de Galicia.

O artigo 3 do citado texto legal determina as funcións que desenvolve o dito servicio para o cumprimento de tales obxectivos e, entre elas, a de realizar e fomentar estudios sobre a situación das mulleres galegas, promover medidas e programas de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, incentiva-la participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e laboral, así como velar polo cumprimento dos convenios e tratados internacionais nos aspectos que afecten a materias de igualdade.

Neste sentido, as directrices da Unión Europea instan os estados membros a considera-la igualdade de oportunidades entre mulleres e homes como un principio democrático básico apoiado polos tratados internacionais. A incorporación da igualdade de oportunidades en tódolas políticas deixou de considerarse unha opción para converterse nunha esixencia na construcción da Europa da cidadanía. O principio de igualdade implica por unha parte a realización de medidas específicas de igualdade de oportunidades e por outra a consideración activa e explícita dos posibles efectos diferenciais que terán en homes e mulleres os programas e actuacións políticas que se van desenvolver por entidades e organismos.

Os estados membros a instancias da Unión Europea poñerán en marcha actuacións que promovan un reparto equilibrado das responsabilidades na vida política, económica, social, cultural, profesional e familiar.

Por todo isto considérase conveniente instituí-los premios Galicia en Feminino co obxecto de resaltar, coa dignidade que corresponda, as actuacións dirixidas a corrixir situacións de desigualdade por razón de sexo e de estimular e recoñece-la traxectoria e o esforzo de persoas ou entidades que desenvolvesen un labor relevante no ámbito da igualdade de oportunidades.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Crea-los premios Galicia en Feminino co fin de estimular e dinfundi-las actuacións que reflictan as

achegas das mulleres á sociedade, denuncien as situacións de discriminación por razón de sexo e promovan a transformación de estereotipos sexistas, así como recoñece-la traxectoria e o esforzo de persoas e entidades a favor da igualdade de oportunidades.

Artigo 2º

Aproba-las bases polas que se regulan os premios Galicia en Feminino, para cada ano, segundo anexo que se incorpora á seguinte resolución.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2001.

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller

ANEXO

Base 1.-Obxecto.

1. Convoca-los premios Galicia en Feminino co fin de estimular e dinfundi-las actuacións que reflictan as achegas das mulleres á sociedade, denuncien as situacións de discriminación por razón de sexo e promovan a transformación de estereotipos sexistas, así como recoñece-la traxectoria e o esforzo de persoas e entidades a favor da igualdade de oportunidades.

2. Os premios concederanse anualmente, referíndose ós méritos das candidaturas durante o ano anterior ó da súa concesión.

Base 2.-Modalidades dos premios.

As modalidades convocadas para os premios Galicia en Feminino son as seguintes:

a) Premio á participación laboral das mulleres.

b) Premio á difusión de imaxe non discriminatoria das mulleres.

c) Premio á participación artístico-cultural das mulleres.

d) Premio á participación social das mulleres.

e) Distinción honorífica pola defensa da igualdade.

Base 3.-Premio á participación laboral das mulleres.

1. Outorgarase a proxectos empresariais ou empresas promovidas por mulleres ou aquelas que melloren a situación das mulleres nos postos de traballo, implantadas en Galicia.

2. O xurado valorará as realizacións encamiñadas a posibilita-la inserción laboral por conta propia ou allea, a impulsa-la conciliación da vida profesional e familiar, a promove-la diversificación profesional e a favorece-lo acceso ós postos de decisión.

Base 4.-Premio á difusión dunha imaxe non discriminatoria das mulleres.

1. Poderán optar profesionais do xornalismo que desenvolvan o seu labor na Comunidade Autónoma de Galicia e programas continuados e puntuais de medios de comunicación e campañas publicitarias.

2. O xurado valorará a contribución á modificación de estereotipos tradicionais no tratamento da imaxe das mulleres nos distintos ámbitos, o uso dunha linguaxe non sexista, a divulgación dos logros e contribución das mulleres e o labor expreso na defensa da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Base 5.-Premio á participación artístico-cultural das mulleres.

1. Outorgarase a persoas individuais destacadas en actividades artístico-culturais ou a entidades e programas que promovan o protagonismo cultural das mulleres galegas.

2. O xurado valorará o labor realizado para resalta-las achegas das mulleres á arte e á cultura, dignificando os logros obtidos e visibilizando a importancia das actividades realizadas tradicionalmente por mulleres no ámbito cultural de Galicia.

Base 6.-Premio á participación social.

1. Poderán recibi-lo premio entidades que promovan a incorporación activa das mulleres a tódolos ámbitos de desenvolvemento social de Galicia.

2. O xurado valorará o traballo realizado para fomenta-la participación social das mulleres nun plano de igualdade atendendo especificamente á participación promovida naqueles ámbitos en que existen dificultades engadidas por tratarse dos colectivos máis desfavorecidos pola sociedade.

Base 7.-Distinción honorífica pola defensa da igualdade.

1. Outorgarase a persoas ou entidades que de xeito continuado e relevante contribúan á igualdade de oportunidades das mulleres galegas.

2. O xurado estudiará as propostas que estean avaladas por organismos públicos, asociacións de mulleres ou entidades de iniciativa social que se presentarán acompañadas dun resumo de motivacións e méritos que consideren que concorren na persoa ou entidade que propoñen.

Base 8.-Candidaturas.

1. Cada membro do xurado propoñerá candidaturas por cada modalidade de premio, acompañando unha memoria explicativa dos valores e méritos de cada unha delas, que permita ós membros do xurado valorar cada proposta.

2. O xurado elixirá os/as premiados/as, en cada modalidade, entre as candidaturas propostas polos seus membros, durante as súas sesións de traballo.

Base 9.-Carácter dos premios.

Os premios Galicia en Feminino outorgaranse con carácter exclusivamente honorífico e non xerarán dereito a ningún devengo nin efecto económico.

Base 10.-Xurado.

1. Para efectos de concesión dos premios constituirase un xurado, formado polos seguintes membros:

-A directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que actuará como presidenta.

-Vocais: ata un número de seis vocais designados pola presidenta do xurado, por proposta do Pleno do Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, entre as organizacións representativas dos sectores ou ámbitos ós que van dirixidas cada unha das modalidades previstas na base 2.

-A secretaría será desempeñada pola secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que actuará con voz pero sen voto.

Base 11.-Procedemento de actuación do xurado.

O procedemento de actuación do xurado será o seguinte:

1. O xurado será convocado pola presidenta, podendo xuntarse cantas veces esta coide oportuno.

2. Para a válida constitución do órgano, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presencia da presidenta e secretaria e a da metade, polo menos, dos seus membros.

3. O xurado adoptará os seus acordos por maioría de votos, dirimindo o voto de calidade da presidenta en caso de empate. A decisión do xurado será inapelable.

4. O xurado poderá declara-los premios e distincións desertos ou conceder premios compartidos.

5. Correspóndelle á secretaria do xurado levantar acta das sesións.

Base 12.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto público, no mes de marzo de cada ano, con motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres.