Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 23 de febreiro de 2001 Páx. 2.380

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Limpiezas Domiciliarias Lucenses, S.L. para o Centro Rehabilitador San Rafael de Castro de Ribeiras de Lea.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Limpiezas Domiciliarias Lucenses, S.L. para o Centro Rehabilitador San Rafael de Castro de Ribeiras de Lea (código 2700730), da provincia de Lugo, asinado o día 22 de xaneiro de 2001 pola representación da dita empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remitirlle o texto do dito convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 25 de xaneiro de 2001.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal de limpeza

do Centro Rehabilitador San Rafael de Castro

de Ribeiras de Lea 2001

Capítulo I

Ámbito de aplicación e duración

Artigo 1º.-Ámbito territorial e persoal.

As estipulacións deste convenio colectivo teñen carácter de mínimas e son de aplicación a todo o persoal de limpeza que presta os seus servicios no Centro Rehabilitador San Rafael de Castro de Ribeiras de Lea.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A vixencia deste convenio iníciase o 1 de xaneiro de 2001, e remata o 31 de decembro de 2001. Chegado o final da vixencia, estimarase prorrogado tacitamente de ano en ano, se non media denuncia dalgunha das partes, que terá que formularse cunha antelación de 4 meses mínimo, respecto da data de expiración do prazo de vixencia do convenio ou de calquera das súas prórrogas.

Non obstante, a denuncia do convenio non significa modificación ningunha na aplicación do seu texto articulado, que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Capítulo II

Xornada, vacacións, horas extraordinarias

e licencias

Artigo 3º.-Xornada laboral.

A xornada laboral establécese alternativamente unha semana de 39.30 horas e a seguinte de 33.30 horas efectivas de traballo, que se cumprirá de acordo coa seguinte distribución horaria:

Con criterio alternativo, establécese que a prestación laboral será:

a) De luns a sábado.

b) De luns a venres, comportando a libranza do sábado e a diminución horaria de seis horas de traballo.

c) A xornada realizarase de mañá e tarde, en quendas rotatorias entre tódolos membros do cadro de persoal.

Igualmente, o traballo en domingos e festivos devengará dereito á percepción do complemento estipulado, así como compensación en descanso a semana seguinte.

Os días 24 e 31 de decembro consideraranse, con carácter xeral, como xornada non laborable.

Non obstante, nos casos en que sexa necesario, porque así llo demanda a empresa ó organismo arrendatario dos servicios de limpeza, o persoal que presta servicios neste centro de traballo verase obrigado a realizar un servicio mínimo nas seguintes condicións:

-A xornada de traballo verase reducida na metade do tempo da que se realiza habitualmente, rematando os traballos antes das 18 horas. Nestes casos, a empresa e a representación dos traballadores negociarán a forma de compensar, ben economicamente ou a través do complemento de traballo en domingos e festivos previstos no artigo 15º bis deste convenio, ben mediante descansos, a reducción antes aludida. Tal compensación negociarase igualmente para aquelas persoas que, pola natureza do traballo que desenvolven, realicen as súas funcións en quendas rotatorias, persoas que se exceptúan das reduccións horarias previstas neste artigo.

Artigo 4º.-Descansos.

Todo traballador que, en cómputo semanal, realice 35 horas de traballo efectivo terá dereito a 30 minutos de descanso computable para tódolos efectos como tempo de traballo.

O dito descanso desfrutarase da seguinte maneira:

a) Persoal en quenda de mañá: entre as 11 horas e as 11.30 horas.

b) Persoal en quenda de tarde: entre as 18 horas e as 18.30 horas.

c) Persoal cunha xornada que non coincida coas quendas sinaladas anteriormente: nos 30 minutos seguintes á metade da xornada.

d) Persoal en xornada de mañá e tarde: nos 30 minutos seguintes á metade do horario da mañá.

Artigo 5º.-Vacacións.

O período de vacacións será de 31 días naturais e serán desfrutadas entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, agás petición concreta dos traballadores interesados noutra data.

O persoal de novo ingreso, ou que non devengue vacacións completas, terá dereito a desfrutar no dito ano un número de días proporcional ó tempo de servicio.

O persoal deberá concretar durante o mes de marzo a petición de vacacións para que, unha vez planificadas as necesidades da empresa e oída a representación sindical, se faga pública no seu taboleiro de anuncios, antes do 1º de maio, a relación definitiva das quendas. Os traballadores poderán establecer quendas rotativas para anos sucesivos.

En calquera caso, e con independencia do sistema establecido, cabe a posibilidade de permuta de datas de desfrute, entre os traballadores, sempre que non haxa problemas de tipo organizativo.

Durante o período de vacacións non se percibirá o sobresoldo de transporte nin o de asistencia.

Artigo 6º.-Horas extraordinarias.

Soamente se realizarán por forza maior, ou as estructurais entendendo como tales, ademais das previstas no decreto regulador, as necesidades por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, baixas de enfermidade ou accidente que non motiven substitución superior a 15 días, por permisos retribuídos e por tempo debido a desprazamentos.

Artigo 7º.-Licencias retribuídas.

As establecidas na ordenanza laboral do sector e no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

En todo caso, o traballador, avisando con suficiente antelación e posterior xustificación, terá dereito ós seguintes permisos retribuídos:

a) 18 días naturais por matrimonio.

b) 2 días naturais por cambio de domicilio.

c) 3 días por falecemento, enfermidade grave ou intervención cirúrxica de relevancia de parente por consanguinidade ou afinidade ata o 2º grao. Se o feito acontecese noutra provincia, o permiso ampliarase a 2 días máis.

d) Polo tempo necesario ata un máximo de 20 horas anuais para asistir a consulta médica; pódense fraccionar estas ausencias.

e) Polo tempo necesario para o cumprimento de deberes públicos.

f) 7 días retribuídos para asuntos propios.

Capítulo III

Mellora das condicións de traballo

Artigo 8º.-Situacións particulares.

Durante o embarazo, a muller traballadora terá dereito a que se lle asigne un posto de traballo que esixa menos esforzo físico do que viña realizando habitualmente, se fose posible e existise o dito posto.

Artigo 9º.-Recoñecementos médicos.

A empresa velará pola práctica de recoñecementos médicos iniciais e periódicos, conforme o establecido polas disposicións vixentes.

Pola súa parte, os traballadores veranse obrigados a se someter a cantos recoñecementos médicos dispoña a empresa a cargo dela, tanto en situación activa como en situación de IT ou análoga.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e efectuaranse, sempre que sexa posible, dentro da xornada laboral do traballador; faráselle entrega a este do resultado do recoñecemento.

Artigo 10º.-Roupa de traballo.

A empresa entregaralles ós traballadores a roupa e o material de traballo necesarios, en cada caso, para o desenvolvemento das funcións que teñan asignadas e é obrigatorio o cumprimento da entrega anual de dous uniformes. Así mesmo, entregaranse luvas, calzado e roupa de augas sempre que fose necesario, así como un par de zocos ó ano.

Capítulo IV

Adscrición do persoal

Artigo 11º.-Subrogación do persoal.

Ó termo da contrata de limpeza, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores, calquera que sexa a situación na que se atopen e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles que fosen incorporados nos últimos catro meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou a unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de tres días hábiles a empresa saínte deberalle facilitar á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó corrente no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das cinco últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC2 de cotización á Seguridade Social dos cinco últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique: nome, apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data do desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará, así mesmo, obrigado a lle liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retribuídos dos traballadores co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza a subrogación deste por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes ás cales vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballador, sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio suspenda este por un período inferior a dous meses.

Artigo 12º.-Salario.

Durante o ano 2001 os traballadores afectados por este convenio percibirán os salarios establecidos na táboa anexa, que reflicte un incremento global do 4%.

Artigo 13º.-Complemento de asistencia.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán, durante o ano 2001, a cantidade mensual de 6.000 pesetas por mes traballado efectivo.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Os traballadores afectados por este convenio percibirán, durante o ano 2001, a cantidade mensual de 6.800 pesetas por mes traballado efectivo.

Artigo 15º.-Complemento penoso e perigoso.

Aboarase a cantidade resultante de lle aplica-lo 20% ó salario base de cada categoría profesional.

Artigo 15º bis.-Complemento de traballo en domingos e festivos.

Os traballadores percibirán 2.200 pesetas como compensación por cada domingo ou festivo traballado, no que realicen xornada laboral, con independencia das demais retribucións que, segundo este convenio puidesen corresponderlles.

Artigo 16º.-Complemento de nocturnidade.

O incremento por traballo nocturno consistirá nun 25% do salario base, regulándose polas normas contidas na ordenanza laboral do sector e na lexislación xeral.

Artigo 17º.-Antigüidade.

Establécese un complemento persoal de antigüidade por cada período de tres anos de servicios prestados na empresa.

O importe de cada trienio será para cada traballador dunha contía igual ó 4% do salario base.

Artigo 18º.-Gratificacións extraordinarias.

Os traballadores terán dereito a dúas pagas extraordinarias, que se percibirán o día laboral anterior ó 25 de xullo e 22 de decembro respectivamente; as ditas pagas percibiranse na contía de 30 días do salario base máis antigüidade.

Como norma xeral, o devengo das gratificacións extraordinarias previstas neste artigo, así como a prevista no artigo seguinte, será anual. Sen embargo, aquelas que veñan empregando o devengo semestral, terán que especificar nas nóminas relativas as gratificacións extraordinarias ó emprego de tal devengo.

Artigo 19º.-Paga de beneficios.

A paga de beneficios será de 30 días.

Percibirase durante o primeiro trimestre do ano, de acordo co salario base, máis antigüidade vixente o 31 de decembro do ano anterior.

O tempo en que o traballador permaneza en situación de IT terase en conta como tempo de traballo efectivo para o devengo da paga de beneficios.

Artigo 20º.-Anticipos.

Os traballadores afectados por este convenio poderán solicitar anticipos á conta do seu salario cunha antelación mínima de 48 horas á data de pagamento, a este respecto, queda establecida nos días 15 de cada mes.

Artigo 21º.-Pagamento da nómina.

A empresa deberá aboar, dentro dos 6 primeiros días de cada mes, os salarios devengados no mes anterior. Se o día de pagamento fose inhábil, adiantarase ó día hábil inmediatamente anterior.

Artigo 22º.-Vinculación á totalidade.

Este convenio constitúe un todo orgánico e indivisible, polo que os acordos contados nel teñen validez considerados conxuntamente. Se algunha das súas partes fose declarada sen efecto pola xurisdicción competente, deberá reconsiderarse o seu conxunto globalmente.

Artigo 23º.-Incapacidade temporal.

Considéranse dous supostos:

a) No caso de hospitalización correspondente, percibirá o 100% do salario de convenio máis antigüidade, mentres dure esta.

Así mesmo, no caso de intervención cirúrxica con hospitalización mínima de 48 horas, o/a traballador/a percibirá no período de convalecencia cunha duración máxima de 120 días naturais un complemento ata o 100% del salario de convenio máis antigüidade.

b) O traballador que cause baixa por accidente laboral acontecido no centro de traballo, percibirá o 100% do salario de convenio máis antigüidade, desde o primeiro día de baixa e mentres dure esta. Se o accidente laboral se producise fóra do lugar de traballo, a empresa completará o dito salario a partir do décimo día da baixa.

Capítulo VI

Acción social

Artigo 24º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que se xubilen voluntariamente antes de acadaren a idade regulamentaria percibirán as seguintes cantidades, segundo a idade:

-Ós 60 anos: 234.000 pesetas.

-Ós 61 anos: 208.000 pesetas.

-Ós 62 anos: 156.000 pesetas.

-Ós 63 anos: 78.000 pesetas.

As ditas cantidades establécense para aquelas persoas contratadas a xornada completa. Nos contratos a tempo parcial serán percibidas proporcionalmente ó tempo contratado.

Capítulo VII

Acción sindical

Artigo 26º.-Dereitos sindicais.

Observarase o disposto no vixente Estatuto dos traballadores e a Lei de liberdade sindical.

O delegado de persoal gozará, como mínimo, de 15 horas sindicais ó mes retribuídas para tódolos efectos, das cales quedan excluídas as empregadas para a asistencia á negociación colectiva.

Artigo 27º.-Póliza de accidentes.

Para os traballadores a empresa contratará unha póliza de seguros individual o colectiva, que cubra en caso de:

-Morte ou invalidez total: 2.860.000 pesetas.

-Invalidez absoluta ou grande invalidez: 3.120.000 pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Comisión mixta paritaria.

As partes asinantes deste convenio constituirán unha comisión paritaria coas funcións de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia de canto se estipula neste convenio, composta por un representante da empresa e un en representación do sindicato asinante deste convenio. As partes poderán levar ás reunións asesores con voz e sen voto. As discrepancias que se presenten serán sometidas á xurisdicción laboral.

Segunda.-Normas subsidiarias.

Para o non previsto neste convenio observarase o que dispón o convenio provincial de limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo, Estatuto dos traballadores, e demais disposicións legais vixentes.

Terceira.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, a título persoal, puidese ter calquera persoa afectada polo convenio.

Cuarta.-Comisión negociadora.

As partes asinantes comprométense a inicia-la negociación do novo convenio dentro do último cuadrimestre de vixencia deste con antelación suficiente para a elaboración dos orzamentos económicos do seguinte exercicio.

ANEXO

Categ.S. base/mes/d.S. base

anual

P. extra

Ben. Xul. Nadal

Complem.

P. e P.

Complem.

Transp.

Complem.

Asist.

Total

Devenga.

Enc/102.3991.228.880307.200245.76081.60072.0002.037.839

Limp. 2.9341.071.226264.108214.22081.60072.0001.706.088

Plus transporte mensual: 6.800 ptas.

Plus asistencia mensual: 6.000 ptas.