Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 29 de marzo de 2001 Páx. 3.979

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN FORO PERMANENTE GALLEGO E IBEROAMERICANO DE LA SALUD

ACORDO do 22 de xaneiro de 2001 polo que se anuncia a convocatoria pública da praza de director de programas da Fundación Pública Foro Permanente Gallego Iberoamericano de la Salud.

O padroado da Fundación Pública Foro Permanente Gallego Iberoamericano de la Salud, con enderezo social en Santiago de Compostela, na súa reunión do día 22 de xaneiro deste ano, acordou, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 11 dos seus estatutos, aprobados polo acordo do Consello da Xunta de Galicia, inicia-lo procedemento para o nomeamento do director de programas da fundación, nos termos previstos no artigo 5 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

En consecuencia, anúnciase publicamente a súa contratación conforme as seguintes bases:

Primeira.-A designación do director de programas corresponderalle ó padroado da fundación por proposta do director xerente, formalizándose coa persoa

designada un contrato laboral de alta dirección regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, cun nivel retributivo axeitado ó seu cometido funcional. A duración do dito contrato non poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as disposicións aplicables na materia.

Segunda.-Os aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos nel alegados.

As ditas solicitudes irán dirixidas ó presidente do padroado da fundación e poderán ser remitidas por correo certificado ou presentadas persoalmente no rexistro da Fundación Foro Permanente Gallego Iberoamericano de la Salud, rúa Ponferrada, número 8-1º B, 15703 de Santiago de Compostela (A Coruña), en horario de 9 a 14 de luns a venres, no prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Se resultase nomeada unha persoa que teña a condición de empregado público, a súa Administración de orixe tramitará o pase á situación administrativa que lle corresponda.

Cuarta.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserto o posto convocado, se así se considera oportuno.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2001.

José María Hernández Cochón

Presidente do padroado