Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 03 de abril de 2001 Páx. 4.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 8 de marzo de 2001 pola que se dan instruccións para a conmemoración do Día das Letras Galegas nos centros de ensino non universitarios.

A institucionalización pola Real Academia Galega, a partir de 1963, do Día das Letras Galegas o 17 de maio foi sen dúbida un acontecemento que ano tras ano colleu pulo e resonancia na nosa sociedade, de tal xeito que en toda a Comunidade Autónoma galega se proxecta a figura homenaxeada e serve, ó mesmo tempo, para reflexionar sobre Galicia, sobre a súa lingua e sobre a súa cultura.

A Real Academia Galega tomou como punto de partida para a celebración desta efeméride a publicación no ano 1863 de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O Goberno galego declara, a través do Decreto 10/2001, do 4 de xaneiro, o ano 2001 como ano de Eladio Rodríguez González. Poeta e xornalista fundamentalmente, a súa obra filolóxico-etnográfica contribuíu de xeito decisivo ó coñecemento de Galicia e do idioma galego.

Comezou de moi novo a súa carreira literaria como xornalista de diversos xornais e revistas da época.

Como poeta, a súa obra, eminentemente costumista, está composta con boa versificación e un profundo coñecemento do idioma.

Pero a faceta fundamental de Eladio Rodríguez González foi a súa contribución ó coñecemento do idioma galego no seu traballo máis monumental, o Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano. Este diccionario, ó que dedicou toda a súa vida, é unha obra fundamental, tanto no eido filolóxico coma no etnográfico, pois recolle nela refráns, cantigas e modismos populares.

Con este traballo, que non vería publicado en vida, e ó longo de toda a súa obra literaria, Eladio Rodríguez González pretendeu saca-lo idioma galego do esquecemento e mostralo a todo o que quixese entendelo.

Membro numerario fundador da Real Academia Galega, chegou a se-lo seu secretario e presidente. O seu labor incansable e calado como animador cultural faino merecedor dun posto de honra na nosa historia.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Durante o mes de maio destacarase en tódolos centros docentes situados na Comunidade Autónoma galega a importancia que ten para Galicia o Día das Letras Galegas.

Segundo.-O profesorado, de acordo coa liña que estableza o consello escolar de cada centro, programará as actividades que considere oportunas para un mellor coñecemento do persoeiro ó que se lle dedica esta data.

Terceiro.-En calquera caso, cando menos dedicarase en cada un dos grupos de cada curso unha hora ó desenvolvemento dunha lección ou conferencia-coloquio, adaptada á idade do alumnado, na que se poña de manifesto a importancia que ten para Galicia a nosa lingua, facendo referencia ó poeta, xornalista e lexicógrafo homenaxeado este ano, Eladio Rodríguez González.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria