A orde desta consellería, do 16 de outubro de 2000 (DOG nº 206, do 24 de outubro) regula o procedemento para a concesión das axudas no sector das forraxes desecadas, conforme o previsto nos regulamentos (CE) 603/1995, do Consello, do 21 de febreiro, e 785/1995, da comisión, do 6 de abril, e no Real decreto 283/1999, do 22 de febreiro, e de acordo coas funcións que lle corresponden ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados.
A devandita orde cumpre os puntos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas no sector das forraxes desecadas, con vixencia indefinida, na Orde do 16 de outubro de 2000, cómpre establece-la convocatoria das devanditas axudas para o presente ano, mediante a presente orde que cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novem
bro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro.
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
A presente orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2001 das axudas no sector das forraxes desecadas, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 16 de outubro de 2000, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 206, do 24 de outubro.
Artigo 2º.-Condicións e finalidade.
1. Para poder acceder ás axudas no sector das forraxes desecadas, as empresas de transformación autorizadas deberán cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 3 e 8 da Orde do 16 de outubro de 2000.
2. Estas axudas, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector das forraxes desecadas, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.
Artigo 3º.-Solicitudes de axuda.
As solicitudes de axuda presentaranse no prazo e forma establecidos no artigo 15 da Orde do 16 de outubro de 2000, e formularanse de acordo co modelo do anexo III da devandita orde.
Artigo 4º.-Anticipos e garantías.
Logo de que as forraxes desecadas abandonaran a empresa transformadora, esta poderá solicita-lo anticipo previsto no artigo 18 da Orde do 16 de outubro de 2000, xuntando as garantías que, para cada suposto, se sinalan nos puntos 1, parágrafo segundo, e 3 do dito artigo.
Artigo 5º.-Créditos orzamentarios.
1. Para a concesión das axudas convocadas pola presente orde existe crédito axeitado e suficiente con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para o ano 2001, na aplicación orzamentaria 0960614A779, do orzamento de gastos do Ilgga, por importe de trinta millóns de pesetas.
2. En todo caso, a concesión das axudas limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte dabondo.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2001.
Juan Miguel Diz Guedes
Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política
Agroalimentaria

