De conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e da Lei 4/1999, que modifica parcialmente a citada Lei 30/1992, notifícaselle á persoa que se relaciona no anexo a documentación necesaria que deberá achegar para a tramitación do expediente de autorización nº 00/197, e que abaixo se relaciona, para a realización de obras consistentes en: canalización de auga, limpeza de maleza, construcción dun cuberto, peche de predio, fosa séptica, muro de contención e instalación dun quiosco desmontable para a tempada estival, no lugar de Muíño Vello-Lapamán, termo municipal de Bueu, dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
-Proxecto básico (tres exemplares) subscrito por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente e conterá a seguinte documentación:
a) Memoria xustificativa e descritiva de cada unha das obras que se van realizar e orzamento.
b) Planos de situación a escala conveniente, localización a escala non inferior a 1:5000, coa clasificación e usos urbanísticos do contorno; de planta xeral no que se representen as instalacións e obras proxectadas, planos de alzados e seccións características, plano de deslindamento definitivo ou, se é o caso, plano de definición da liña probable de deslindamento, efectuado ou autenticado polo órgano correspondente da Administración do Estado, onde deberá situar cada unha das obras proxectadas, plano de situación das normas municipais en vigor, planos de perfil e topográfico da parcela.
c) Orzamento coa valoración das unidades de obra e partidas máis significativas.
d) Información fotográfica (dúas fotos).
-Certificado urbanístico no que se especifique a data de aprobación do planeamento vixente, a clasificación do solo, o estado de execución, os usos permitidos e, se é preciso, as licencias urbanísticas outorgadas.
-Xustificante da taxa correspondente, que se lle facilitará neste Servicio de Conservación do Litoral.
En relación coa solicitude de instalación de quiosco desmontable, deberá achegar certificación do concello relativa á existencia nun radio de 100 metros doutras instalacións fixas ou desmontables ó servicio da praia.
Así mesmo, cómpre indicarlle que o transcurso de 3 meses de prazo máximo establecido polo artigo 44.2º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, para a tramitación e resolución deste expediente queda suspendido polo tempo que medie entre a notificación deste requirimento e o seu efectivo cumprimento.
O anteriormente indicado deberá cumprirse no prazo de dez (10) días, de acordo co artigo 71, parágrafo 1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, significándolle que no caso de non presentarse no prazo citado se terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite.
Pontevedra, 2 de febreiro de 2001.
José Luis Díez Yáñez
Delegado provincial de Pontevedra
ANEXO
Expediente número: 00/197.
Solicitante: Manuel Ferradás Soage.
Último enderezo coñecido: r/ Jaime Janer, nº 4, 2º C.
Concello: Marín.
Obra solicitada: canalización de auga, limpeza de maleza, construcción dun cuberto, peche de predio, fosa séptica, muro de contención e instalación dun quiosco desmontable para tempada estival.
Lugar: Muíño Vello-Lapamán.
Concello: Bueu.

