ciais.
O Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, veu reforza-lo papel da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como órgano responsable da dirección e coordinación das políticas sanitarias, sociais e sociosanitarias.
O antedito decreto recollía xa a integración da Dirección Xeral de Saúde Pública na estructura da consellería, en coherencia coa misión definida para os servicios de saúde pública.
Despois de catro anos de experiencia, co obxecto de levar a cabo as conclusións sobre os plans de mellora xurdidos a partir da aplicación do modelo de excelencia europeo para a calidade da xestión, cómpre reflexionar e adapta-la estructura da Dirección Xeral de Saúde Pública ás novas necesidades que no marco da saúde poboacional xurdiron ó longo destes anos.
En resposta ós principios de eficacia e eficiencia que deben rexe-la actuación de cada unidade administrativa, faise aconsellable que os principios de calidade sexan incorporados de forma efectiva ó quefacer diario da unidade encargada da saúde pública en Galicia.
Por outra banda, para avalia-lo impacto na totalidade dos servicios e programas que conforman o sistema de servicios sociais nos que teña atribuída a competencia a consellería, deseñar outros novos, impulsar novas accións no campo do voluntariado social, coordina-lo funcionamento dos diversos órganos de participación e desenvolve-los programas sociais que afecten a distintos colectivos sociais, precísase amplia-la súa estructura.
O exposto determina a necesidade de crear unha nova unidade administrativa coa categoría de Subdirección Xeral na Dirección Xeral de Servicios Sociais, e reestructura-las funcións da Subdirección Xeral de Acción Social.
Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil un,
DISPOÑO:
Artigo único.
Dáse nova redacción ós artigos 10º, 11º, 12º, 13º, 14º, 16º e á disposición transitoria segunda do
Decreto 48/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que quedarán redactados nos seguintes termos:
Artigo 10º.-A Dirección Xeral de Saúde Pública.
1. A Dirección Xeral de Saúde Pública é o órgano encargado da protección e promoción colectiva da saúde da poboación galega.
A súa misión é mellora-la saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria, diminuíndo a carga da enfermidade, mortalidade, morbilidade e discapacidade mediante a identificación dos factores protectores e de risco, a actuación directa e o traballo cos axentes sociais. Todo isto para que, dunha forma coordinada, se logre un efecto positivo sobre os anteditos factores e o desenvolvemento de políticas saudables.
2. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Saúde Pública, no marco da actuación sanitaria da Comunidade Autónoma galega, as competencias relativas a:
-Actividades dirixidas a identifica-los factores determinantes da saúde dos cidadáns galegos.
-Actividades dirixidas a diminuí-lo impacto dos factores de risco.
-Actividades dirixidas a aumenta-lo impacto dos factores protectores da saúde.
-Desenvolvemento dos programas de promoción colectiva e protección da saúde na Comunidade Autónoma galega.
-Actividades dirixidas á mellora da calidade da xestión dos servicios de saúde pública.
-Desenvolvemento e xestión de programas de prevención individualizada de determinados problemas de saúde.
-Desenvolvemento de actividades como autoridade competente en materia de saúde pública.
-Actividades dirixidas á oferta de servicios de saúde pública ós clientes-usuarios na procura da mellora do estado de saúde da poboación.
3. A Dirección Xeral de Saúde Pública contará, para o cumprimento das ditas competencias, coa seguinte estructura:
1. A Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública.
2. A Subdirección Xeral de Xestión e Calidade de Saúde Pública.
Artigo 11º.-A Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública.
Correspóndenlle á Subdirección Xeral de Programas de Saúde Pública a aplicación e execución das directrices da dirección xeral en materia de pla
nificación e coordinación operativa e auditoría dos programas que actúen sobre os factores determinantes da saúde dos galegos.
Cando os plans e programas incidan na rede asistencial do Servicio Galego de Saúde, a auditoría levarase a cabo en coordinación coa Inspección Sanitaria, de acordo coas funcións previstas no artigo 7º deste decreto e cos principios do Decreto 126/1992, do 19 de maio, sobre ordenación de funcións da Inspección de Servicios Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para o cumprimento das súas funcións contará, a nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:
1. Servicio de Prevención e Control das Enfermidades Transmisibles.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A elaboración e coordinación da execución do Plan de Prevención e Control das Enfermidades Transmisibles.
-A planificación e xestión dos sistemas de información específicos das enfermidades transmisibles con plans de actuación propios.
-A actualización e coordinación da execución da Estratexia de Prevención e Control da Infección polo VIH/SIDA en Galicia.
-A planificación, xestión e coordinación do Programa Galego de Vacinacións.
A planificación, xestión e coordinación do Plan de Prevención e Control da Tuberculose en Galicia.
-En xeral, a planificación, programación, avaliación, auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade e difusión de información relacionada coa protección fronte ás enfermidades transmisibles.
2. Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Xerais.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A xestión dos rexistros dos factores de risco xerais, entendendo por tales aqueles que interactúan coas persoas, independentemente das variables individuais.
-A planificación, programación, avaliación e xestión así como auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade e difusión da información das actividades de protección da saúde da poboación da Comunidade Autónoma fronte ós factores de risco xerais.
3. Servicio de Protección da Saúde fronte a Riscos Específicos.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A xestión dos rexistros dos riscos específicos, entendendo por tales aqueles que interactúan coas persoas dependendo de variables individuais, como
a idade, o lugar de residencia e as actividades laborais e de tempo libre.
-A planificación, programación, avaliación, xestión, así como auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade e difusión da información das actividades de protección da saúde da poboación da Comunidade Autónoma fronte ós riscos específicos.
4. Servicio de Actuacións Preventivas.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A xestión dos rexistros dos factores psicosociais e hábitos de vida.
-A planificación, programación, xestión, avaliación, así como auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade e difusión da información das actividades de promoción de hábitos de vida saudables e de protección da saúde da poboación da Comunidade Autónoma fronte a factores de risco psicosociais.
Artigo 12º.-A Subdirección Xeral de Xestión e Calidade en Saúde Pública.
Correspóndelle á Subdirección Xeral de Xestión e Calidade en Saúde Pública a aplicación e execución das directrices en materia de identificación de problemas de saúde, de información sobre saúde pública, da actividade inspectora de saúde pública, da mellora da calidade da xestión dos servicios de saúde pública, das auditorías de aseguramento da calidade sanitaria dos programas de protección, prevención e promoción da saúde, da coordinación interna da organización de saúde pública, da relación con outras administracións ou entidades con competencia en saúde pública e a xestión de programas de cribado poboacional de determinados problemas de saúde individual.
Cando os plans e programas incidan na rede asistencial do Servicio Galego de Saúde, a auditoría levarase a cabo en coordinación coa Inspección Sanitaria de acordo coas funcións previstas no artigo 7º deste decreto e cos principios do Decreto 126/1992, do 19 de maio, sobre ordenación de funcións da Inspección de Servicios Sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para o cumprimento das súas funcións contará, a nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:
1. Servicio de Información sobre Saúde Pública.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
A xestión dos sistemas de información de saúde pública.
-A xestión e coordinación dos sistemas informáticos de saúde pública.
-A análise integral da información de saúde pública e a avaliación do estado de saúde da Comunidade Autónoma.
-A difusión da información xerada nos sistemas de información de saúde pública.
-O asesoramento e formación en materia de método epidemiolóxico.
-O control de abrochos epidémicos, a coordinación e o seguimento do Sistema de Alerta Epidemiolóxica de Galicia.
-A coordinación da organización de saúde pública con outras administracións ou entidades con competencia na materia.
2. Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A xestión, coordinación e auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade da actividade inspectora de saúde pública.
-A xestión, coordinación e auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade dos laboratorios de saúde pública.
-A coordinación e o seguimento da rede de alerta alimentaria.
-A tramitación dos procedementos administrativos derivados da actividade inspectora de saúde pública.
-As actuacións relacionadas coa coordinación e xestión das taxas xeradas polas actividades de saúde pública.
3. Servicio de Programas Poboacionais de Cribado.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A xestión dos rexistros dos programas poboacionais de cribado.
-A planificación, programación, xestión, avaliación, así como auditoría dos sistemas de aseguramento da calidade e difusión da información dos programas poboacionais de cribado desenvolvidos na Comunidade Autónoma galega.
4. Servicio de Coordinación e Calidade da Saúde Pública.
Correspóndelle as seguintes funcións:
-A coordinación dos sistemas de xestión dos programas de saúde pública (comunicación, publicacións e xestión económica).
-Coordina-lo deseño, execución, control e avaliación dos programas continuados de educación para a saúde no ensino.
-Presta-lo seu apoio, asesoramento e orientación en educación para a saúde a outras organizacións.
-O deseño e a execución dos programas de formación interna para o persoal da dirección xeral.
-A coordinación interna das relacións dos servicios da dirección xeral cos medios de comunicación, sen prexuízo da superior competencia da secretaría xeral e a súa vehiculación a través da oficina de prensa da consellería.
-A xestión do sistema de avaliación e de aseguramento da calidade de xestión da dirección xeral.
Artigo 13º.-A Dirección Xeral de Servicios Sociais.
1. Correspóndenlle á Dirección Xeral de Servicios Sociais as funcións de ordenación, coordinación e planificación do sistema de servicios sociais, autorización e acreditación, control e inspección dos centros e servicios, o estudio das necesidades e problemáticas sociais, así como participar no deseño e aplicación dun sistema de información estatística e o asesoramento e a asistencia técnica ás entidades prestadoras de servicios sociais.
2. Así mesmo, correspóndelle a creación e xestión dos equipamentos e programas que asuma a Administración autonómica, a xestión das prestacións e axudas establecidas, o fomento e a regulación do voluntariado social, así como calquera outra competencia que lle sexa atribuída pola normativa vixente no eido dos servicios sociais.
Todo isto sen prexuízo das competencias expresamente atribuídas á Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, nas áreas de actuación de familia, infancia e xuventude, minorías étnicas e muller.
3. Para o desenvolvemento das funcións, a Dirección Xeral de Servicios Sociais contará coa seguinte estructura:
3.1. A Subdirección Xeral de Acción Social.
3.2. A Subdirección Xeral de Administración e Inspección de Servicios Sociais.
3.3 A Subdirección Xeral de Planificación e Ordenación Social.
Artigo 14º.-A Subdirección Xeral de Acción Social.
1. É a unidade á que lle corresponde a realización dos programas de inserción social en relación con problemáticas concretas de marxinación e exclusión social, aplicando tanto proxectos de traballo social personalizados ou de grupos como prestacións económicas específicas; o deseño e a implantación dun sistema de información para a xestión das prestacións sociais e económicas e a coordinación e o control dos procedementos administrativos de tramitación e resolución destas.
2. Así mesmo, coordinará o funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, coa excepción do Consello Galego de Servicios Sociais e do Consello Galego das Persoas Maiores.
3. Tamén lle corresponden as funcións de xestión, programación, asesoramento técnico, coordinación, seguimento e control dos programas, centros e servicios de atención primaria e de atención especializada nas áreas de actuación da terceira idade e da minusvalidez, así como a coordinación coas entidades de iniciativa privada prestadoras de servicios sociais nos devanditos ámbitos.
Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:
14.1. Servicio de Prestacións e Inserción Social.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A xestión dos programas de loita contra a pobreza e a exclusión social e, especificamente, os previstos na Lei 9/1991, do 2 de outubro, galega de medidas básicas para a inserción social.
-A xestión das prestacións económicas derivadas do Real decreto-Lei 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de Seguridade Social, no relativo ás pensións non contributivas e outros réximes vixentes de carácter transitorio.
-A programación, coordinación, seguimento, avaliación e control doutros programas e plans de actuacións dirixidos a grupos ou persoas en situación de marxinación social.
-O estudio, tramitación e proposta de resolución dos recursos formulados contra as resolucións emanadas dos distintos órganos provinciais nas materias anteriormente mencionadas, nas que expresamente teña atribuída competencia resolutoria a Dirección Xeral de Servicios Sociais.
-A coordinación e asistencia no funcionamento dos órganos de participación e asesoramento previstos na lexislación vixente, coa excepción do Consello Galego de Servicios Sociais e do Consello Galego das Persoas Maiores.
14.2. Servicio de Atención Primaria e Cooperación coas Corporacións Locais.
Correspóndelle a este servicio a xestión de tódalas actuacións en relación cos concellos e demais entes locais prestadores de servicios sociais e, en concreto:
-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención primaria.
-A coordinación das actividades formativas relativas ó desenvolvemento e á execución dos programas de atención primaria e o asesoramento e á asistencia técnica ós concellos e outros entes locais.
-A xestión, coordinación, seguimento, avaliación e control dos servicios sociais de atención especializada nas áreas de actuación de competencia da Dirección Xeral de Servicios Sociais, dependentes das entidades locais.
-A implantación e o seguimento do sistema de información dos usuarios de servicios sociais.
14.3. Servicio de Atención ás Persoas Maiores.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A planificación, o control e seguimento de todas aquelas accións educativas, formativas e culturais que faciliten a promoción e integración social dos maiores.
-A coordinación cos centros colaboradores en materia de formación permanente de adultos.
-A programación, xestión, o seguimento e control dos programas de actuación dirixidos ó sector das persoas maiores.
-A coordinación e o control da xestión dos centros de servicios sociais, residencias, vivendas tuteladas e cantos outros centros de carácter especializado se determinen na planificación desta área de actuación.
-A preparación, coordinación, o seguimento e control dos programas de axudas e subvencións, así como os convenios e concertos coas entidades de iniciativa privada que presten os seus servicios na área de actuación das persoas maiores e a coordinación e o control das axudas individuais non periódicas.
14.4. Servicio de Atención a Persoas con Minusvalidez.
Correspóndenlle as seguintes funcións:
-A preparación, xestión, o seguimento e control dos programas de actuación dirixidos ás persoas con minusvalidez, e a potenciación e promoción de programas e medidas de integración sociolaboral.
-A preparación, coordinación e o seguimento das axudas individuais non periódicas.
-A preparación, coordinación, o seguimento e control dos concertos e convenios coas entidades de iniciativa privada que presten servicios sociais na área de actuación da minusvalidez.
-A coordinación e o seguimento da área funcional dos centros de atención a persoas con minusvalidez dependentes da Administración autonómica.
-O estudio das necesidades do sector e a proposta de actuacións e de normativa na materia.
-A elaboración e explotación informática do censo de minusválidos.
Artigo 16º.-A Subdirección Xeral de Planificación e Ordenación Social.
1. Esta unidade realizará as funcións de planificación, programación, coordinación e avaliación xeral dos servicios sociais nas áreas de actuación nas que teña atribuída a competencia a consellería, así como as de coordinación, seguimento e control da execución do programa de loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia e dos plans ou proxectos derivados de iniciativas europeas. Igualmente, a de coordinación do funcionamento do Consello Galego de Servicios Sociais e do Consello Galego das Persoas Maiores, o fomento do desenvolvemento do voluntariado social, así como o desenvolvemento de programas, plans e proxectos que afecten a distintas unidades da dirección xeral, a distintos departamentos da Xunta de Galicia ou a distintos colectivos sociais.
2. Correspóndelle a participación no deseño e a aplicación do sistema de información estatístico, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística, así como na difusión e coordinación dos programas e publicacións da dirección xeral.
3. Tamén lle corresponde a preparación dos proxectos normativos do ámbito da dirección xeral.
4. Para o desenvolvemento das devanditas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servicio:
Servicio de Programación e Coordinación.
Correspóndelle as seguintes funcións:
-A planificación, programación e coordinación e avaliación xeral dos servicios sociais nas áreas de actuación nas que teña atribuída a competencia a consellería, concretada na elaboración do Plan Galego de Equipamentos e Servicios Sociais, así como a coordinación e o seguimento da execución dos plans e programas de actuación da dirección xeral, concretados no plan da loita contra a pobreza e a exclusión social en Galicia, e nos plans ou proxectos derivados de iniciativas europeas.
-A creación e o mantemento de bases de datos de información sobre os servicios e programas sociais, así como a información xeral e difusión de publicacións divulgativas destes en soporte papel e telemático, e o deseño e a aplicación do sistema de información estatístico.
-A coordinación das publicacións no ámbito da dirección xeral e a organización e o mantemento do seu fondo documental, de acordo coas directrices e competencias atribuídas á secretaría xeral.
-A preparación de proxectos normativos e sistematización da normativa de aplicación no ámbito da dirección xeral.
-A coordinación e asistencia no funcionamento do Consello Galego de Servicios Sociais e do Consello Galego das Persoas Maiores.
-O desenvolvemento de accións de promoción, apoio e coordinación do voluntariado social, sen prexuízo das competencias da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
-O desenvolvemento de programas sociais que afecten a distintos colectivos sociais ou a distintas unidades administrativas.
-A elaboración de estudios e informes.
Disposición transitoria
Segunda.-Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación das distintas unidades administrativas existentes con anterioridade, se cree ou suprima algunha das devanditas unidades, autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do secretario xeral, para readscribi-lo persoal afectado polo cambio de estructura a postos do mesmo ou inferior nivel, sempre que sexan de libre designación, ou a adscribilo con carácter temporal a postos de inferior nivel, se se trata de postos
de provisión por concurso ata que, neste caso, os devanditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1997, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.
Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vintedous de marzo de dous mil un.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Mª Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

