Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.323

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o patrón da raza Galiña de Mos e se crea o rexistro da raza.

No último século e máis concretamente nas últimas décadas, a revolución agrícola e industrial, coa consecuente mecanización e automatización das respectivas cadeas de producción, unido a un incremento da demanda de productos animais, provocou un descenso no número de exemplares de determinadas razas autóctonas pouco seleccionadas para a producción intensiva de alimentos para o consumo humano.

O mantemento das razas autóctonas supón un labor esencial na xestión do territorio e no afán de conserva-los usos tradicionais, constituíndo unha peza clave na conservación da flora e fauna e dos ecosistemas máis valiosos da nosa terra.

A nova PAC prevé medidas encamiñadas á conservación e promoción dunha natureza de alta calidade e dunha agricultura que respecte as esixencias ambientais.

O afianzamento da avicultura industrial na segunda metade do século XX, supuxo a rápida introducción de razas de galiñas estranxeiras moi seleccionadas para acadar altas produccións, que foron apartando as galiñas autóctonas, entre elas a raza Galiña de Mos, noutros tempos amplamente distribuída por toda Galicia e hoxe minguado substancialmente o seu censo ata o punto de atoparse en perigo de extinción.

A Galiña de Mos é orixinaria da comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo. Toma o seu nome da parroquia de San Xiao de Mos, no concello de Castro de Rei.

Debido á súa excelente aptitude cárnica usouse principalmente para a producción dos afamados capóns de Vilalba.

Dentro do Plan de Mellora Gandeira de Galicia trabállase no estudio de tódalas razas autóctonas galegas en perigo de extinción, entre elas a raza Galiña de Mos.

No programa de recuperación e conservación da Galiña de Mos xorde a necesidade de dispor dun rexistro de exemplares e de criadores da raza, de cara a manter fielmente a trazabilidade xenética ademais de poder controla-los seus parámetros productivos co obxectivo de, nun futuro, poder establecer un sistema de certificación de productos de calidade obtidos a partir desta raza.

Debido ó interese xenético, social, cultural e económico que supón para Galicia a recuperación, conservación e fomento da raza Galiña de Mos, resulta procedente a publicación do patrón da raza e a creación do rexistro da raza.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artígo único.-Apróbase o patrón da raza Galiña de Mos e establécese o rexistro da raza, que figuran respectivamente como anexo I e II da presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para establece-la normativa adicional necesaria para o adecuado cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

PATRÓN DA RAZA GALIÑA DE MOS

Características xerais.

Plumaxe: brillante, abundante e compacta.

Ovos: de 50 g mínimo, coa casca de cor marrón clara.

Peso: galo de 3,5 a 4 kg; galiña de 2,5 a 3 kg.

Diámetro dos aneis (en mm): galo 22 - galiña 20.

Morfoloxía do galo.

Cabeza: máis ben pequena e ben conformada.

Cara: vermella, lisa e de textura fina.

Crista: en chícharo, con tres filas lonxitudinais de papilas ou puntos ben definidas, de cor vermella.

Barbelas: vermellas, pequenas, de textura fina, lisas, co bordo inferior ben redondeado.

Orelliñas: pequenas, ben pegadas á cara, lisas, de forma lanceolada e de cor vermella.

Bico: forte, vigoroso e ben curvado; na mandíbula superior predomina a cor parda escura sobre o córneo amarelado, na mandíbula inferior poden aparecer manchas de cor parda escura mais só na parte proximal.

Ollos: grandes, redondeados e de cor laranxa escura.

Pescozo: esvelto e robusto, máis ben longo, erguido, ben emplumado e ben unido ó corpo, con esclavina abundante flotando sobre as costas.

Tronco: largo, profundo, longo, lixeiramente inclinado cara ó rabo.

Dorso: largo e caendo lixeiramente cara ó rabo, poboado de cachelos de mediana lonxitude.

Peito: largo, profundo e prominente, de gran capacidade.

Rabo: de tamaño pequeno, as fouces caudais son curtas excedendo lixeiramente as plumas temoeiras que son largas e superpostas. En ángulo de 45º sobre a horizontal.

Abdome: amplo.

Extremidades

Ás: máis ben pequenas, ben pregadas e cinguidas ó corpo.

Pernís: fortes, robustos, visibles e de mediana lonxitude.

Tarsos: fortes, grosos, de cor amarela, de lonxitude mediana, sen plumas e con catro dedos fortes e rectos.

Morfoloxía da galiña.

En xeral coma no galo, tendo en conta as diferencias debidas ó sexo. A crista está menos desenvolvida ca nos galos, as barbelas son máis pequenas e tamén é máis pequena a orelliña pero conserva a forma lanceolada. O peito é saínte pero menos que no galo. De formas máis redondeadas có galo.

Coloración da plumaxe.

Galo: o conxunto da plumaxe é de cor leonada cun matiz vermello-caoba claro, a esclavina e os cachelos son de cor máis clara có resto do manto. As plumas cobertoiras pequenas das ás e os ombros son dunha coloración máis escura. As remeiras primarias son negras, bordeadas de leonado. As remeiras secundarias son leonadas case na súa totalidade, excepto no centro que adquiren cor negra. As cobertoiras do voo son negras. O rabo ten as temoeiras e as fouces negras cun brillo verde metálico. A subpenuxe é de cor leonada clara.

Galiña: a plumaxe do corpo é leonada, con esclavina de cor leonada intensa, sendo negras as cobertoiras do voo e as temoeiras da cola e, en parte, as remeiras primarias, subpenuxe leonada clara.

Defectos graves.

O menor sinal de branco na plumaxe; plumas negras sobre o manto; plumas totalmente negras no pescozo; a máis insignificante pluma nos tarsos; talle insuficiente; peito estreito; crista moi elevada; orelliñas con branco en máis da cuarta parte.

ANEXO II

REXISTRO DA RAZA GALIÑA DE MOS

1º Levanza do Rexistro da Raza Galiña de Mos.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Rexistro da Raza Galiña de Mos.

Non obstante, a Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria poderá recoñecer unha asociación que se encargue da cría e o fomento da raza Galiña de Mos e encomendarlle a esta leva-lo rexistro da raza se reúne as condicións de infraestructura necesaria para a súa correcta xestión. En todo caso, a inspección e intervención do rexistro será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2º O Rexistro da Raza Galiña de Mos terá as seguintes divisións:

Rexistro de Criadores (RC).

Rexistro de Reproductores (RR).

Rexistro de Nacementos (RN).

Rexistro Especial (RE).

Para a inscrición de exemplares en calquera dos rexistros, así como para o rexistro dun criador, o interesado deberá solicitalo de forma expresa en impreso normalizado e aprobado para o efecto pola Comisión Rectora do Rexistro da Raza, á Oficina do Rexistro da Raza Galiña de Mos.

Como referendo ós rexistros e para maior garantía da inscrición dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Rexistro poderá face-las dilixencias e indagacións que coide oportunas para aclarar cantos extremos considere necesarios.

Rexistro de Criadores (RC).-Neste rexistro inscribiranse todas aquelas persoas que demostren que posúen exemplares da raza e se dedican á cría e fomento da raza Galiña de Mos, ós que se lles asignará un código de criador, segundo as normas que dictará para o efecto a Comisión Rectora do Rexistro.

Rexistro de Reproductores (RR).-Inscribiranse neste rexistro os exemplares adultos nos que os técnicos cualificadores da raza comproben que as súas que as súas características responden ás do patrón da raza, pertencen a criadores inscritos no RC e posúen código de criador da raza.

Rexistro de Nacementos (RN).-Quedarán inscritos neste rexistro aqueles exemplares que naceran de animais inscritos no Rexistro de Reproductores e que pertenzan a persoas inscritas no Rexistro de Criadores. Estes exemplares soamente serán considerados da raza cando sexan comprobadas as súas características polos técnicos cualificadores da raza e poderán ingresar no rexistro de reproductores ou no Rexistro Especial se procede.

Rexistro Especial (RE).-Neste rexistro inscribiranse os exemplares procedentes do Rexistro de Nacementos unha vez castrados cirurxicamente para a obtención de capóns e pulardas.

3º Comisión Rectora do Rexistro.

Conforme o establecido nesta regulamentación e como salvagarda das actividades do rexistro, funcionará unha Comisión Rectora do Rexistro, coa seguinte composición e competencias:

Composición da Comisión Rectora do Rexistro:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa na que delegue.

b) Director técnico: o director do Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia ou persoa en quen delegue.

c) Secretario: o xefe de Servicio de Producción Animal ou persoa en que delegue.

Vocais:

Un técnico cualificador da raza nomeado para o efecto pola Dirección Xeral de Producción Agropecuaria.

O presidente da Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos, recoñecida oficialmente pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, ou persoa en quen delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Rexistro:

a) Aproba-las solicitudes de inscrición se procede.

b) Atende-las incidencias que aparezan no normal funcionamento do rexistro e resolve-las reclamacións que puidesen aparecer.

c) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da normativa do rexistro que se consideren.

d) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

e) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do rexistro.

4º Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado polo método que aprobe a Comisión Rectora do Rexistro, en todo caso, sempre cumprindo a normativa vixente.