Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Can de Palleiro e se crea o libro xenealóxico da raza.

As distintas características sociais, culturais e ambientais nas que un pobo leva a cabo ás súas actividades implican a aparición de razas animais que se adaptan a estas necesidades e ó medio.

A Unión Europea e outras organizacións internacionais como a FAO instan os gobernos a promoveren a protección, valoración e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción.

Dentro do Plan de Mellora Gandeira de Galicia, no que se establecen liñas xerais para a recuperación e conservación das razas autóctonas en perigo de extinción e, tras dun período de documentación, de estudio e de prospección do agro galego na busca de animais da especie canina, comprobouse a existencia dunha poboación canina comunmente denominada polos criadores como Can de Palleiro, composta por exemplares que gardan entre si unhas

características similares e diferenciadoras doutras razas xa descritas.

A situación social vivida en Galicia durante o derradeiro século, empurrou a gran parte da nosa poboación á emigración, sendo o regreso destes emigrantes unido á mellora na situación económica o motivo da entrada de razas foráneas que en gran parte desprazaron as nosas razas autóctonas, que actualmente se atopan en grave perigo de extinción.

Debido ó interese xenético, social e cultural que supón para Galicia a recuperación, conservación e fomento da raza Can de Palleiro, e encadrado no seu programa de recuperación e conservación, resulta procedente a publicación do seu estándar racial e a implantación do seu libro xenealóxico, tendo en conta o Real decreto 391/1992, do 21 de abril, polo que se regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacios de criadores de animais de raza que leven ou creen libros xenealóxicos, que incorpora ó ordenamento xurídico interno a Directiva 91/174/CE, do 25 de marzo, relativa ás normas zootécnicas e xenealóxicas que regulan a comercialización de animais de raza e pola que se modifican as Directivas 77/504/CEE e 90/425/CEE.

Por todo isto e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro e o seu estándar racial, que figuran respectivamente como anexo I e II desta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

REGULAMENTACIÓN ESPECÍFICA DO LIBRO XENEALÓXICO DA RAZA CAN DE PALLEIRO

1. Libro xenealógico: rexistro, ficheiro ou sistema informatizado onde se inscriben cans de raza pura Can de Palleiro, facendo mención dos seus ascendentes, descendentes e os méritos recibidos nas súas cualificacións morfolóxicas (fenotipo), como reproductor e de traballo (se procede), sendo o órgano responsable e competente a Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria, que poderá delega-la xestión del en organizacións recoñecidas

oficialmente pola dita autoridade competente para tales efectos.

2. Xestión do Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro.

Non obstante, cando un club da raza Can de Palleiro, con recoñecemento oficial, segundo o Real decreto 391/1992, do 21 de abril, BOE do 24 de abril e demais lexislación concordante reúna as condicións de medios e infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderá encomendarlle ó dito club a levanza del. En todo caso, a propiedade, inspección e intervención do libro xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro constará dos seguintes rexistros:

1. Sección anexa:

1.1. Rexistro de Nacementos.

1.1.1. Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN).

1.2. Rexistro de Adultos.

1.2.1. Rexistro Fundacional (RF).

1.2.2. Rexistro Auxiliar de Adultos (RA).

2. Sección principal:

2.1. Rexistro de Nacementos.

2.1.1. Rexistro Principal de Nacementos (RN).

2.2. Rexistro de Adultos.

2.2.1. Rexistro Definitivo (RD).

2.2.2. Rexistro de Méritos (RM).

Seccións

Rexistros

Sección anexaSección principal

Rexistro de nacementos Rexistro auxiliar de nacementos (RAN) Rexistro principal de nacementos (RN)

Rexistro de adultosRexistro

fundacional

(RF)

Rexistro

auxiliar

(RA)

Rexistro

definitivo

(RD)

Rexistro

de méritos

(RM)

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, o titular ou o seu representante legal deberá solicitalo de xeito expreso nun impreso normalizado e aprobado para o efecto, pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico da Raza Can de Palleiro e acreditando os criterios de inscrición especificados nesta orde.

O paso do animais dun rexistro a outro prodúcese automaticamente segundo o establecido nesta regulamentación.

Como referendo ós rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía de inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e investigacións que coide pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo, así mesmo, recorrer á verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

O libro xenealóxico desta raza contará con dúas seccións, sección anexa e sección principal, en cada unha das cales haberá tres rexistros.

a) Sección anexa: poderán ser inscritos os cans que carecen total ou parcialmente de documentación xenealóxica que acredite a súa ascendencia, pero que polas súas características étnicas poidan contribuír á mellora da raza.

Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN): nel inscribiranse todos aqueles animais, de pais e/ou avós rexistrados, en que polo menos sempre un dos seus proxenitores ou avós se atope no Rexistro Fundacional.

Rexistro Fundacional (RF): rexistraranse aqueles animais, maiores de 24 meses, con pais descoñecidos ou non rexistrados e que previamente pasasen a confirmación de raza.

Este rexistro ten unha vixencia limitada, que virá determinada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Auxiliar de Adultos (RA): incluirá aqueles animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Nacementos que a partir dos 18 meses, obrigatoriamente deberán pasar a confirmación de raza.

b) Sección principal: poderán ser inscritos os cans de raza pura.

Rexistro Principal de Nacementos (RN): inscribiranse todos aqueles animais que proveñan de pais, avós e bisavós que estean inscritos no Libro Xenealóxico da Raza.

Rexistro Definitivo (RD): os animais procedentes do Rexistro Principal de Nacementos, para poder seren inscritos neste Rexistro Definitivo, deberán pasa-la confirmación de raza a partir dos 18 meses.

Rexistro de Méritos (RM): é para aqueles animais adultos, inscritos no Rexistro Definitivo, que polas súas calidades morfolóxicas (fenotipo), reproductoras (xenéticas) e de traballo (se procede), destaquen significativamente sobre o resto dos animais rexistrados. Excepcionalmente e consensuado polo comité técnico e criadores do libro xenealóxico, unha vez autorizado pola autoridade competente, poderían incluírse animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Adultos ou no Fundacional.

4. Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido nesta regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garante da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro

Xenealóxico, de exemplares, que terá a constitución e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa na que delegue.

b) Inspector director técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa na que delegue.

c) Secretario: un veterinario do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O presidente do Club da Raza Can de Palleiro, recoñecido oficialmente pola autoridade competente, ou persoa na que delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan do normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

5. Criterios de inscrición.

O criador deberá inscribi-la camada nacida no prazo de 6 meses.

1. Para que os cans de raza pura poidan ser inscritos na sección principal deberán:

a) Provir de pais, avós e bisavós que estean inscritos no libro xenealóxico da raza recoñecido oficialmente pola autoridade competente.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ter sido identificados logo de do nacemento, logo de verificación do cumprimento dos requisitos contidos na presente orde.

d) No momento de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los

datos correspondentes á identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode achega-los datos de identificación dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Cumpri-lo estándar racial e os requisitos mínimos da raza conforme o previsto nesta orde.

2. Para que os cans de raza poidan ser inscritos na sección anexa deberán:

a) Axustarse ó estándar da raza.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ser identificados despois do nacemento, de acordo cos requisitos previstos nesta orde.

d) No momento de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes a identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode aportar os datos de identificación dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Reuni-las características mínimas de conformidade cos requisitos previstos nesta orde.

3. Os animais deberán ser sometidos ó proceso de confirmación de raza requirido, realizado por persoal experto, nomeado para tal efecto pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, co obxecto de comproba-la súa aptitude para a cría e a ausencia de defectos zootécnicos e psíquicos de carácter transmisible.

Será preceptivo un resultado positivo na confirmación de raza, para capacita-los exemplares con fins reproductivos e inclusión da súa futura descendencia no libro xenealóxico da raza.

6. Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado, para efectos do libro xenealóxico, mediante un transponder (microchip), implantado subcutaneamente no lado esquerdo do pescozo ou subsidiariamente a tatuaxe na cara interna da orella dereita, ou polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

O transponder ou microchip terá prioridade sobre a tatuaxe e deberá axustarse á Norma ISO 11784, podendo ser lido por un lector englobado na Norma ISO 11785.

ANEXO II

ESTÁNDAR RACIAL DO CAN DE PALLEIRO

Orixe: Galicia. España. Europa.

Función zootécnica ou da raza: can pastor e tamén de garda.

A. Breve resumo histórico.

I. Orixe da raza.

Can de tronco indoeuropeo, o seu agriotipo foi o principal antepasado dos cans de campesiño de Centro Europa, acompañando os pobos precélticos atlánticos, centroeuropeos e nórdicos nas sucesivas ondas de invasións (celtas, suevos, visigodos e normandos) que poboaron a vertente atlántica noroccidental da península ibérica; compartindo unha orixe común cos pastores belgas, holandeses, de Picardía, Castro Laboreiro, alemáns, etc. e foron mesturadas moi frecuentemente con este último.

É o can de granxa por antonomasia que existiu desde sempre en Galicia; recibe o nome de Can de Palleiro en alusión ó palleiro onde adoita durmir.

II. Área de orixe e dispersión.

Comprende toda a zona atlántica noroccidental da península ibérica.

Atópase en toda Galicia, ó longo do agro galego. Hai animais por terras de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada (Pontevedra), nos concellos ourensáns de Allariz, Celanova, Xinzo de Limia, A Merca, O Irixo, en terras dos Ancares e interior da provincia de Lugo, así como por distintas zonas da provincia da Coruña.

B. Prototipo racial.

1. Características xerais.

Aparencia xeral.

Este animal é de tronco indoeuropeo, rústico e fornido, de tipo lupoide, de perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns 60-62 cm á cruz; mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos, característica da súa rusticidade. As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas.

A pesar de presentar unha osamenta forte non dá unha sensación de pesadez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación.

Temperamento e comportamento.

Can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas arreándoas e gardándoas como tamén coida da casa. Gardián de proverbial intelixencia, presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo ademais valente e trabador, características que o fan un gran colaborador na conducción e garda do gando. Cunha gran fidelidade para co seu amo, coa xente da casa tórnase doce e tranquilo.

É necesario destaca-la estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor, polo que este trazo débese coidar en extremo, fomentando a selección de exemplares equilibrados e suficientemente socializados.

2. Características rexionais.

Cabeza.

A cabeza é forte, cunha lonxitude aproximada de 4/10 a alzada á cruz, en forma dunha pirámide horizontal, con óso denso, proporcionada coa conformación do animal. O cranio é plano e largo, con arcos superciliares suavemente marcados e concas orbitarias pouco apreciables. A depresión frontonasal non é moi evidente. O nariz e o fociño son medianos e angostos, proporcionais ás dimensións da testa. Os beizos son normais e apertados (sen que o superior supere a base das enxivas inferiores), non teñen tendencia a ser colgantes. As mandíbulas son fortes, con arcada dentaria completa e ortognatos, coa trabada en tesoira. Os ollos son de mediano tamaño e de expresión vivaz, de cor variable, desde castaña escura nas capas negras, ata a cor mel ou amarela; nalgúns exemplares, a pigmentación das pálpebras é negra. As orellas son de inserción alta, grandes e erguidas, cunha implantación un pouco aberta.

Pescozo.

Presenta un pescozo musculoso e proporcionado coa cabeza e o tronco. Debe formar un ángulo coa horizontal de 45º, a elevación é máis evidente co can en acción. A pel non forma papada.

Tronco.

O corpo no seu conxunto é mediano aínda que lixeiramente alongado. A cruz é forte para a inserción co pescozo; a liña dorso-lumbar debe ser lixeiramente descendente, sen enselarse, con lombo curto, ancho e forte, a cruz dos cadrís é redondeada. O peito é longo e profundo, o seu perímetro supera en Œ a súa alzada á cruz, con fortes costelas que non son aplanadas nin pronunciadas. O abdome é curto e lixeiramente ascendente ós pregamentos do ventre. O rabo é groso, de nacemento alto e presenta abundante e denso pelo, en movemento elévao pero non o leva enroscado na cruz dos cadrís.

Extremidades.

As extremidades son rectas e ben verticais, presentando unha forte estructura ósea.

-As extremidades anteriores.

Son fortes, secas, paralelas e ben verticais. A escápula forma un ángulo de 45º coa horizontal, uníndose co brazo en ángulo recto (articulación escápulo-umeral). O brazo é forte e musculoso. Os cóbados non deben estar moi separados nin apertados ó peito, con liberdade de movementos.

Antebrazos rectos que diminúen o seu grosor de xeito gradual ata as cuartillas ou metacarpos. Os carpos son de bo desenvolvemento e fortaleza. Os metacarpos están ben proporcionados, con bo desen

volvemento óseo. Os pés son ovalados, aínda que con certa tendencia a ser redondeados; con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duros e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou tamén brancas nas capas claras.

-As extremidades posteriores.

Son fortes, paralelas, perfectamente verticais posteriormente e con angulacións evidentes. Pernil largo, musculoso e flexible. Xeonllo forte. Pernas fortes. Xarretes fortes e paralelos. Metatarsos sólidos, robustos e paralelos. Pés ovalados, con tendencia a redondearse, con dedos grosos e curtos, ben pechados, con almofadas plantares moi duros e unllas curtas e fortes, de cor escura, ou branca, nos animais de capa clara. A presencia de esporón e sexta unlla é relativamente frecuente, aínda que non é desexable.

Movemento.

Os movementos son áxiles e fortes. O movemento habitual é o paso, trocando ó trote e/ou galope sen esforzo se o traballo o require.

Manto.

Pel.

A pel tende a ser grosa, sen flaccidez, adherida ó corpo e á testa.

Capa (cor).

A capa (cor) é normalmente uniforme, presentando unha gran variedade desde areas, canelas, castaños, leonados e incluso negros; en ocasións poden presentarse exemplares coa capa binaria alobada (pelos de cor amarela e nas puntas, negra), coa mestura íntima de pelos amarelos e escuros, amarelando no pescozo, gorxa, peito e extremidades, como sucede nos casos de exemplares desta capa (can lobo). Non son aceptables os individuos brancos marxados nin aqueles con grandes particularidades brancas.

Pelo.

En canto ó pelo é espeso, tupido e denso, máis no inverno, por ser un animal que adoita vivir ó pé da casa, sempre fóra, co gando ou no palleiro.

Tamaño e peso.

Alzada á cruz.

Machos 59-65 cm; femias 57-63 cm.

Peso.

Machos 30-38 kg; femias: 25-33 kg.

C. Faltas, defectos e faltas e defectos descualificables.

C.1. Faltas.

Calquera desviación dos criterios mencionados.

C.2. Defectos.

Orixina a diminución máis ou menos acusada dalguna función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao en

que se vexa menoscabada a aptitude esencial do animal:

-Coxeiras en extremidades.

-Ablacións ou mutilacións en orellas e rabo.

-Ausencia de pezas dentarias por extraccións.

-Traumatismos nos ollos con perda de visión.

C.3. Faltas e defectos descualificables.

Son aquelas características que en absoluto se axustan ós criterios mencionados no estándar racial e son excluíntes por si mesmas:

-Anomalías psíquicas.

-Defectos anatómicos ou de tipo, ligados a xenes indesexables:

Inestabilidades ou desequilibrios de carácter.

A timidez ou agresividade extrema sen provocación.

Epilepsia.

Monorquidia e criptorquidia.

Displasia de cadeira.

Atrofia progresiva da retina.

Peches incorrectos das arcadas dentarias: enognatismos e prognatismos.

Ausencia de máis de dous premolares.

Albinismos.

Os exemplares brancos marxados.

As capas brancas ou con grandes particularidades brancas.

Iris de cor azul.