Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 11 de maio de 2001 Páx. 6.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de abril de 2001 pola que se fai público o estándar racial do Podengo Galego e se crea o libro xenealóxico da raza.

As distintas características sociais, culturais e ambientais nas que un pobo leva a cabo as súas actividades levan consigo a aparición de razas animais que se adaptan a estas necesidades e ó medio.

A Unión Europea e outras organizacións internacionais como a FAO instan os gobernos a promoveren a protección, valoración e conservación das razas de animais domésticos en perigo de extinción.

Dentro do Plan de Mellora Gandeira de Galicia, no que se establecen liñas xerais para a recuperación e conservación das razas autóctonas en perigo de extinción e, tras dun período de documentación, de estudio e de prospección do agro galego na busca de animais da especie canina, comprobouse a existencia dunha poboación canina comunmente denominada polos criadores como Podengo Galego, composta por exemplares que gardan entre si unhas características similares e diferenciadoras doutras razas xa descritas.

A situación social vivida en Galicia durante o derradeiro século empurrou a gran parte da nosa poboación á emigración, sendo o regreso destes emigrantes unido á mellora na situación económica o motivo da entrada de razas foráneas que en gran parte desprazaron as nosas razas autóctonas, que actualmente se atopan en grave perigo de extinción.

Debido ó interese xenético, social e cultural que supón para Galicia a recuperación, conservación e fomento da raza Podengo Galego, e encadrado no seu programa de recuperación e conservación, resulta procedente a publicación do seu estándar racial e a implantación do seu libro xenealóxico, tendo en conta o Real decreto 391/1992, do 21 de abril, polo que se regula o recoñecemento oficial das organizacións ou asociacións de criadores de animais de raza que leven ou creen libros xenealóxicos, que incorpora ó ordenamento xurídico interno a Directiva 91/174/CE, do 25 de marzo, relativa ás normas zootécnicas e xenealóxicas que regulan a comercialización de animais de raza e pola que se modifican as Directivas 77/504/CEE e 90/425/CEE.

Por todo isto e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983 reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase a regulamentación específica do Libro Xenealóxico da Raza Podengo Galego e o seu estándar racial, que figuran respectivamente como anexo I e II desta orde.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

REGULAMENTACIÓN ESPECÍFICA DO LIBRO XENEALÓXICO DA RAZA PODENGO GALEGO

1. Libro xenealógico: rexistro, ficheiro ou sistema informatizado onde se inscriben cans de raza pura Podengo Galego, facendo mención dos seus ascendentes, descendentes e os méritos recibidos nas suas cualificacións morfolóxicas (fenotipo), como reproductor e de traballo (se procede), sendo o órgano responsable e competente a Consellería de Agricultura Gandería e Política Agroalimentaria, que poderá delega-la súa xestión do mesmo en organizacións recoñecidas oficialmente pola dita autoridade competente para tales efectos.

2. Xestión do Libro Xenealóxico da Raza Podengo Galego.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será o órgano competente para leva-lo Libro Xenealóxico da Raza Podengo Galego.

Non obstante, cando un club da raza Podengo Galego, con recoñecemento oficial, segundo Real decreto 391/1992, do 21 de abril, BOE 24 de abril e demais lexislación concordante reúna as condicións de medios e de infraestructura para a correcta xestión do libro xenealóxico, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria poderalle encomendar ó dito club a súa levanza. En todo caso, a propiedade, inspección e intervención do libro xenealóxico será competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

3. O Libro Xenealóxico da Raza Podengo Galego constará dos seguintes rexistros:

1. Sección Anexa:

1.1. Rexistro de Nacementos.

1.1.1. Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN).

1.2. Rexistro de Adultos.

1.2.1. Rexistro Fundacional (RF).

1.2.2. Rexistro Auxiliar de Adultos (RA).

2. Sección Principal:

2.1. Rexistro de Nacementos.

2.1.1. Rexistro Principal de Nacementos (RN).

2.2. Rexistro de Adultos.

2.2.1. Rexistro Definitivo (RD).

2.2.2. Rexistro de Méritos (RM).

Seccións

Rexistros

Sección anexaSección principal

Rexistro de nacementos Rexistro auxiliar de nacementos (RAN) Rexistro principal de nacementos (RN)

Rexistro de adultosRexistro

fundacional

(RF)

Rexistro

auxiliar

(RA)

Rexistro

definitivo

(RD)

Rexistro

de méritos

(RM)

Para a inscrición dun animal en calquera dos rexistros xenealóxicos que lle corresponda, o titular ou o seu representante legal deberá solicitalo de xeito expreso nun impreso normalizado e aprobado para o efecto, pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico da Raza Podengo Galego e acredita-los criterios de inscrición especificados nesta orde.

O paso de animais dun rexistro a outro prodúcese automaticamente segundo o establecido nesta regulamentación.

Como referendo ós rexistros deste libro xenealóxico e para maior garantía de inscrición e identificación dos exemplares neles, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico poderá realiza-las dilixencias e inves

tigacións que coide pertinentes para aclarar cantos extremos considere necesarios, podendo, así mesmo, recorre-la verificación do parentesco mediante as correspondentes probas de paternidade.

O libro xenealóxico desta raza contará con dúas seccións, Sección Anexa e Sección Principal, en cada unha das cales haberá tres rexistros.

a) Sección anexa:

Poderán ser inscritos os cans que carecen total ou parcialmente de documentación xenealóxica que acredite a súa ascendencia, pero que polas súas características étnicas poidan contribuír á mellora da raza.

Rexistro Auxiliar de Nacementos (RAN): nel inscribiranse todos aqueles animais, de pais e/ou avós rexistrados, en que polo menos sempre un dos seus proxenitores ou avós se atope no Rexistro Fundacional.

Rexistro Fundacional (RF): rexistraranse aqueles animais, maiores de 24 meses, con pais descoñecidos ou non rexistrados e que previamente teñan pasado a confirmación de raza.

Este rexistro ten unha vixencia limitada, que virá determinada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Rexistro Auxiliar de Adultos (RA): incluirá aqueles animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Nacementos que, a partir dos 18 meses, obrigatoriamente deberán pasa-la confirmación de raza.

b) Sección principal:

Poderán ser inscritos os cans de raza pura.

Rexistro Principal de Nacementos (RN): inscribiranse todos aqueles animais que proveñan de pais, avós e bisavós que estean inscritos no Libro Xenealóxico da Raza.

Rexistro Definitivo (RD): os animais procedentes do Rexistro Principal de Nacementos, para poder seren inscritos neste Rexistro Definitivo deberán pasa-la confirmación de raza a partir dos 18 meses.

Rexistro de Méritos (RM): é para aqueles animais adultos, inscritos no Rexistro Definitivo, que polas súas cualidades morfolóxicas (fenotipo), reproductoras (xenéticas) e de traballo (se procede), destaquen significativamente sobre o resto dos animais rexistrados. Excepcionalmente e consensuado polo comité técnico e criadores do libro xenealóxico, logo da autorización da autoridade competente, poderían incluírse animais inscritos no Rexistro Auxiliar de Adultos ou no Fundacional.

4. Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

Conforme o establecido nesta regulamentación e como salvagarda das actividades do libro xenealóxico e garantía da súa pureza racial, funcionará unha comisión denominada Comisión Rectora do Libro

Xenealóxico, de exemplares, que terá a constitución e cometidos seguintes:

Composición da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Presidente: o subdirector xeral de Sanidade e Producción Animal ou persoa na que delegue.

b) Inspector director técnico: o xefe do Servicio de Producción Animal ou persoa na que delegue.

c) Secretario: un veterinario do Servicio de Producción Animal.

d) Vocais:

Un técnico cualificador da raza nomeado, para o efecto, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O presidente do Club da Raza Podengo Galego, recoñecido oficialmente pola autoridade competente, ou persoa na que delegue.

Competencias da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico:

a) Aprobar, se procede, as solicitudes de inscrición de animais nos distintos rexistros do libro xenealóxico.

b) Expedi-los respectivos documentos xenealóxicos.

c) Atende-las incidencias que xurdan do normal funcionamento do libro xenealóxico, así como resolve-las reclamacións que puideran presentarse.

d) Propoñe-las modificacións do prototipo racial ou da regulamentación específica do libro xenealóxico que consideren convenientes.

e) Valida-los técnicos cualificadores da raza.

f) Dicta-las instruccións oportunas e establece-los documentos necesarios para o correcto funcionamento do réxime interno do libro xenealóxico.

5. Criterios de inscrición.

O criador deberá inscribi-la camada nacida no prazo de 6 meses.

1. Para que os cans de raza pura poidan ser inscritos na Sección Principal deberán:

a) Provir de pais, avós e bisavós que estean inscritos no libro xenealóxico da raza recoñecido oficialmente pola autoridade competente.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealógico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ter sido identificados despois do nacemento, logo da verificación do cumprimento dos requisitos contidos nesta orde.

d) No momento de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes a identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode achega-los datos de identificación

dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealógico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Cumpri-lo estándar racial e os requisitos mínimos da raza conforme o previsto na presente orde.

2. Para que os cans de raza poidan ser inscritos na Sección Anexa deberán:

a) Axustarse ó estándar da raza.

b) Ter sido declarada a cubrición e a notificación do nacemento da camada, nun prazo de 30 días a partir da data de nacemento, en impresos asinados polos propietarios dos proxenitores, e autorizados para tal fin pola Comisión Rectora do Libro Xenealógico, detallando o número total de cachorros nados.

c) Ser identificados despois do nacemento, de acordo cos requisitos previstos nesta orde.

d) No momento de formaliza-la solicitude de inscrición das camadas, o criador deberá achega-los datos correspondentes á identificación de cada un dos cachorros. Non obstante, se por algunha razón o criador non pode achega-los datos de identificación dalgún dos cachorros nados, faráselle entrega dun xustificante provisional de inscrición no que figurará a obriga que adquire o criador ou o novo propietario de identificalo e xustifica-la identificación perante a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, no prazo máximo de 9 meses desde a data de nacemento.

e) Reuni-las características mínimas de conformidade cos requisitos previstos nesta orde.

3. Os animais deberanse someter ó proceso de confirmación de raza requirido, realizado por persoal experto, nomeado para tal efecto pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, co obxecto de comproba-la súa aptitude para a cría e a ausencia de defectos zootécnicos e psíquicos de carácter transmisible.

Será preceptivo un resultado positivo na confirmación de raza, para capacita-los exemplares con fins reproductivos e inclusión da súa futura descendencia no libro xenealóxico da raza.

6. Identificación de exemplares.

Todo animal inscrito será identificado, para efectos do libro xenealóxico, mediante un transponder (microchip), implantado subcutaneamente no lado esquerdo do pescozo ou subsidiariamente a tatuaxe na cara interna da orella dereita, ou polo método que aprobe a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico.

O transponder ou microchip terá prioridade sobor da tatuaxe e deberá axustarse á Norma ISO 11784, podendo ser lido por un lector englobado na Norma ISO 11785.

ANEXO II

ESTÁNDAR RACIAL DO PODENGO GALEGO

Orixe: Galicia. España. Europa.

Función zootécnica ou da raza: can de caza.

A. Breve resumo histórico.

I. Orixe da raza.

Tódolos podengos ibéricos (eivisenco, andaluz, galego, portugués) están emparentados e comparten un mesmo tronco común cos restantes podengos da área mediterránea, como o podengo dos faraóns (illas de Malta e Gozo), o cirneco do Etna (Sicilia), o podengo da illa Lampedusa (Tunicia), o podengo charnigue ou charnègre do Rosellón e a Provenza (Francia) e mailo podengo canario.

Este tipo de animal xa estaba presente no antigo Exipto (IV milenio a. C.) e era coñecido co nome de tesem ou lebrel exipcio de orellas rectas, así como tamén en Eritrea e Somalia; proviña moi probablemente do antigo can neolítico das sabanas saharianas, de aspecto lebreloide (tipo graioide) e de orellas erectas, presentes nas pinturas rupestres da desolada paisaxe do Tassili dos Ajjer, no Ued Djerat do Sáhara central alxeriano (VII milenio a. C), sendo estendido polas rutas comerciais, ó longo de toda a conca mediterránea, por mercadores cretenses (2000 a. C.), fenicios (1000 a. C.), gregos e cartaxineses, sendo así mesmo apreciado polos romanos para a caza do coello e da lebre con redes en Hispania.

II. Área de orixe e de dispersión.

Comprende toda a zona noroccidental da Península Ibérica, con montañas de 600 m a 800 m sobre o nivel do mar, con zonas de serra e monte forestado con abundante vexetación arbustiva, con silvas e matogueira do tipo do toxo, uces, carrasca, carpaza, carrasco, codesos, xesta, etc., que forman un monte baixo e/ou sotobosque, onde se atopan os coellos, lebres, raposos e demais caza de pelo e pluma (arcea, perdiz e paspallás).

Atópase espallado por toda Galicia, pero principalmente polas provincias de Pontevedra e Ourense, aínda que tamén se localizan exemplares nas outras provincias galegas.

B. Prototipo racial.

1. Características xerais.

Aparencia xeral.

Animal de tipo primitivo, graioide, de tamaño mediano, lixeiro e sublonxilíneo, tipo dolicomórfico; moi rústico, austero, sobrio, áxil, con gran capacidade olfactiva, auditiva e visual, calidades estas que, xunto coa súa astucia, lle confiren un característico comportamento de intelixencia natural durante a caza. As orellas son erguidas, largas na base e moi movibles. Son animais moi uniformes, de tamaño mediano e lixeiro, de capa canela en tódolos seus gradientes, dende a cor area ós avermellados, podéndose atopar, ás veces, exemplares fígado/chocolate, presentándose normalmente acolarados e/ou calzados en branco, podendo ser de

pelo semicurto ou de mediana lonxitude. Teñen o ventre recollido. As femias son lixeiramente máis liviás e esveltas cós machos.

Temperamento e comportamento.

É un tipo de animal levantador da peza (non mostra), sendo un dos máis completos dentro das razas englobadas nesta categoría. É un cazador astuto e pícaro, incansable, verdadeiro auxiliar para o cazador, con extraordinaria habilidade para a caza do coello e do raposo, aínda que tamén con destreza para a perdiz, pois ademais do nariz emprega moito o oído e a vista en apoio do olfacto. Caza a paso rápido que alterna co trote na busca, de forma continua, ventando ou baixando a cabeza na procura do rastro, levando a cabeza á altura do tronco cando detecta o rastro no aire e movendo entón o rabo dun xeito ostensible. Cobra ben a peza ferida, portándoa ó cazador.

É un animal polivalente, xa que se adapta a calquera modalidade do terreo, situación e tipo de caza; está especializado para descubri-la caza no campo e sacala do seu escondedoiro sen necesidade de mostra. Ó percibi-lo olor da peza aniñada, lánzase de súpeto sobre ela (algúns exemplares realizan, co paspallás, unha pequena parada), sendo moi adecuado para acompaña-lo cazador solitario, na modalidade do salto, xa que non adoita afastarse en exceso, realizando unha busca de 30-40 metros ó redor.

2. Características rexionais.

Cabeza.

Dolicocéfalo, cunha lonxitude aproximada de 4/10 a alzada á cruz, en forma piramidal de cono alongado. O cranio é reducido e plano. Depresión fronto-nasal pouco acentuada. Fociño longo e delgado, en liña recta coa testa. Nariz saínte e anguloso, con ventas de boa abertura. Beizos pequenos e apertados. Dentadura forte e de peche en tesoira. Os ollos son vivos e expresivos, lixeiramente oblicuos (semilaterais), de forma ovalada e de cor acorde coa capa. Con orellas erguidas, de forma triangular, de tamaño medio e anchas na base.

Pescozo.

Pescozo levemente arqueado, musculoso, ben proporcionado sen presentar papada.

Tronco.

Corpo rectangular. Cruz longa e estreita. Liña dorso-lumbar recta, co lombo curto, largo e flexible, ben unido de forma continua co dorso. Cruz dos cadrís media, recta e larga. Peito medio e con tendencia á profundidade. Costelar pouco arqueado e alongado. Ventre recollido pero non retraído. Cola de inserción alta, de tamaño mediano e provista de pelos algo máis longos. En repouso descansa caída ou levemente arqueada entre as pernas, á altura dos xarretes; en movemento elévaa arqueándoa sobre a cruz dos cadrís en forma de fouce, pero nunca enroscada sobre si.

Extremidades.

Son gráciles, coas verticalidades longas, rectas e moi fortes, aínda que con óso fino.

-Extremidades anteriores.

Costas (escápulas) lixeiramente inclinadas, respecto da liña horizontal, cunha abertura duns 50º; o ángulo escápulo-humeral é aberto, maior de 90º, antebrazos verticais e longos. Os pés son de forma ovalada, con almofadas duras e unllas fortes.

-Extremidades posteriores.

Os pernís son longos, musculosos e oblicuos, coa nádega alongada e algo descendida. Xarretes con ángulos abertos e baixos. Os pés son de forma ovalada, con almofadas duras e unllas fortes, en ocasións con presencia de esporóns, que non son desexables.

Movemento.

Paso longo e de movementos moi rápidos, saltaríns e de gran velocidade.

Manto.

-Pel.

De mediano grosor e pegada ó corpo.

-Capa (cor).

De capa unicolor canela en tódolos seus gradientes, desde a cor area a avermellados, podéndose atopar tamén exemplares fígado/chocolate, amosándose frecuentemente acolarados, manchados no peito, testa, cola e punta dos pés, e tamén calzados en branco. Tamén poden aparecer ocasionalmente animais brancos marxados en canela ou laranxa.

-Pelo.

Semicurto ou de mediana lonxitude, groso e denso. En ocasións presentan algúns pelos algo máis longos e grosos ó redor do fociño. Non ten pelo duro.

Tamaño e peso.

-Alzada á cruz.

De 42 a 52 cm: machos de 46 a 52 cm e femias de 42 a 46 cm.

-Peso.

De 10-15 kg.

C. Faltas, defectos e faltas e defectos descualificables.

C.1. Faltas.

Calquera desviación dos criterios mencionados.

C.2.Defectos.

Orixina a diminución máis ou menos acusada dalgunha función determinada do animal, podendo ser total, parcial ou rexional, dependendo do grao en que se vexa menoscabada a aptitude esencial do animal:

-Coxeiras en extremidades.

-Ablacións ou mutilacións en orellas e rabo.

-Ausencia de pezas dentarias por extraccións.

-Traumatismos nos ollos con perda de visión.

C.3. Faltas e defectos descualificables.

Son aquelas características que en absoluto se axustan ós criterios mencionados no estándar racial e son excluíntes por si mesmas:

-Anomalías psíquicas.

-Defectos anatómicos ou de tipo, ligados a xenes indesexables:

Inestabilidades ou desequilibrios de carácter.

Agresividade extrema sen provocación.

Epilepsia.

Monorquidia e criptorquidia.

Displasia de cadeira.

Atrofia progresiva da retina.

Peches incorrectos das arcadas dentarias: enognatismos e prognatismos.

Ausencia de máis de dous premolares.

Albinismos.