Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 105/2001, do 3 de maio, polo que se crea a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro (Lugo).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta Comunidade Autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, integra as ensinanzas de idiomas dentro da reordenación do sistema educativo que implanta, e determina, no seu artigo 50, que as ensinanzas de idiomas que se impartan nas escolas oficiais terán a consideración de ensinanzas de réxime especial a que se refire esta lei, e que a súa estructura, efectos académicos e titulacións serán as establecidas na súa lexislación específica; regulación propia que se encontra recollida na Lei 28/1981, do 24 de xuño, de ordenación das escolas oficiais de idiomas, e no Real decreto 967/1988, do 2 de setembro.

Por outra parte, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, determina no seu artigo 17 que a creación dos centros públicos

será efectuada polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma correspondente e competente.

Finalmente, considerando conveniente satisface-la crecente necesidade social de coñece-los idiomas europeos e as linguas cooficiais do Estado español é polo que se estima oportuno proceder á creación da Escola Oficial de Idiomas de Viveiro (Lugo).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Escola Oficial de Idiomas de Viveiro (Lugo) e adscríbese á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará os cadros de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira única

O presente decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria