Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 106/2001, do 26 de abril, polo que se regulan os custos dos servicios que as empresas distribuidoras de gas natural por canalización prestan a usuarios.

A Lei 34/1998, de 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, di no punto 3 do seu artigo 91 que as comunidades autónomas, respecto ós distribuidores que desenvolvan a súa actividade no seu ámbito territorial, establecerán o réxime económico dos dereitos de alta, así como dos demais custos derivados de servicios necesarios para atende-los requirimentos de abastecemento dos usuarios.

A finalidade do presente decreto, con base no exposto, é a de establecer unha regulación dos diferentes conceptos polos que as empresas distribuidoras poden facturarlles ós usuarios, incluíndo expresamente os dereitos de alta correspondentes ós custos derivados da dispoñibilidade do servicio, da contratación e da inspección previa das insta

lacións receptoras e os dereitos de reenganche, xerados como consecuencia do corte de abastecemento por non pagamento do usuario e a posterior posta en marcha da instalación.

Desta maneira garánteselles ós usuarios do servicio o coñecemento das cantidades máximas polas que as empresas poden facturar por estes conceptos, evitando situacións de indefinición normativa e facendo efectiva unha maior transparencia no relacionado coa facturación das empresas distribuidoras.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Dereitos de alta.

As empresas distribuidoras que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia poderán facturarlles os seus usuarios, en concepto de dereitos de alta, os custos derivados da contratación e da inspección previa das instalacións receptoras, sempre que se inicie ou amplíe o abastecemento e que proceda regulamentariamente realiza-la inspección da instalación, tanto en instalacións de nova construcción como en instalacións xa existentes.

Estes dereitos non superarán, en cada caso concreto, as seguintes cantidades máximas:

a) Usuarios domésticos con consumo inferior ou igual a 50.000 termias/ano e comerciais con consumo inferior ou igual a 40.000 termias/ano: 10.741 pesetas (64,55A), (IVE non incluído).

b) Usuarios domésticos con consumo superior a 50.000 termias/ano e comerciais con consumo superior a 40.000 termias/ano: 15.252 pesetas (91,66 A), (IVE non incluído).

c) Usuarios industriais: 15.252 pesetas (91,66 A) + caudal máximo diario contratado en Nm/día X 150 pesetas (0,90 A)/(Nm/día); con límite máximo de 78.000 pesetas (468,79 A), (IVE non incluído).(Nm: metro cúbico medido en condicións normais).

Artigo 2º.-Dereitos de reenganche.

As empresas distribuidoras poderán facturarlles ós seus usuarios, en concepto de dereitos de reenganche, os custos derivados do precintado e posterior posta en marcha de instalacións nas que se produciu un corte de abastecemento como consecuencia do non pagamento por parte do usuario do importe do abastecemento. Estes dereitos non superarán a cantidade máxima de 5.370 pesetas (32,27 A), (IVE non incluído).

Artigo 3º.-Desagregación dos conceptos na póliza de aboamento.

As cantidades que se perciban polos conceptos referidos deberán figurar desagregadas na póliza de aboamento ou documento anexo.

Artigo 4º.-Facturación por outros conceptos.

Queda excluída a facturación ós usuarios por outros conceptos diferentes dos previstos expresamente neste decreto ou en calquera outra norma que resulte de aplicación.

Artigo 5º.-Infraccións e sancións.

Sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos administrativos, correspóndelles ós órganos competentes en materia de industria e enerxía da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do ámbito das súas competencias, vixia-lo exacto cumprimento desta disposición, de acordo co disposto no réxime de sancións previsto no título VI da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Actualización dos dereitos de alta e reenganche.

As contías máximas sinaladas, que non incluirán o imposto sobre o valor engadido, actualizaranse anualmente, de xeito automático, en función do índice xeral de prezos ó consumo do ano anterior.

Segunda.-Modificación dos prezos máximos.

Con independencia do disposto nos artigos anteriores, o prezo máximo establecido poderá ser modificado mediante orde do conselleiro de Industria e Comercio, logo de xustificación da modificación substancial dos custos derivados da contratación e da inspección previa das instalacións receptoras do abonado prevista na regulamentación vixente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio