Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 01 de xuño de 2001 Páx. 7.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 123/2001, do 26 de abril, polo que se acepta a doazón do arquivo persoal de Carlos Martínez-Barbeito y Morás a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data 29 de marzo de 2001 Isabel Martínez-Barbeito y Morás ofertou á Comunidade Autó

noma de Galicia a doazón do arquivo persoal do seu irmán Carlos Martínez-Barbeito y Morás.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o expediente de aceptación, logo dos informes favorables do director do Arquivo do Reino de Galicia e da Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda do seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que Isabel Martínez-Barbeito y Morás acordou a doazón e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la doazón, feita por Isabel Martínez-Barbeito y Morás, dos bens mobles que constitúen o arquivo persoal de Carlos Martínez-Barbeito y Morás, composto de 17 unidades de instalación que comprenden documentos desde 1913 a 1998 relativos ás súas actividades profesionais, literarias, artísticas e investigadoras.

Artigo 2º

Os bens mobles doados destinaranse ós museos e coleccións públicas da Xunta de Galicia, quedando adscritos á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda