Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 01 de xuño de 2001 Páx. 7.321

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 125/2001, do 10 de maio, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun inmoble, no termo municipal de Sarria (Lugo), para a instalación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción.

O Pleno da Corporación municipal do Concello de Sarria, reunido en sesión do día 28 de setembro de 1995, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia un inmoble de 644 m de superficie, no termo municipal de Sarria (Lugo), para a instalación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Sarria acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun inmoble de 644 m de superficie, situado no termo municipal de Sarria (Lugo), que a seguir se describe:

Urbana.-Antiga casa do concello e cárcere vello, formando un conxunto sinalado co número 1 da rúa

Maior de Sarria, cunha superficie total de 644 m, composto por un edificio de baixo e alto.

O conxunto linda, ó norte, edificio do cárcere do partido, ó sur, rúa Maior, ó leste, propiedade de José María Álvarez Neira e ó oeste, avenida da Mercé.

Inscrito a favor do Concello de Sarria no tomo 375, libro 149 de Sarria, folio 44, predio 16.629 inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á instalación do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Sarria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda