Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 19 de xuño de 2001 Páx. 8.163

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 18 de xuño de 2001 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais referentes á folga convocada no sector de telemárketing polos sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CC.OO.), con ámbito en todo o territorio do Estado español, para o día 20 de xuño de 2001.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

As centrais sindicais UGT e CC.OO. convocaron unha folga no sector do telemárketing no ámbito de todo o territorio do Estado español, que se desenvolverá entre as 00.00 horas e as 24 horas do día 20 de xuño de 2001.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG número 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a protección civil.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e ante cada situación

de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Como a folga afecta ó persoal da empresa adxudicataria do servicio de operación telefónica na central de Emerxencias 112 SOS-Galicia, MK Plan 21 Proyectos de Márketing, S.L.L., que desenvolve as súas funcións no edificio de usos múltiples de San Marcos en Santiago de Compostela, e estes servicios mínimos resultan imprescindibles para evitar que se produzan prexuízos irreparables ós cidadáns que poden afectar incluso ás vidas das persoas, tendo en conta que estes servicios mínimos son os mesmos que se fixaron para anteriores convocatorias de folga, e logo da audiencia dos sindicatos convocantes,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga no sector do telemárketing convocada para o día 20 de xuño de 2001, desde as 00.00 horas ata as 24 horas no ámbito territorial do Estado español, que afecta ó persoal da empresa adxudicataria do servicio de operación telefónica na Central de Emerxencias 112- SOS- Galicia, MK Plan 21 Proyectos de Marketing, S.L.L., enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos seguintes:

50% do persoal das quendas de mañá e tarde e 75% do persoal da quenda de noite.

Artigo 2º

A designación nominal do persoal que deberá cubri-lo servicio realizaraa o xerente da empresa adxudicataria do servicio e procederase á súa publicación nos taboleiros de anuncios do centro de traballo.

Artigo 3º

As alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE número 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó pesoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación para efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios de Servicio de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais