Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 11 de xullo de 2001 Páx. 9.339

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 27 de xuño de 2001 pola que se insire o municipio de Celanova na zona territorial 1ª para efectos das axudas públicas en materia de vivenda.

De conformidade co disposto no número 1º do artigo 9 do Decreto 345/1998, do 20 de novembro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, para o período 1998-2001, para efectos de determina-lo prezo máximo de venda das vivendas de protección pública, doutras vivendas xa construídas con adquisición protexida e das vivendas de promoción pública, o municipio de Celanova foi integrado dentro da zona territorial 2ª.

Non obstante, Celanova presenta unhas características no que atinxe á promoción de vivendas e preparación de solo, que aconsella a súa inclusión no grupo daqueloutros municipios da provincia de Ourense que quedaron definidos como pertencentes á zona territorial 1ª no referido decreto, pois de feito presenta unhas condicións obxectivas moi semellantes canto ós factores que se teñen en conta para a súa integración na mesma zona.

Débese ter en conta, ademais, que Celanova é cabeceira de comarca localizada na zona de influencia da capital ourensá, o municipio conta cunha poboación de 6.000 habitantes e unha elevada demanda de vivendas, un dinámico sector da construcción e un avanzado planeamento urbanístico desde o ano 1969, xa que dispón de Plan Xeral de Ordenación Urbana revisado en 1995.

Polo cal, e en virtude do previsto na disposición adicional segunda do referido Decreto 345/1998, do 20 de novembro, e en uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Que nas zonas territoriais establecidas no artigo 9 do Decreto 345/1998, do 20 de novembro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 1186/1998, do 12 de xuño, para o período

1998-2001, para efectos de determina-lo prezo máximo de venda das vivendas de protección pública, doutras vivendas xa construídas con adquisición protexida e das vivendas de promoción pública, se insira Celanova entre os municipios incluídos na Zona territorial 1ª que se relacionan no anexo do dito decreto.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2001.

José Cuiña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda